Comezamos coa sintonía e as salutacións oportunas. Temos un pequeno atranco (non hai luz) e teremos que agardar uns minutos para poder conectar coas persoas que temos convidadas para falar e entrevistar, pero aproveitamos para ofrecerlles a interpretación especial de ANTÍA MUÍÑO dunha peza tradicional: "Canta, miña compañeira". Comentamos un chisco as previsións do programa de hoxe.
Conectamos con MANUEL VÁZQUEZ, Presidente do Centro Galego NÓS de Sabadell, que nos informa da celebración da "VIII Festa do Pulpo" prevista para os días 21, 22 e 23 deste mes de outubro, no "Eix Maciá" de Sabadell. Esa celebración gastronómica vai acompañada da presentación do libro "Cesuras", de Fina Tizón Fraga. Desexámoslle que teña moita asistencia e moita participación.
Recibimos ao noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Fainos unha pequena semblanza das noticias escollidas, debullando os seus "Ghústanme" e "Desghústanme" que tanto aprezamos. Tamén nos envía esas anotacións da "libretiña pequena" relacionadas con frases e ditos populares, tan acaídos e cheos de retranca.
Falamos con PABLO RICO ECHEGARAY, Director de 4 Corais galegas, entre as que está o "Orfeón XOAN MONTES", que tivo unha actuación estelar na Festa do San Froilán de Nou Barris. Destaca a intervención e interpretación dunha peza singular diante da Sagrada Familia, que se pode escoitar na súa páxina. Coméntanos que posiblemente, para celebrar o 40 aniversario do Orfeón, publiquen un Disco que terá 12 pezas, para finais deste ano. Prometémonos voltar a conectar con el para que os nosos oíntes e seguidores poidan disfrutar desas interpretacións. Desexamos que teñan moito éxito.
E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Non deixen de conectarse e, moitas grazas pola súa escoita.
Aquí teñen o programa completo:
No hay comentarios:
Publicar un comentario