jueves, 28 de noviembre de 2019

XOVES 28 de NOVEMBRO do 2019

Outro xoves máis con todos vosoutros. Comezamos saudando a tódolos nosos oíntes e seguidores. Tiñamos previsto entrevistar a unha personalidade moi importante e moi grande na comunicación en Galicia, pero, por motivos que despois nos confirmou, non puidemos telo en directo... Faremos o posible por facer esa entrevista noutro momento. Namentres estivemos comentando o CD de ABÓBRIBA: "Non hai fallo" que nos acaba de chegar á Redacción e estivemos escoitando varias das súas interpretacións.



Continuamos o programa e conectamos con Galicia para falarmos con Javier Feijoo (XISCO), un grande Mestre-Profesor de danza e baile galego, que imparte clases na ETRAD de Vigo, e cóntanos algunhas das súas ultimas intervencións e tarefas relacionadas coa nosa tradición popular. Ten previsto darlle clases aos compoñentes do Grupo de Danza da Casa Galega de Hospitalet, esta fin de semana. Tamén nos informa da próxima intervención na "V Foliada da Fonsagrada" prevista para os días 6 e 7 de decembro próximos. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe.


A sección QUEN CHE PREGUNTOU? do noso correspondente Xosé Manuel, dende Monforte de Lemos, fainos estar un bocadiño máis informados coa súa aportación no TOP da semana, das súas suxerencias gastronómicas para esta fin de semana, a Retranca para todos con fraseoloxía incluída. Non falta a súa aportación creativa en forma de viñeta, que hoxe está adicada á persoa que tiñamos previsto entrevistar, pero que non puido ser, por motivos alleos, e como el mesmo di: Para Outra Será.


A ultima intervención é a de SABELA MANEIRO, unha das compoñentes do Grupo TANXUGUEIRAS, que nos fala da presentación do seu segundo CD que leva por título: CONTRAPUNTO, e do que escoitamos precisamente unha peza "Desposorio", para recibila. Unha conversa coa que coñecemos un bocadiño máis a estas grandes intérpretes da nosa música tradicional galega, e que a espallan por todo o mundo. ¡Moitas Grazas e Moitos Éxitos!!!


Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Esperamos tervos ahí outra vez!

jueves, 21 de noviembre de 2019

XOVES 21 de novembro do 2019

Comezamos unha nova emisión escoitando un bocadiño de música e conectamos con Toño Núñez, escritor e poeta galego. Fálanos da súa traxectoria creativa, da presentación do libro "75 Poetas galaico-lusos", da 1ª Polavila-Naviega, Cantos de Taberna para o vindeiro día 28 de decembro, da próxima presentación dun CD con poemas da súa autoría, coa participación de Xoan Eiriz... Agradecémoslle a súa aportación no programa de hoxe.


Continuamos o programa conectando con Ramón Pazos, compoñente do Grupo Musical ABÓBRIGA-Música Galega, que nos fala da creación e traxectoria deste Grupo musical galego. Acaban de gravar na TVG a música para o programa "Son da Ribeira"... Tamén nos informa da próxima publicación do CD que leva por título "Non hai fallo". Desexámoslles moitos éxitos.


A segunda hora correspóndelle á sección QUEN CHE PREGUNTOU? do noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes, que ten preparada a súa crónica coas aportacións TOP, as propostas de visita dalgunhas  Celebracións Gastronómicas e a Retranca para todos. A súa aportación creativa, en forma de viñeta, está adicada ao noso locutor Armando Fernández, e relacionada coa esa sub-sección Retranca para todos.


Falamos, antes de finalizar o programa, coa Presidenta de GALICIAME, a nosa benquerida Merchi Álvarez, coa que mantemos unha conversa moi distendida e chea de informacións: A Gala-Xantar de Galiciame, prevista para o día 6 de decembro, que será presentada por Belén Xestal e Armando Fernández. O lugar de encontro será na Adega de "Condes de Albarei"-Cambados. Terán a participación de afamados artistas galegos. Algúns deles: Rosa Cedrón, Oscar Ibáñez, Lucía Pérez, Joel Padín, Xabier Vizcaíno, Pepo Suevos e Oswaldo... ... Augurámoslles moitos éxitos e unha grande recadación para esa fermosa causa benéfica.


E despedímonos desexándovos que teñades unha semana gorentosa. Ate o xoves que ven.

jueves, 14 de noviembre de 2019

XOVES 14 de NOVEMBRO do 2019

Outra semaniña con vosoutros. para ofrecervos dúas horiñas de radio en galego. Comezamos conectando con Galicia para falar con ESTHER DÍAZ LÓPEZ, unha poeta de Cervantes-Lugo, que nos fala da súa traxectoria creativa e da colaboración tan interesante que está a desenvolver na Radio Galega. Unha sección na que participa semanalmente co grande Comunicador Marcial Mouzo : Pensando en Ti. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.


A segunda comunicación é co Grande "Chef" Cociñeiro do Hostal-Restaurante La Viuda ANXO TRIVES. Fainos saber algo máis dese lugar emblemático na vila da Pobra de Trives, que el dirixe con mestría e bon saber. Os pratos e degustacións que se sirven son de grande aceptación e con productos de primeira calidade, da zona e como el mesmo di: "tradicionais, de pobo e familiares". Paga a pena facerlles unha visita para disfrutar percorrendo a zona, que é fermosa, e aproveitar para degustar os seus manxares.


Continuamos na segunda hora conectando novamente con Galicia para falar co noso amigo e xerente da Empresa Familia CAURELOR, David. Fainos un pequeno percorrido polos productos que ofrecen na súa páxina Web caurelor.com. Poden mercarse vía Internet e tamén chamando ao seu teléfono que se atopa nas redes sociais. Agasallos doces e outros productos, nada menos que 20 etiquetados. Desexámoslle que teñan unha tempada de Nadal moi proveitosa.


Aproveitamos estes minutiños para informarlles dalgunhas das Actividades que ten previstas a nosa A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, para estes meses de novembro e decembro.


A crónica da nosa correspondente nos Ancares, Fernanda Follana Neira, ten moito que ver co rico patrimonio daquela zona, dos achádegos arqueolóxicos que acaban de ser catalogados e dalgunhas curiosidades moi interesantes (un bar chamado Os Chafarotes), e recoméndanos o Hotel-Restaurante-Pulpería "A Escola" de Navia de Suarna, que era precisamente a Antiga Escola da cidade, moi ben restaurada e dirixida por Guillermo e a súa dona, con moito acerto.


E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Sexan felices!

jueves, 7 de noviembre de 2019

7 de NOVEMBRO do 2019

Outro programiña máis con todos vosoutros... Comezamos escoitando unha peza do CD "Bailando as rúas", da "Banda da Loba", para darlle a ben-vinda a Xiana Lastra, unha das compoñentes desa formación musical galega. Agradecémoslle a súa participación e mantemos unha conversa-entrevista moi interesante na que nos conta cómo se formou ese Grupo musical con "M" de mulleres, xa que está composto por 5 donas xóvenes que fan música galega actual, interpretando pezas propias e póñenlle música a algúns dos nosos poetas. Adiántanos que pronto presentarán o seu segundo CD que levará por título: "A fábrica de Luz". Desexámoslle moitos éxitos e voltaremos a conectar con ela en vindeiras datas para recibir máis información dese presentación e dos Concertos...


A segunda intervención é a da nosa amiga, coñecida escritora e poeta galega Anxela Gracián que nos fala dese libro-disco que leva a música de Emilio Rúa: "Memoria Iluminada". Un traballo moi interesante. Aproveitamos para que nos fale da súa traxectoria e dos novos proxectos. Agasállanos coa lectura dun poema da súa autoría.


Continuamos na segunda hora co noso correspondente XOSE M. F. MONTES, en Monforte de Lemos. A súa sección QUEN CHE PREGUNTOU? está composta por dúas sub-seccións chamadas "Os TOP das noticias semanais" e "Retranca para todos e algunha cousa de comer". Neste podcast podedes escoitar a súa crónica escollida. Envíanos a súa "viñeta creativa" relacionada, coma sempre, con algunha das intervencións ou noticias emitidas no programa. Nesta ocasión "Pura Salceda".


Precisamente a nosa poeta Pura Salceda é a seguinte entrevistada, que nos fala da publicación da súa primeira novela titulada: "O paxaro de Nácara". Un traballo que nos describe ela mesma na conversa que mantemos neste apartado final do programa de hoxe. Convida a tódolos oíntes e seguidores para que se acheguen o próximo día 7 de decembro á Sé da Asociación C.G.Rosalía de Castro, onde se fará a súa presentación 1ª en Cataluña. Tamén aproveitarán para poder mercalo. ¡Moitas grazas, Pura!


E finalizamos a emisión de hoxe desexando que volvan a conectarse con nosoutros o vindeiro xoves á mesma hora.