jueves, 20 de octubre de 2022

XOVES 20 de OUTUBRO do 2022

Comezamos coa sintonía e as salutacións oportunas. Temos un pequeno atranco (non hai luz) e teremos que agardar uns minutos para poder conectar coas persoas que temos convidadas para falar e entrevistar, pero aproveitamos para ofrecerlles a interpretación especial de ANTÍA MUÍÑO dunha peza tradicional: "Canta, miña compañeira". Comentamos un chisco as previsións do programa de hoxe.

Xa temos arranxado o asunto da luz e entón poñémonos en contacto con ANTÍA MUÍÑO, para felicitala porque lle acaban de entregar o Premio á Mellor Artista Emerxente, nos Premios Martín Codax da Música. Conversamos con ela para que nos diga cousas da súa traxectoria musical. Adiántanos que próximamente publicará un Disco que levará por título: "Carta aberta". Comentamos con ela algunhas cousas e tamén a posibilidade de que veña Cataluña a presentar esa súa creación discográfica musical. Agradecémoslle a súa amable atención e desámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

Conectamos con MANUEL VÁZQUEZ, Presidente do Centro Galego NÓS de Sabadell, que nos informa da celebración da "VIII Festa do Pulpo" prevista para os días 21, 22 e 23 deste mes de outubro, no "Eix Maciá" de Sabadell. Esa celebración gastronómica vai acompañada da presentación do libro "Cesuras", de Fina Tizón Fraga. Desexámoslle que teña moita asistencia e moita participación.

Conectamos novamente con Galicia, para recibir ao seguinte convidado: JORGE ALONSO, que dirixe, xunto con DORI RODRÍGUEZ, as "Adegas CELME", en Castrelo do Miño - O Ribeiro (Ourense). Parabenizámolo porque acaban de entregarlle o Premio "Bacelo de Prata" pola súa etiquetaxe dos seus produtos, en galego. Unha honra para o noso idioma e un pracer poder contar coa súa participación no noso programa de hoxe. Falamos dos seus viños, brancos e tintos. Os brancos teñen recibido varios Premios a nivel Internacional pero destaca a nova producción de viño tostado, que é unha especial e importante incorporación á súa producción, xa que precisamente a D.O.Ribeiro é unha das máis premiadas, a nivel Interncional, dese caldo tan exquisito e tan solicitado polos grandes Sumeliers. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe e desexamos que teña moita sorte coa nova colleita e moitos éxitos.

Recibimos ao noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Fainos unha pequena semblanza das noticias escollidas, debullando os seus "Ghústanme" e "Desghústanme" que tanto aprezamos. Tamén nos envía esas anotacións da "libretiña pequena" relacionadas con frases e ditos populares, tan acaídos e cheos de retranca.

Falamos con PABLO RICO ECHEGARAY, Director de 4 Corais galegas, entre as que está o "Orfeón XOAN MONTES", que tivo unha actuación estelar na Festa do San Froilán de Nou Barris. Destaca a intervención e interpretación dunha peza singular diante da Sagrada Familia, que se pode escoitar na súa páxina. Coméntanos que posiblemente, para celebrar o 40 aniversario do Orfeón, publiquen un Disco que terá 12 pezas, para finais deste ano. Prometémonos voltar a conectar con el para que os nosos oíntes e seguidores poidan disfrutar desas interpretacións. Desexamos que teñan moito éxito.

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Non deixen de conectarse e, moitas grazas pola súa escoita.

Aquí teñen o programa completo:



No hay comentarios:

Publicar un comentario