jueves, 2 de mayo de 2024

XOVES 2 de MAIO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre. Saudamos e escoitamos o trailer da película "+CUÑADOS" para recibir ao actor, guionista e monologuista FEDERICO PÉREZ REY, a que felicitamos e agradecemos a súa participación nonoso programa de hoxe. Esta película foi estreada o día dezanove de abril pasado e está a ter unha moi boa acollida. Coméntanos algunhas cousas relacionadas coa realización da película, que considera unha segunda parte do filme "Cuñados" primeiro, cos mesmos intérpretes, o entroido, a ourensanía, con viño e polbo. Tamén nos comenta a súa participación no "Era visto" e a próxima actuación teatral en Camariñas, concretamente esta fin de semana, catro de abril na Discoteca Jaleo, compartindo con Marcos Pereiro o espectáculo "Tristes". Desexamos que teñan moitos éxitos.

A segunda convidada é MARÍA VÁZQUEZ, Actriz galega de grande proxección e prestixio interpretativo, polo que xa ten recibido unha presa de Premios moi importantes e de moito recoñecemento, como o que lle entregaron recentemente en Málaga "Biznaga de ouro á mellor actriz polo seu traballo en MATRIA". Mantemos unha conversa moi agradable e distendida, na que nos explica que pronto se presentarán outras películas e traballos nos que estivo moi involucrada, así como a película de "+Cuñados", xunto con Federico e Touriñan. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


Conectamos con XOSÉ CANOSA, Presidente da Asociación Cultural Galega "Airiños da Nosa Galicia" de Santa Coloma de Gramenet, que están a celebrar o seu 41 aniversario coa proposta de actuacións festivas durante os días 1,2,3, 4 e 5 de maio, no Parc Europa de Santa Coloma. Coméntanos as diferentes actividades que se comezaron a realizar no día de onte e que continúan hoxe coa grande "mexilloada", gratuita pero con consumición mínima, propoñendo a degustación do viño da "Adega Tapias de Mariñan" dos irmáns Blanco en Verin. Mañá grandes actuacións musicais xunto coa exposicion e mostra do "Camiño de Sant Jaume", o sábado máis actuacións de Asociacións Galegas e outras da propia localidade, e finalizan o domingo, despois de novas actuacións musicais, sesión vermut e verbena despedíndose e clasurando este evento repartindo unha gran queimada gratuita para tódolos asistentes.

Recibimos a crónica do noso correspodente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que é unha selección de informacións escollidas mediante o seus Me ghustan e Disghústanme diferentes. Tamén nos recomenda a visita a unha das celebracións festivas moi interesante: "A Ruta dos Fornos de Celavente", prevista para esta fin de semana. E finaliza coas súas anotacións da "libretiña pequena" que nesta ocasión teñen moito a ver coa fraseoloxía e un chisteciño.

Falamos, a continuación con MANUEL RAJO, Presidente da Fundación ARA SOLIS, que ten como obxectivo fundamental a defensa dos Dereitos Humanos, axuda a países en vías de desenvolvemento, a acadar un desenrolo sostible, a temas culturais e de información en xeral. Recentemente puxeron en marcha unhas charlas, no clube de debate, moi interesantes: "Reflexións sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos" (DUDH), no que tiveron de poñentes ao Catedrático Dtr.Alberto Arufe e o Dtr. Xosé Manuel Carril. Posiblemente repetiran estas intervencións e outras relacionadas co Oriente Medio. Agradecémoslle a participación no programa de hoxe.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora

Deixamos aquí o programa completo.

 

jueves, 25 de abril de 2024

XOVES 25 de ABRIL do 2024

Comezamos coma sempre, coa nosa sintonía, as salutacións e a proposta para escoitar un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado desta tarde: JORGE MINAS DOMÍNGUEZ COUSO, grande amigo e grande dinamizador cultural en Viana do Bolo que nos fala da próxima celebración da VIBOMASK, Festival Internacional Mascarada Ibérica, prevista para os días 26 27 e 28 de abril. Terá a súa celebración en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, coa participación de moitas grupos que amosarán nada menos que noventa e cinto máscaras, de Galicia, de outras comunidades autónomas, de Portugal e de Italia. O día 26 será o día das Conferencias que se celebrarán no Instituo de Viana do Bolo. O sábado será o desfile das máscaras e folións en Viana do Bolo e o domingo repetirase este desfile en Vilariño de Conso. Agradecémoslle a súa detallada información e desexamos que teñan moito éxito.

O seguinte convidado é RAMÓN CARIDE OGANDO, Escritor, Licenciado en Bioloxía, que foi Profesor no IES Ramón Cabanillas. A súa producción e creación literaria está repartida entre a poesía, a narrativa, a literatura infantil e xuvenil, o ensaio e outras obras colectivas. Parabenizámolo porque acaba de chegar de Madrid onde estivo a presentar dous dos seus últimos libros: EL FRIO AZUL e INDEHISCENCIA. Coméntanos algunha cousa relacionada coas súas próximas actividades e indícanos que se achegará a Monforte de Lemos para presentar o seu libro. Agradecémoslle a súa amable atención.

Recibimos, a continuación a crónica do noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que ven acompañada das súas escollas informativas en forma de "Me ghustan e desghústanme". Tamén acompaña a súa intervención comentando a recepción da revista "Lua Nova" da nosa A.C.G.Rosalía de Castro, na que participa cun traballo moi interesante sobre fraseoloxía e outras cousas. Despois envíanos a súa "viñeta" alusiva ao programa me hoxe, no que conmemoramos o 50 aniversario da Revoluçao dos Cravos en Portugal. Compartímola con tódolos nosos oíntes e seguidores e aquí tamén. ¡Moitas GRAZAS, Xosé Manuel!

Informamos das diferentes actividades que realizará a nosa Asociación C.G.Rosalía de Castro en vindeiras datas e convidámolos a que participen e disfruten desas propostas, e moi especialmente da "Festa Galega de Can Mercader-2024", previstas para os días 30 de maio, un e dous de xuño, nos que se celebrará a cea de confraternidade e homenaxe aos socios da Entidade o venres, antes do Concerto de Hevia, xunto coas nosas Rosalieiras. O sábado e o domingo ademais das actuacións de diferentes Asociacións convidadas, da participación da Banda de Gaitas Vila de Xixón, tamén teremos Verbena coa Orquestra Compostela, e finalizarase o día 2 con Queimada para tódolos asistentes.

Conectamos con PEPE FORMOSO, do Hotel Literario "Bela Fisterra", que nos informa da participación, no día do libro, da Subdelegada do Goberno dona María Rivas, que aompañou aos asistentes falando do traballo das creadoras e creadores galegos, lembrando que nos últimos anos cinco escritores e escritoras galegas lograron facerse cun dos galardóns dos Premios Nacionais de Literatura e Poesía.  Tamén tivo unhas palabras para loar a iniciativa literario/hoteleira Marea Viva, e a súa madriña Marilar Aleixandre. Desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro xoves. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 18 de abril de 2024

XOVES 18 de ABRIL do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao noso primeiro convidado: MASITO BEIRÓ, Pintor de Padrón, grande amigo e colaborador noso. Parabenizámolo porque un dos seus traballos foi elixido para ser publicado no cupón da ONCE o mesmo día 26 de marzo pasado. É unha honra para tódolos galegos que sexa a representación da Festa da Pascua de Padrón, debuxada por Masito. Ademais doutras facetas de moita colaboración e participación na vila, Masito forma parte, como padroeiro da Fundación Rosalía de Castro, dende moi novo. O seu altruismo e humildade é unha mostra do bon facer que sempre amosa. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.

Escoitamos outro bocadiño de música e poñémonos en contacto coa poeta e filóloga Valguesa BELÉN SENÍN SANTIAGO, a que parabenizamos tamén, por ser a gañadora do "XVIII PRemio de Poesía Díaz Jácome" de Mondoñedo, polo seu poemario "A Culpa". Fálanos dese traballo que está moi centrado nas figuras de Eva, Pandora e Lilith, afondando no amor, o existencialismo e o feminismo. Mantemos unha conversa arredor da súa creatividade e escrita. Xa publicou outro pequeno conxunto de poemas e segue a traballar nesa teima creativa. Tamén participou en varios recitais poéticos, destacando un que realizou en Lisboa. Desexámoslle que teña moitos éxitos.

A seguinte convidada é ANA VILA PORTOMEÑE, a Poeta Labrega, que nos recibe moi amablemente e fálanos da "II RURALSÍA TABOADA", que teñen previsto realizar o vindeiro domingo día 21 no Pazo de San Pedro de Bembibre, onde terán unha grande participación de poetas nun magno Recital poético, con sorpresas moi interesantes. Tamén haberá unha mostra-exposición de arte. Tivemos unha pequena interrupción ao cortarse a comunicación, pero recuperámola e agasállanos coa lectura dun seu poema adicado á nosa Radio e ao noso programa concretamente. ¡Moitas Grazas, Ana! seguiremos en contacto.

Falamos, a continuación con FERNANDO, do CELTAGAL, unha explotación galega de Porco Celta e vaca Cachena. Fálanos de cómo foron os comezos, cómo está a traballar para levar adiante esta recuperación de razas autóctonas galegas que coida con moito interese e dedicación. A súa charla está chea de engado e con moito énfase. Amósanos o moito que se implica para poder ofrecer uns produtos de primeira calidade completamente naturais e coméntanos que está a traballar para ofrecer novidades importantes, sempre relacionadas co mellor servizo e trasparencia. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que teña moito éxito nesa empresa.

Comunicámonos con CARLOS PAVÓN, da Asociación "Ribeira Cervantega", que nos pon ao corriente do que están a facer para poder revitalizar o rural onde se atopan, que o río Cervantes se recupere e que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico tome conciencia do que se precisa para que ese río troiteiro teña un desenvolvemento limpo e que non volva a ter desbordamentos, como o que sucedeu non hai moito tempo. Teñen previsto realizar unha Festa no verán, coincidindo coa chegada de veciños que viven noutras localidades, para que se podan levar a cabo moitas actividades. Desexamos que teñan moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo.