Comezamos outra nova emisión escoitando a nosa sintonía de sempre, saudando aos nosos oíntes e seguidores, e despois de escoitar outro bocadiño de música, poñémonos en contacto coa Presidente de
GaliciAME, dona
Merchi Álvarez. Acaba de chegar de Corea do Sul, onde lle aplicaron unha nova técnica curatoria e que ao parecer estalle a dar moi bos resultados. Felicitámola polo éxito que está tendo con esas novas prácticas. Cóntanos algo desa experiencia e fálanos dos seus anceios para que todo siga a decorrer con ben. Desexámoslle sorte para que en vindeiras datas, no verán do vindeiro ano ou no mes de decembro se poida levar a cabo esa
Gala que se viña celebrando anualmente para conseguir aportacións e conceder as becas coas que potenciar a investigación sobre a AME. Desexámoslle que teña unhas Boas Festas do Nadal e un aninovo farturento de saúde e benestar.
A segunda conversa-entrevista é con
Xoan Curiel, músico e cantautor de A Fonsagrada, que nos fala do seu ultimo traballo CD
Treides comigo. Estivo de xira con numerosos concertos por Galicia adiante e coméntanos que agora desexa coller un tempiño de lecer e descanso. Desexámoslle que acade moitos éxitos e que teña un Feliz Nadal e un próspero aninovo 2022.
Seguimos o programa informando da próxima presentación, o sábado día 11 a partir das 19h, no Auditori de San Ildefonso de Cornellà, da
xulipedia.com, que nos fará o propio autor
Xulio Simón e Luís Losada. Tamén teremos a oportunidade de recoller o CD que acaba de gravar a
A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, que leva por título
"Rosalía en Cornellà". Tamén actuarán os Gaiteiros do Grupo e as Rosalieiras. Despois, á noite teremos unha cea conmemorativa do
"35 Certame Nacional de Poesía en Língua Galega" xunto coa publicación dos gañadores deste Certame Literario.
A segunda hora continuamos conectando novamente con Galicia para falarmos con Manuel - Foteiro de A Fonsagrada, que nos fai de correspondente dende aquela vila da montaña. Infórmanos, moi polo miúdo, das diferentes actuacións que tiveron lugar nesa celebración, a fin de semana pasada, da "VI Foliada da Fonsagrada". Unha morea de músicos e Grupos estiveron celebrando ese grande acontecemento. Agradecémoslle a súa amable atención e tamén lle enviamos os nosos mellores desexos para estas Festas do Nadal.
Despois falamos con Alva Pico, traductora e profesora de Valadouro, que reside actualmente en Barcelona. É un primeiro contacto co que nos pon ao corrente da súa traxectoria, e coidamos que en vindeiras datas poderemos incorporar nas nosas audicións como unha colaboradora máis. Agradecémoslle a súa amable atención.
Despedimos o programa desexando que teñan unha feliz semana. O vindeiro xoves máis, e á mesma hora de sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario