TEMPADA 2024 - 2025
Comezamos unha nova tempada dándolles a Ben-Vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. Escoitamos a nosa sintonía de sempre e ofrecémoslle unha peza de música popular, interpretada polo Grupo "Son do SIL": "Galicia docemente", para recibir á nosa primeira convidada: MARTA GONZÁLEZ CASAS, da empresa rexentada por ela e mais Xosé David "Olivareiros.es". Mantemos unha pequena conversa-entrevista para coñecer un pouco máis polo miúdo ese traballo tan interesante de recuperar as árbores centenarias dos seus antergos, autóctonas, variedades Brava e Mansa, pero tamén outras de distintas variedades, na localidade de Sequeiros, pertence a Quiroga. Un aceite de grande calidade e moi solicitado. Desexamos que teñan moito éxito na súa tarefa e unha boa colleita.
O seguinte convidado é
PEPE FORMOSO, do
Hotel Literario Bela Fisterra, que nos fala do grande acontecemento relacionado co tema video-poema musical co que o recibimos: "Un peixe é un peixe, é un peixe", recitado por Marilar Alexandre, no que participa nada menos que Alberto Pombo, poema homenaxe ao poeta fisterrán Alexandre Nerium. Mantemos unha conversa chea de novidades e informacións moi interesantes. Sempre é un pracer conversar con este comunicador que nos ten preparadas noticias e novidades que comparte con todos nosoutros. Prométenos sorprender con grandes acontecementos en vindeiras datas. Agradecémoslle a súa colaboración e desexámoslle moitos éxitos en tódalos seus proxectos.
Despedimos a Pepe, coa música de Treixadura: "Fisterra". E despois escoitamos o Himno del Riego, coma homenaxe ao seguinte convidado:
Eduardo Alberto Rodríguez Cunha, máis coñecido por
TATÁN CUNHA, que será o representante da súa Compañía, Tanxarina Títeres no Teatro Municipal Matosinhos (Constantino Nery), onde se interpretará a coproducçao do evento galego-portugués: "Territorios da Liberdade", xunto coa Companhia Certa da Varzím Teatro e Centro Dramático Galego. Tamén nos fai partícipes da concesión de "Xograr de Outono" ao actor Avelino González no FIOT de Carballo. Un grande que temos na axenda para entrevistar e felicitar en directo. Despedímolo, escoitando a peza reivindicativa"Uah!"de Suso Vaamonde, desexándolle que acaden moitos éxitos.
A última conversa-entrevista é con
EDU CARREIRA, poeta galego, de Castroverde concretamente. Fainos unha presentación do que é o Grupo de escritores e poetas que se denominan "Os Nabos de Gracián", qué o mesmo título que recibe o primeiro libro publicado por eles, no que participan todos. Tamén nos adianta algunhas novidades máis, como a incorporación dalgunha que outra persoa creativa, e non desbotan o ingreso doutras que desexen participar con eles nas súas inquedanzas. Agradecémoslle a súa amable atención e participación. Finaliza coa lectura dun poema do seu pai.
Desexamos que volvan a sintonizarnos o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana! Deixamos aquí o programa completo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario