jueves, 27 de enero de 2022

XOVES 27 de XANEIRO do 2022

Comezamos unha nova emisión de "Galegos no BAIX" dándolle a ben-vida aos nosos oíntes e seguidores ofrecéndolles unha peza das "Tanxugueiras", que veñen de ofrecer unha intervención excelente na clasificiación para a Eurovisión, no Festival que se está a realizar en Benidorm Fest. A primeira conversa é con dona Rosalía Morlán que nos fala do seu último traballo "Camelias de amor", que debido á Pandemia aínda non foi presentado. Agradecémoslle a súa amable atención.

A segunda comunicación é con Rosalía Fernández Rial, outra poeta licenciada en Filoloxía e Doutora en Didáctica das linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudou e toca o acordeón, fai teatro e, sobre todo escribe. Agradecémoslle que nos conceda este tempo para entrevistala e coñecer un pouco, máis polo miúdo, parte da súa creatividade e moi concretamente dese "Desnortada" que acaba de publicar en Espiral Mayor. Desexámoslle moitos éxitos.

A sección "Quen che preguntou?" do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, coma sempre é unha selección de noticias debulladas mediante os seus "Desghústanme e Ghústanme" que sempre son moi acaidos. Finaliza coa sentencias e recollidas puntuais relacionadas coa fraseoloxía e outras ocurrencias populares e tradicionais.

Continuamos na segunda hora conectando con Aurelio Blanco Trincado, Presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses. Fálanos da importancia que ten a elección de Florencio Delgado Gurriarán, algo do que levan traballando dende ese Instituto. Tamén nos comenta moitas máis cousas relacionadas coa fundación dun Museo antropolóxico no Barco de Valdeorras, da gastronomía e dos viños con D.O. Valdeorras.

E finalizamos o programa de hoxe recibindo ao grande Xosé Avelino González Fernández, máis coñecido por "Avelino González". Actor galego, contacontos, narrador, director e tradutor de teatro... Agradecémoslle a súa participación de hoxe no noso humilde programa e fainos partícipes dos proxectos e traballos nos que está inmerso. Desexámoslle moitos éxitos.

Desexamos que volvan a conectar con nosoutros o próximo xoves. Aquí deixamos o programa enteiro.

jueves, 20 de enero de 2022

XOVES 20 de XANEIRO do 2022

Inma López Silva
Unha nova emisión do "Galegos no BAIX" comezando saudándovos e ofrecéndolles un bocadiño de música para conectar coa primeira convidada de hoxe, dona INMA LÓPEZ SILVA, Profesora, escritora, investigadora e crítica de teatro. Felicitámola por ser elexida como Profesora para a "Escola de Letras", organizada pola Deputación de Pontevedra xuntamente coa Editorial Galaxia. Fálanos do obradoiro, de Narrativa que terá cos alumnos inscritos, cuxo cupo xa está esgotado, da súa traxectoria como escritora... A súa conversa é unha lección de aprendizaxe para nosoutros e unha primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores. Agradecémoslle a súa amable atención.

 

Continuamos o programa e conectamos co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección "Quen che Preguntou? que nos fai a súa crónica semanal cos "Deghústanme" e "Ghústanme" correspondentes. Nesta ocasión tamén nos envía a súa "viñeta" alusiva a un tema que tratamos na audición. ¡Moitas grazas Xosé Manuel!

Sara Inés - Castro Caldelas

Comezamos a segunda hora conectando con dona Sara Inés Vega Núñez, Ilma. Alcaldesa do Concello de Castro Caldelas. Felicitámola pola celebración dos FACHÓS deste ano, con reservas e coas medidas de prudencia recomendadas polas autoridades sanitarias. Unha festa de San Sebastián que data de 271 anos de existencia e que non se puido celebrar completa, como en anos anteriores, xunto coa xoranda gastronómica que a acompaña, pero ese fogo purificador paseóu un fachón de nada menos que 35 metros polas rúas de Castro Caldelas. Desexámoslle que sigan acadando moitos éxitos.


Vacas Jersey en pastoreo
A conversa-entrevista que mantemos para finalizar o programa de hoxe é con Xesús Mazaira Varela da Queixería Airas Moniz, no Lugar de Outeiro - San Salvador de ASMA - Chantada. Felicitámolo polos éxitos que están acadando coa manteiga e os Premios que lle concederon ao queixo SAVEL. Agradecémoslle a súa información detallada e desexamos que sigan acadando grandes éxitos.

O vindeiro xoves, se podemos, moito máis. Que teñan unha feliz semana! Aquí deixamos o programa enteiro.

jueves, 13 de enero de 2022

XOVES 13 de XANEIRO do 2022

Unha emisión máis deste noso programiña convidando ao ademirado poeta da Ribeira Sacra PACO LEDO, que nos recibe moi amablemente e entrevistámolo para que nos conte parte da súa traxectoria creativa. Agasallános coa lectura dun dos seus poemas e despedímolo con música de Xoan Eiriz, que musicou algúns poemas doutro poeta amigo noso, Suso Díaz.


A continuación conectamos co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección Quen che Preguntou?, que sempre ten preparada a súa crónica semanal cos seus "Desghústanme e Ghústanme" correspondentes. Finaliza a súa intervención coa lectura das frases e ocurrencias que ten na súa "libretiña pequena". Agradecémoslle a súa colaboración, moi estimada.

A segunda hora comezámola voltando novamente a Galicia para recibir ao cantautor e músico XABIER VIZCAÍNO. Ven de actuar recentemente na Televisón de Galicia xunto con Lucía Pérez, estreando un tema composto precisamente por el. Falamos da súa traxectoria musical dos concertos e doutras cousas de interese para tódolos nosos oíntes.


Despois entrevistamos a Mari Carmen Sánchez Iravedra, de "Embutidos Suarna", que ultimamente ofrecen os seus productos na plataforma "Son de Lugo" aínda que ela mesma nos indica que poñéndose en contacto con Mari Carmen encárgase de enviar os productos solicitados. Felicitámola porque ven de recibir un Premio que lle entregou a Asociación de Empresarios Galegos, a finais do mes de decembro pasado, "Son Emprendedora Rural" ¡Parabens! e a seguir colleitando éxitos.

Finalizamos informando do Concerto que dará o Grupo Caamaño&Ameixeiras mañá mesmo, venres día 14 no Tradicionarius de Gràcia. Tódolos nosos oíntes e seguidores que desexen asistir aínda están a tempo de poder adquirir as entradas para esa fermosa actuación.

E despedímonos ate o vindeiro xoves, á mesma hora. Desexando que teñan unha feliz semana.