jueves, 16 de mayo de 2024

XOVES 16 de MAIO do 2024

Outro xoves máis, víspera das "Letras Galegas-2024", comezamos a emisión, unha vez máis con todos vosoutros. Despois da sintonía, das salutacións e escoitar un bocadiño de música, poñémonos en contacto con FELIPE LUBIÁN LUBIÁN, Ilmo.Sr. Alcalde de Lubián. Felicitámolo por estar elixido para que se lle conceda o bastón de mando e ser nomeado "Xuíz do Couto Mixto-2024". Mantemos unha conversa moi interesante, chea de informacións diversas e moito ensino, relacionado con varias actividades e eventos nos que participará como ponente, así como tamén outros actos de certa relevancia que nos describe con moita precisión. Desexamnos que siga nesa liña cultural chea de engado, e agradecémoslle a súa amable atención. Seguiremos en contacto.

A segunda participación é a do escritor MANUEL VÁZQUEZ, que ven de publicar a súa novela titulada: "O pracer da chuvia". Felicitámolo e cóntanos cómo foi a creación deste libro, quen lle fixo o prólogo, cómo chegou á publicación na Editorial Medulia. Tamén nos informa da publicación doutro libriño de poemas, e que está a traballar para poder publicar outra novela. Xa leva máis dun ano presentado ese traballo por moitas localidades galegas, e séntese satisfeito e moi contento coa recepción que recibe. Nosoutros ofrecémoslle poder presentalo na Asociación Rosalía de Castro, si se atreve a visitarnos. Desexamos que teña moitos éxitos.

Continuamos a programación poñendonos en contacto con DAVID SIMÓN LORDA, da Asociación "Amigos da República" en Ourense, que teñen previsto a celebración de: "A Raia Seca Solidaria", cunha homenaxe ao guerrilleiro antifascista Alfredo Yáñez, "O Aguirre", e á comunidade de Sernande (Vinhais). Pon en valor os traballos e documentacións que aportan don Dionisio Pereira e dona Lorena Varela, grandes investigadores. Os actos terán lugar na comunidade de Sernande (Portugal) e A Gudiña (Ourense) durante o día 25 de maio vindeiro, dende pola mañá ata ven entrada a noitiña. Desexamos que teñan moito éxito.

A seguinte comunicación-conversa é con MANUEL DO JUANO, un gaiteiro de A Fonsagrada, que tivo moita e grande participación musical en varias Asociacións Galegas, aquí e Cataluña, e que dende que está en San Martín (A Fonsagrada) publicou un libro-CD onde recolle a interpretación de vinteseis pezas musicais "un pedacín do noso patrimonio inmaterial, auténtica cultura oral e musical da Fonsagrada recollida nas páxinas deste libro". Así o describe algún dos seus incondicionais seguidores e admiradores, que nosoutros suscribimos, claro. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe.

Para finalizar damos lectura a un poema de "Luisa Villalta", como unha humilde participación no día das "Letras Galegas-2024": "Pensar é escuro". E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora, desexando que teñan unha feliz semana. Tamen aproveitamos para publicar a "Viñeta" que nos mandou o noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F.Montes, unha fermosa representación de Luisa Villalta, coa que homenaxeamos a celebración desta Festa Anual Galega, e que desexamos que se poida disfrutar tódolos día do ano.

Deixamos aquí o programa enteiro.

jueves, 9 de mayo de 2024

XOVES 9 DE MAIO DO 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre, dándolles ás benvindas e salutacións para tódolos nosos oíntes e seguidores e ofrecéndolles unha peza musical para recibir ao primeiro convidado, Alvaro Voces, Presidente da "Escola de Gaitas TOXOS E XESTAS" de Barcelona. Agradecémoslle a súa participación de hoxe. Falamos da grande celebración que fixeron o mes de marzo pasado, o "Primeiro encontro do Día da Gaita", xunto coa exposición de gaitas, e cornamusas (Historia das civilizacións) que aínda se pode visitar, no seu local, a participación en Santa Coloma de Gramenet, a próxima esta fin de semana en Lleida, a das Letras Galegas-2024 en Barcelona o día 18, na Asociación de veciños do barrio onde teñen a Sede Social, a da "Festa Galega de Can Mercader" de Cornellà, en Mollet, En Rubí... ... moitas colaboracións con diversas Entidades Galegas en Cataluña. Desexamos que teñan moito éxito.

Escoitamos outra peza de música e recibimos a RAQUEL FERNÁNDEZ, Presidenta da Asociación Cultural OS TORGUEIROS, en A Gudiña. Conversamos con ela e recibimos cumprimda información das diversas actuacións e actividades que teñen previsto realizar próximamente. Algunhas relacionadas coa Memoria Histórica (A Pasionaria Galega-Anuncia), outras de irmanamento Cultural Galego-Lusófano, "A Raia Seca Solidaria", Roteiros con motivo das "Letras Galegas 2024",  celebración festeira: "IV Frasca do Terrón" prevista para o día un de xuño, con baile música das pandereteiras e moitas cousas máis. Desexamos que teñan moito éxito.


Recibimos a crónica do noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección "Quen che preguntou?". Faina a través dos "Me ghustan e Desghústanme" que conteñen as informacións escollidas para todos. Finaliza coa lectura das súas anotacións na "libretiña pequena" que son pílulas enxebres, con retranca e moi ben acaídas.

Conectamos despois con RUBÉN DE LLANOS ESPINOSO, da A.C.G. Agarimos de Badalona, que nos fala da "XXVI Festa-Xornada Cultural" prevista para esta mesma Fin de semana, á que convida a tódolos nosos oíntes e seguidores, cun apretado calendario de actuacións e participación da Banda de Agarimos e doutras Asociacións, contando coa actuación do Grupo "Os Carunchos" de Galicia. Haberá Queimada galega para os asistentes. Desexamos que teñan moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo

jueves, 2 de mayo de 2024

XOVES 2 de MAIO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre. Saudamos e escoitamos o trailer da película "+CUÑADOS" para recibir ao actor, guionista e monologuista FEDERICO PÉREZ REY, a que felicitamos e agradecemos a súa participación nonoso programa de hoxe. Esta película foi estreada o día dezanove de abril pasado e está a ter unha moi boa acollida. Coméntanos algunhas cousas relacionadas coa realización da película, que considera unha segunda parte do filme "Cuñados" primeiro, cos mesmos intérpretes, o entroido, a ourensanía, con viño e polbo. Tamén nos comenta a súa participación no "Era visto" e a próxima actuación teatral en Camariñas, concretamente esta fin de semana, catro de abril na Discoteca Jaleo, compartindo con Marcos Pereiro o espectáculo "Tristes". Desexamos que teñan moitos éxitos.

A segunda convidada é MARÍA VÁZQUEZ, Actriz galega de grande proxección e prestixio interpretativo, polo que xa ten recibido unha presa de Premios moi importantes e de moito recoñecemento, como o que lle entregaron recentemente en Málaga "Biznaga de ouro á mellor actriz polo seu traballo en MATRIA". Mantemos unha conversa moi agradable e distendida, na que nos explica que pronto se presentarán outras películas e traballos nos que estivo moi involucrada, así como a película de "+Cuñados", xunto con Federico e Touriñan. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


Conectamos con XOSÉ CANOSA, Presidente da Asociación Cultural Galega "Airiños da Nosa Galicia" de Santa Coloma de Gramenet, que están a celebrar o seu 41 aniversario coa proposta de actuacións festivas durante os días 1,2,3, 4 e 5 de maio, no Parc Europa de Santa Coloma. Coméntanos as diferentes actividades que se comezaron a realizar no día de onte e que continúan hoxe coa grande "mexilloada", gratuita pero con consumición mínima, propoñendo a degustación do viño da "Adega Tapias de Mariñan" dos irmáns Blanco en Verin. Mañá grandes actuacións musicais xunto coa exposicion e mostra do "Camiño de Sant Jaume", o sábado máis actuacións de Asociacións Galegas e outras da propia localidade, e finalizan o domingo, despois de novas actuacións musicais, sesión vermut e verbena despedíndose e clasurando este evento repartindo unha gran queimada gratuita para tódolos asistentes.

Recibimos a crónica do noso correspodente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que é unha selección de informacións escollidas mediante o seus Me ghustan e Disghústanme diferentes. Tamén nos recomenda a visita a unha das celebracións festivas moi interesante: "A Ruta dos Fornos de Celavente", prevista para esta fin de semana. E finaliza coas súas anotacións da "libretiña pequena" que nesta ocasión teñen moito a ver coa fraseoloxía e un chisteciño.

Falamos, a continuación con MANUEL RAJO, Presidente da Fundación ARA SOLIS, que ten como obxectivo fundamental a defensa dos Dereitos Humanos, axuda a países en vías de desenvolvemento, a acadar un desenrolo sostible, a temas culturais e de información en xeral. Recentemente puxeron en marcha unhas charlas, no clube de debate, moi interesantes: "Reflexións sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos" (DUDH), no que tiveron de poñentes ao Catedrático Dtr.Alberto Arufe e o Dtr. Xosé Manuel Carril. Posiblemente repetiran estas intervencións e outras relacionadas co Oriente Medio. Agradecémoslle a participación no programa de hoxe.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora

Deixamos aquí o programa completo.

 

jueves, 25 de abril de 2024

XOVES 25 de ABRIL do 2024

Comezamos coma sempre, coa nosa sintonía, as salutacións e a proposta para escoitar un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado desta tarde: JORGE MINAS DOMÍNGUEZ COUSO, grande amigo e grande dinamizador cultural en Viana do Bolo que nos fala da próxima celebración da VIBOMASK, Festival Internacional Mascarada Ibérica, prevista para os días 26 27 e 28 de abril. Terá a súa celebración en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, coa participación de moitas grupos que amosarán nada menos que noventa e cinto máscaras, de Galicia, de outras comunidades autónomas, de Portugal e de Italia. O día 26 será o día das Conferencias que se celebrarán no Instituo de Viana do Bolo. O sábado será o desfile das máscaras e folións en Viana do Bolo e o domingo repetirase este desfile en Vilariño de Conso. Agradecémoslle a súa detallada información e desexamos que teñan moito éxito.

O seguinte convidado é RAMÓN CARIDE OGANDO, Escritor, Licenciado en Bioloxía, que foi Profesor no IES Ramón Cabanillas. A súa producción e creación literaria está repartida entre a poesía, a narrativa, a literatura infantil e xuvenil, o ensaio e outras obras colectivas. Parabenizámolo porque acaba de chegar de Madrid onde estivo a presentar dous dos seus últimos libros: EL FRIO AZUL e INDEHISCENCIA. Coméntanos algunha cousa relacionada coas súas próximas actividades e indícanos que se achegará a Monforte de Lemos para presentar o seu libro. Agradecémoslle a súa amable atención.

Recibimos, a continuación a crónica do noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que ven acompañada das súas escollas informativas en forma de "Me ghustan e desghústanme". Tamén acompaña a súa intervención comentando a recepción da revista "Lua Nova" da nosa A.C.G.Rosalía de Castro, na que participa cun traballo moi interesante sobre fraseoloxía e outras cousas. Despois envíanos a súa "viñeta" alusiva ao programa me hoxe, no que conmemoramos o 50 aniversario da Revoluçao dos Cravos en Portugal. Compartímola con tódolos nosos oíntes e seguidores e aquí tamén. ¡Moitas GRAZAS, Xosé Manuel!

Informamos das diferentes actividades que realizará a nosa Asociación C.G.Rosalía de Castro en vindeiras datas e convidámolos a que participen e disfruten desas propostas, e moi especialmente da "Festa Galega de Can Mercader-2024", previstas para os días 30 de maio, un e dous de xuño, nos que se celebrará a cea de confraternidade e homenaxe aos socios da Entidade o venres, antes do Concerto de Hevia, xunto coas nosas Rosalieiras. O sábado e o domingo ademais das actuacións de diferentes Asociacións convidadas, da participación da Banda de Gaitas Vila de Xixón, tamén teremos Verbena coa Orquestra Compostela, e finalizarase o día 2 con Queimada para tódolos asistentes.

Conectamos con PEPE FORMOSO, do Hotel Literario "Bela Fisterra", que nos informa da participación, no día do libro, da Subdelegada do Goberno dona María Rivas, que aompañou aos asistentes falando do traballo das creadoras e creadores galegos, lembrando que nos últimos anos cinco escritores e escritoras galegas lograron facerse cun dos galardóns dos Premios Nacionais de Literatura e Poesía.  Tamén tivo unhas palabras para loar a iniciativa literario/hoteleira Marea Viva, e a súa madriña Marilar Aleixandre. Desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro xoves. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 18 de abril de 2024

XOVES 18 de ABRIL do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao noso primeiro convidado: MASITO BEIRÓ, Pintor de Padrón, grande amigo e colaborador noso. Parabenizámolo porque un dos seus traballos foi elixido para ser publicado no cupón da ONCE o mesmo día 26 de marzo pasado. É unha honra para tódolos galegos que sexa a representación da Festa da Pascua de Padrón, debuxada por Masito. Ademais doutras facetas de moita colaboración e participación na vila, Masito forma parte, como padroeiro da Fundación Rosalía de Castro, dende moi novo. O seu altruismo e humildade é unha mostra do bon facer que sempre amosa. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.

Escoitamos outro bocadiño de música e poñémonos en contacto coa poeta e filóloga Valguesa BELÉN SENÍN SANTIAGO, a que parabenizamos tamén, por ser a gañadora do "XVIII PRemio de Poesía Díaz Jácome" de Mondoñedo, polo seu poemario "A Culpa". Fálanos dese traballo que está moi centrado nas figuras de Eva, Pandora e Lilith, afondando no amor, o existencialismo e o feminismo. Mantemos unha conversa arredor da súa creatividade e escrita. Xa publicou outro pequeno conxunto de poemas e segue a traballar nesa teima creativa. Tamén participou en varios recitais poéticos, destacando un que realizou en Lisboa. Desexámoslle que teña moitos éxitos.

A seguinte convidada é ANA VILA PORTOMEÑE, a Poeta Labrega, que nos recibe moi amablemente e fálanos da "II RURALSÍA TABOADA", que teñen previsto realizar o vindeiro domingo día 21 no Pazo de San Pedro de Bembibre, onde terán unha grande participación de poetas nun magno Recital poético, con sorpresas moi interesantes. Tamén haberá unha mostra-exposición de arte. Tivemos unha pequena interrupción ao cortarse a comunicación, pero recuperámola e agasállanos coa lectura dun seu poema adicado á nosa Radio e ao noso programa concretamente. ¡Moitas Grazas, Ana! seguiremos en contacto.

Falamos, a continuación con FERNANDO, do CELTAGAL, unha explotación galega de Porco Celta e vaca Cachena. Fálanos de cómo foron os comezos, cómo está a traballar para levar adiante esta recuperación de razas autóctonas galegas que coida con moito interese e dedicación. A súa charla está chea de engado e con moito énfase. Amósanos o moito que se implica para poder ofrecer uns produtos de primeira calidade completamente naturais e coméntanos que está a traballar para ofrecer novidades importantes, sempre relacionadas co mellor servizo e trasparencia. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que teña moito éxito nesa empresa.

Comunicámonos con CARLOS PAVÓN, da Asociación "Ribeira Cervantega", que nos pon ao corriente do que están a facer para poder revitalizar o rural onde se atopan, que o río Cervantes se recupere e que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico tome conciencia do que se precisa para que ese río troiteiro teña un desenvolvemento limpo e que non volva a ter desbordamentos, como o que sucedeu non hai moito tempo. Teñen previsto realizar unha Festa no verán, coincidindo coa chegada de veciños que viven noutras localidades, para que se podan levar a cabo moitas actividades. Desexamos que teñan moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 11 de abril de 2024

XOVES 11 de ABRIL do 2024

Unha emisión máis do "Galegos no BAIX. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións, escoitamos unha peza musical e poñémonos en contacto coa primeira convidada, MARTA GONTÁ, voceira da PLATAFORMA ULLOA VIVA, que nos pon ao corrente das reivindicacións e propostas de actuación que están a levar a cabo para informar e dar a coñecer ese proxecto de posta en marcha dunha macro-celulosa nun espazo natural cheo de riqueza e que pretende ocupar unha extensión moi grande, e utilizar moitísima auga do rio Ulloa, que contaminará toda a zona ata chegar á Ria da Arousa. Próximamente achegaranse a Bruxelas para solicitar que ese proxecto non siga adiante. Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores que lles envíen unha carta de adhesión que teñen na páxina da Plataforma, que seguro servirá para axudar a que non se leve a cabo esta obra. Seguiremos en contacto, agradecémoslle a súa aportación e desexamos que teñan moito éxito.

Continuamos o programa conectando con dona ASUNCIÓN, da Asociación Veciñal Bubaíño de Castro Carballedo, que teñen programada a "XXI FEIRA DA CARNE AO CALDEIRO", precisamente de Carballedo, para o próximo domingo día 14, onde se degustarán máis de mil kilos de carne de tenreira cocida con leña de carballo e que calculan servirán nada menos que tres mil racións. Terán como pregoeira deste evento á actriz María Vázquez, gañadora dun Goia este ano, como mellor interpretación femenina por Matria. Tamén contarán con música da "Charanga Unión Phenosa", para amenizar o xantar. Desexamos que disfruten desta feira gastronómica.

Recibimos a crónica do noso correspondente, dende Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? na que nos fai partícipes das súas noticias e informacións escollidas, mediante os seus "Me Ghustan e Disghústanme", e acaba cos seus apuntes da "libretiña pequena" que veñen acompañados de certa retranca galega chea de engado.

E finalizamos o programa entrevistando a don GONZALO CONSTENLA BERGUEIRO, Profesor, Escritor e responsable do "aRi(T)mar Galiza e Portugal" que é un proxecto educativo cultural moi importante. Fálanos da súa traxectoria e de próximos eventos, precisamente a repetición da última Gala en Braga (Portugal) onde se realizarán varios acontecementos moi interesantes. Agradecémoslle a súa participación.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa enteiro.

jueves, 4 de abril de 2024

XOVES 4 de ABRIL do 2024

Outra emisión máis deste noso programa con música, noticias e entrevistas interesanes. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e escoitamos unha primeira peza musical para recibir ao primeiro convidade de hoxe: ALBERTE MONTES, Actor, Monologuista, Director, Guionista... Recibímolo dándolle os nosos parabens polo seu traballo e tamén porque ten previsto realizar unha intervención no Centro Galego de Barcelona, esta misma fin de semana, concretamente o sábado. Un espectáculo que titula: "Bueno carallo Bueno". Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores a que se acheguen para disfrutar con el. Seguro que se divertirán. Desexamos que teña moito éxito.

Despedímolo con música, outra vez, e voltamos a escoitar outra peza musical, esta vez unha de Carlos Núñez, "Aires de Pontevedra", para recibir á segunda participante, dona CHARO VALCÁRCEL, Profesora xubilada, Licenciada en Filoloxía e Poeta. Agradecémoslle a súa participación e aproveitamos para felicitala polo traballo que veñen realizando no "De Vella a Bella", en Pontevedra. A publicación nas redes da súa revista dixital número 32, do mes pasado... E tantas cousas. Eles mesmos se definen, na súa páxina (devellabella.com), describíndose deste xeito: somos un grupo de persoas que pensan que a xubilación pode ser unha das etapas máis activas e creativas da vida... e neso están. Aproveitando que falamos de poesía, pedímoslle que nos lea-declame un dos seus poemas, e agasállanos cun poema adicado aos nenos palestinos. ¡Moitísimas grazas Charo! Foi un pracer e unha honra.

Despois de escoitar outra peza musical, neste caso a que foi premiada no aRi(T)mar: "Morena" do Grupo "De Ningures", conectamos con Galicia para recibir ao noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que sempre a desenrola cos seus "Ghústanme e Desghústanme" escoillidos entre as diferentes noticias galegas. Despois deixanos unhas frases recollidas na súa "Libretiña pequena" e algunha que comparte coa fraseoloxía publicada por Xosé Antonio Pena Romay. Sempre lle estamos agradecidos pola súa grande colaboración e participación.

Despois de escoitar unha peciña de música interpretada por Efrain Díaz, co "Pito Galego", poñémonos en contacto con MIGUEL MOSQUERA, Luthier, artesano deste mesmo instrumento: O Pito Galego. Mantemos con el unha pequena conversa-entrevista na que nos pon ao corriente do seu traballo de investigación e elaboración dese tradicional instrumento galego que tivo unha grande repercusión na música tradicional e que estivo un tempo moi esquecido e pouco valorado, pero hoxe en día está tendo moita repercusión e bastante posta en valor, tanto é así que o Pito Pastoril Galego empregouse para interpretar a primeira obra composta para Pito Pastoril Galego cunha Orquestra de música Clásica: "O bosque do asubiador, de Juan Durán". E despedímolo escoitando outra obra interpretada por Efren cun Pito Galego e a zanfona de Ivan Costa: Pitanfona. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Que teñan unha feliz semana.

Deixamos a quí o programa enteiro.






jueves, 21 de marzo de 2024

XOVES 21 de MARZO do 2024

Un xoves máis con todos vosoutros. Sigue convaleciente o noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ LÓPEZ, a quen lle desexamos unha pronta recuperación. Seguro que no vindeiro programa xa o teremos incorporado completamente mellorado. Comezamos coa nosa sintonía de sempre. Escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto co primeiro convidado: don ARMANDO REQUEIXO CUBA, Investigador (CRPHI), Crítico Literario, Profesor Universitario (USC). Un grande amigo e colaborador que nos atende moi amablemente e con quen mantemos unha conversa chea de ensino, aproveitando precisamente que estamos a celebrar o día Internacional da Poesía. Explícanos que ven de participar en varios actos relacionados con este evento de hoxe, no Instituto Padre Sarmiento e despois de falar connosco terá unha actuación acompañando a dona Helena Villar Janeiro e despois outra na presentación do libro que leva por título "Cando o avo esqueceu o meu nome"doutra grande poeta, Rosalía Morlan. Agradecémoslle a participación de hoxe no noso programa.

Voltamos a escoitar outro bocadiño de música, concretamente a Foliada de Pontevedra, para recibir a dona ANA SANTOS SOLLA, da Asociación DE VELLA A BELLA, que onte tiveron un acto poético cheo de engado. Felicitámola e cóntanos cómo foi este acto que programaron e ao que asistiron unha morea importante de poetas para declamar os seus versos e tiveron un cheo completo de asistencia. Ela tamén declamou, xunto coa compañeira Charo Valcárcel. Fálanos das moitas e diversas actividades que veñen desenrolando en Pontevedra e á que convida participar a tódolos interesados. Agradecémoslle a información detallada e desexámoslle que sigan colleitando moitos éxitos.

Comezamos a segunda hora conectando co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección "QUEN CHE PREGUNTOU?" coa que nos informa das noticias escollidas cos seus "Me ghustan e Desghústanme", e finaliza cos seus apuntamentos da "libretiña pequena" que sempre son moi acaídos e con certa retranca galega.

A ultima entrevista-conversa é co Ilmo.Sr. Alcalde do Concello de  SOBER, don LUÍS FERNÁNDEZ GUITIÁN. Parabenizámolo porque esta fin de semana (días 22. 23 e 24 de abril) celebrará a "44 FEIRA DO VIÑO DE AMANDI", declarada de Interese Turístico de Galicia. Fálanos do cartel elixido mediante concurso, que corresponde ao vilalbés Eduardo Pérez Baamonde. Terán como pregoeira a periodista da TVG, LUCÍA RODRÍGUEZ, nada en Castro Caldelas, e como ela mesmo di: "eu son cen por cen da Ribeira Sacra, coma os viños..." Participarán nada menos que 22 adegas que terán os seus "stands" de exposición nunha grande carpa axeitada para tal fin, onde compartirán con outros expositores de produtos galegos da zona, así como tamén cerámica de Gundivós. Tamén se entregarán tres Primeiros Premios un primeiro para viños tintos, un premio para viños brancos, un premio para viños rosados da anada 2023 e outro para viños envellecidos en barrica. Desexámoslle que teña moitos éxitos e despedímolo escoitando a peza "Amandi", interpretada pola Banda de Música de Sober.

Aproveitamos para despedirnos de tódolos nosos oíntes e seguidores, desexándolles que teñan unha feliz Semana Santa. Voltaremos no mes de abril. ¡Que sexan felices!

Deixamos aquí o programa completo.



jueves, 14 de marzo de 2024

XOVES 14 de MARZO do 2024

Outra semana máis con todos vosoutros. Disculpamos a ARMANDO FERNÁNDEZ, que hoxe ten outras obrigas que cumplir, pero que seguro poderá incorporarse na próxima emisión. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, coas salutacións e un bocadiño de música para recibir ao noso primeiro convidado, don XOSÉ LUNA SANMARTIN, da Estrada, Profesor, Licenciado en Xeografía e Historia, Dramaturgo, Escritor e Poeta. Felicitámolo porque está convidado a participar no evento "3x3" de poesía, que propón Pepe Formoso no Hotel Literario Bela Fisterra e tamén no Bela Muxía. Agasállanos coa primicia e lectura dun seu poema co que vai a encetar a súa intervención o próximo sábado. Mantemos unha conversa moi afable e desexámoslle moitos éxitos.

A segunda intervención é a do noso benquerido amigo MANUEL RIVERO PÉREZ, Lincenciado en varias especialidades (Socioloxía, Psicoloxía, Antropoloxía...), investigador e escritor que nos fala a presentación do seu ultimo libro: "Universo Aurora Sampedro Piñeiro. Una adelantada a su tiempo". Tamén aproveitamos para que nos axude a coñecer un pouco o Camiño de San Rosendo, tamén chamado da Raíña Santa, do que tanto ten investigado e traballado. Precisamente descúbrenos que está a traballar nunha próxima publicación dedicada a San Rosendo. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.

Escoitamos outro bocadiño de música e poñémonos en contacto con NACHO BAL, guía de Montaña, que nos fai partícipe da súa afición e traballo relacionado co deporte do montañismo e escalada. Forma parte do grupo de Empresa León Aventura S.L., que teñen varios lugares varios rocódromos e escolas de aprendizaxe para escalar e outras actividades moi interesantes: Montañismo, Escalada.  Espeleoloxía, Barranquismo, Descensos no río Sil, Augas Bravas, Sendeirismo, Via Ferrata... ... Actividades todas elas acompañadas de guias profisionais e xa programadas para esta Semana Santa. Agradecémoslle as informacións tan detalladas e tan interesantes.

E completamos a emisión chamando a dona PILAR ANSEDE, Presidenta do Centro Galego de Barcelona que nos pon ao corriente das diferentes actividades que realizarán antes de finalizar este mes, e antes da Semana Santa, como a actuación Teatral, incluida no mes do teatro, de "FURAFOLLAS Agrupación Teatral" previsto para este sábado próximo. A seguinte semana será o Grupo Catalán "Teatre a l'ombra". Descansarán na Semana Santa para reanudar os eventos o día 6 de abril ás seis da tarde coa actuación de "ALBERTE MONTES", cun seu monólogo. Tamén anuncia a preparación dunha grande actuación prevista para o día 23 de abril, con motivo da "festa do libro" día de San Jordi, no que teñen previsto instalar un "stand" de exposición e asinado de libros en galego e catalán, na propia Ramblas de Barcelona, diante mesmo do Centro Galego de BCN. Aínda non teñen a nómina de autores, que faltan por confirmar, pero pronto teremos información. Desexámoslles moitos éxitos.

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa enteiro.



jueves, 7 de marzo de 2024

XOVES 7 de MARZO do 2024

Un programa máis con todos vosoutros. Dúas horas de Radio en Galego, con música, entrevistas e conexión con Galicia para recibir noticias. Despois da sintonía do programa e as salutacións oportunas, poñemos un bocadiño de música. Primeiro disculpamos ao noso compañeiro Armando Fernández, que hoxe non pode acompañarnos e a continuación poñémonos en contacto con BEATRIZ VILA FREIRE, Delegada a Apehl (Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo) da zona sur de Lugo. Infórmanos de varias e interesantes celebracións que teñen previsto realizar: "Estase Cocendo", "E para comer Lugo", próximas Feiras do Viño na Ribeira Sacra, participación na Feira Internacional de Turismo ITB Berlin, próxima participación cun stand na "Volta Ciclista a España". Desexámoslle moitos éxitos.

A segunda intervención é con JUAN CARLOS CAMBAS, músico compositor, pianista de grande prestixio, que nos recibe moi amablemente e felicitámolo polo seu último traballo publicado: Un CD que leva por título: "CAMIÑO ABERTO" Canto libre de Argentina e Latinoamérica. Escoitamos algunha das pezas coas que nos agasallou e que seguiremos escoitando en vindeiras emisións. Este traballo é unha mostra musical extraordinaria. A intérprete vocalista é Rosa Leiro, que fai dúos fantásticos con outros músicos e grandes intérpretes galegos e arxentinos. Os interesados poden mercar este fantástico CD, na súa páxina persoal: juancarloscambas.com, e tamén nas redes. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe e desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

Comezamos a segunda hora conectando co noso correspodente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? As súas informacións e noticias fainas cos seus ME GHUSTAN e DESGHÚSTANME, escollidas entre as moitas novidades acontecidas na Galicia. Despois finaliza a súa intervención coas anotacións da súa "libretiña pequena", para a que nos solicita unha música que teremos que escoller para vindeiras ocasións. Tamén nos envía a súa "viñeta" alusiva a un momento comentado no programa de hoxe, e que aquí compartimos con todos vosoutros. Desexamos que teña unha feliz semana.

Voltamos novamente a Galicia para falarmos con CRISTINA CORRAL SOILÁNProfesora, Escritora e Poeta luguesa, que recibimos con música de Antonio Zambujo e Uxía: "A gotinha d'agua". Felicitámola (Moitos parabens!) porque acaba de ser elixida para participar no "Lugopoetica 2024" xunto con Olga Novo, previsto para o mes de maio próximo. Fálanos dese evento que se celebrará en Lugo, baixo o patrocinio do Colectivo Egeria e o apoio da Universidade de Educación a Distancia. A primeira sesión celebrouse o 29 de febreiro coa participación de Marica Campo e Eva Teixeiro. Tamén nos comenta a súa participación e codirección na Rede ESPORA, Radio para nenos, e que tamén lles dan clase aos profesores nesta materia. Quedounos para o final a próxima edición dun libro para nenos, que próximamente nos presentará. Agardamos poder ofrecerlle-la, claro. Despedímonos ate o vindeiro xoves. 

Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 29 de febrero de 2024

XOVES 29 de FEBREIRO do 2024

Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" de cada xoves, coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas, un bocadiño de música e dámoslle a benvida ao primeiro convidado: FRAN de Arte - Lixo en Redondela. Agradecémoslle a súa participación no programa. Fainos partícipe da proposta que cada ano teñen previsto realizar en Redondela con motivo desta celebración Arte-Lixo que consiste en recoller a maior pare de restos para convertilos en arte espallado polas rúas de Redondela. Este ano o tema elexido está moi relacionado coa Problemática Ambiental da Industria do Téxtil. As datas deste ano son dende o 13 ata o 20 de abril. Desexamos que teñan moito éxito.

Hector e Xosé Alvarez Díaz
A segunda intervención é a de HECTOR ÁLVAREZ DÍAZ, un adegueiro propietario, xunto con seu irmán Xosé, da Adega "A Señora", nome primitivo da súa casa onde naceron, en Coea. Estes dous irmáns recuperaron algunhas viñas que tiñan, e replantaron algunhas cepas, xunto con algúns inxertos en cepas de moita antigüidade, e a partir deste ano dos mil vintecatro xa comezaron a comercializar ese viño con IXP das Terras do Navia. Tamén se dedica á extracción de mel. Os interesados deben poñerse en contcto con eles no teléfono: 646 136 014. Aínda non teñen actualizada a súa páxina de Internet, pero todo chegará. Seguiremos a súa andaina.

Continuamos a programación e falamos co noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? é unha recolleita de informacións que nos explica cos seus "Me ghustan e Desghústanme", moi acaídos. Tamén nos envía unha recomendación aos oíntes e seguidores para que esta fin de semana se acheguen á localidade de Arzúa, xa que esta fin de semana será a celebración da "49 Festa do Queixo de Arzúa 2024". do 1 ao 3 de marzo, cun programa moi extenso, que comprende exposición, concurso e venta de queixo, festival musical e concertos... etcétera.

Gisela
Entrevistamos a GISELA RODRÍGUEZ, Directora do Grupo de Teatro de aficcionados "Anduriña", da nosa Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro. O motivo da conversa é que nos fale da próxima posta en escea da obra adaptada que leva por título: "Cinderela e os postres de El Rei". Unha adaptación do texto de Nunila López (grupo de teatro Seliña). Explícanos que non quere desvelar o entramado da obra, pero ten que ver moito coa reivindicación de liberdade feminina. Tódolos interesados deberán pasar a recoller as entradas (gratuitas) á Sé da Asociación na rúa Federico Soler de Cornellà. A representación será no Auditorio de San Ildefonso o vindeiro domingo día 16 de marzo, a partir das 18h. Desexamos que sexa todo un exito de interpretación e de audiencia, cun cheo completo.

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo.