jueves, 25 de noviembre de 2021

XOVES, 25 de NOVEMBRO do 2021

Outra emisión máis do noso "Galegos no BAIX". Sintonía de ben-vinda, un bocadiño de música e conectamos con ELOI CALDEIRO, (Compositor, músico, cantante, batería, letrista, poeta, pero sobor de todo CREADOR). Temos a honra de entrevistalo e falar distendidamente con el. É o fundador e lider do Grupo BRATH. Virán a dar dous concertos o día 26 a Cal Ninyo, en Sant Boi e o día 27 en Barcelona, no Tradicionarius de Gracia. Desexámoslles moitos éxitos.

A segunda intervención é a do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, que se encarga da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Fainos a súa crónica informativa semanal, cos seus Desghústanme e Ghústanme correspondentes, e nesta ocasión envíanos a súa "viñeta" alusiva a un momento da emisión de hoxe: As galletas Mariñeiras. ¡Moitas grazas. Xosé Manuel! 


A continuación conectamos con Xoan L. Fuertes Saavedra, do Grupo Fuxan os Ventos. Fálanos un chisco da próxima celebración dos 50 anos da súa creación. Tamén nos comenta que posiblemente editarán un CD no primeiro trimestre do 2022. Dámoslle os nosos parabens.

Na segunda hora falamos co Presidente da A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellà, Óliver Fernández, que nos comenta algunhas das actividades que realizaron e das próximas a celebrar: O tradicional Magosto, a comezos de mes, a Excursión a Peñíscola, o Campionato de Tute, a presentación do noso Certame no Culturgal de Pontevedra para a príxma semana (os días 27 e 28 de novembro), a Edición dun CD cos 12 pezas musicais que levará por título : "Alborada en Cornellà", Conferencia sobre a "Xulipedia.com" para o 11 de decembro, xunto coa cea de socios e simpatizantes e o fallo dos premiados no "XXXV Certame Nacional de Poesía Rosalía de Castro de Cornellà".

Seguimos cun bocadiño máis de música e conectamos con Xosé Lois, xerente da Empresa "Da Veiga - Galletas Mariñeiras". Coméntanos as vicisitudes que tiveron que pasar con esta pandemia que estamos a padecer, que seguen adiante co seu proxecto e que próximamente, quizáis para antes do Nadal, presenten unha novidade interesante, con novos productos. Desexámoslle moitos éxitos.

E finalizamos as conversas entrevistando a Esther Corral do "Bar Galicia" do Concello de Betanzos. Campeón do concurso organizado dentro da Semana da Tortilla de Betanzos. Felicitámola polo seu premio e desexámoslle que siga disfrutando e facendo felices aos seus clientes.

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. 

¡Que teñan unha feliz semana!

jueves, 18 de noviembre de 2021

XOVES 18 de NOVEMBRO do 2021

Comezamos dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores para, despois de escoitar un bocadiño de música, conectar con Galicia para falar con Juan Parcero, un escritor de Moaña, que xa ten publicado tres novelas. Fálanos desas obras que compoñen unha triloxía (triloxía do esquecemento) ambientada precisamente na súa localidade natal, Moaña, con protagonistas inventados, pero que teñen moito a ver coa creación literaria que se pode atopar na súa escrita. Está a piques de publicar unha nova obra relacionada coa Ciencia Ficción, pola Editorial Galaxia. Comprometémonos voltar a comunicarnos con el cando se poña no prelo,  para celebralo.

A segunda intervención é a do noso correspondente na Ribeira Sacra, Xosé Manuel, encargado da sección Quen che Preguntou? Fainos un percorrido polas informacións escollidas cos seus "Desghústanme e Ghústanme" e continúa con dúas fermosas frases con certa sorna retranqueira, que ten recollidas na súa "libretiña pequena". ¡Moitas grazas!

Despois voltamos novamente a Moaña, para falarmos con Carlos, un dos socios de "A MeixoEira Sociedade Cooperativa Galega". Elaboran Queixo de Cabra. Parabenizámolo porque veñen de recibir a Medalla de Bronce no World Cheese, recentemente celebrado en Oviedo. ¡Felicitacións e desexos de que sigan colleitando moitos éxitos!.


Falamos a continuación con Beatriz Dourado, poeta galegocatalana -como ela mesmo se define- a quen admiramos pola súa traxectoria e bon facer creativo. Falamos de poesía, da súa participación no "IV Certame de Poesía Torre de Caldaloba" como membro do Xurado, da próxima presentción dun traballo relacionado coa infancia, e agasállanos coa lectura de dous poemas: un da súa autoría e outro que se inclúe nun libriño que nos recomenda "Manifesto 25-N", da nosa benquerida e admirada Andrea Fernández Maneiro. ¡Moitas grazas pola túa participación de hoxe!

E finalizamos a emisión de hoxe voltando a Galicia, para falarmos con Román, un dos socios da "Sociedade Cooperativa A Carqueixa", que veñen de inagurar unha tenda na Plaza de Abastos de Lugo: "O Sabor dos Ancares". Felicitámolos tamén e desexamos que sigan tendo moita sorte e moitos éxitos.

Despedímonos ate a vindeira semana á mesma hora. 

Aquí deixamos o programa completo.

jueves, 11 de noviembre de 2021

XOVES 11 do mes dos SANTOS de 2021

Unha nova emisión deste noso programa "Galegos no BAIX", con ganas de aprender e dar a coñecer algunhas cousas interesantes da nosa cultura e das nosas "xentes". Comezamos saudando aos oíntes e seguidores e coa nosa sintonía de sempre... Escoitamos un bocadiño de música do ultimo traballo de Carmen Penim (Cantos de Terra e Sal), e precisamente poñémonos en contacto con ela. Saudámola e dámoslle a ben-vinda para despois comentar diversas e interesantes cousas nas que está a traballar, xunto co seu compañeiro Maurizio Polsinelli. Por certo, aproveitamos a ocasión para enviarlle os nosos parabens a Maurizio, por ter acadado un Premio coa súa creación poética na comarca de Valdeorras. Felicitacións que tamén facemos extensivas a Carmen por esa fermosa aportación e creación musical que titula "Ven que che Canto un Conto" e que está a recibir moitas felicitacións. Desexámoslle que sigan colleitando moitos éxitos.

A continuación, despois de escoitar outro bocadiño de música, retomamos a conexión co noso correspondente na Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, que estivo ausente nalgunhas emisións por causas moi persoais. Comeza cos seus "Ghústanme" e "Desghústanme", que corresponden a súa sección "Quen che preguntou?" habitual, ademais das cousas da súa libretiña. Agradecémoslle a súa aportación e disfrutamos coa súa crónica.

Seguimos a emisión conectando con Andrea Fernández Maneiro, escritora e poeta de Carril (Vilagarcía de Arousa) que ven de recibir o Premio de Poesía "Torre de Caldaloba", polo seu poemario "Contra-Tempos". Falamos del e doutras aportacións creativas. Agasállanos coa lectura duns versos da súa autoría.

Na segunda hora conectamos con Ovidio, do "Mesón CATRO VENTOS", en Lugar de Barbeitos, a Fonsagrada. Un Restaurante de grande prestixio pola súa oferta de carnes á brasa. Moi frecuentado polos pelegríns do Camiño de Santiago, pero tamén por moitos amantes da carne de calidade que se sirve neste establecemento. Carne da súa propia explotación con vacas e tenreiros de raza Vianesa.

 


A última intervención é a da benquerida e admirada Elena Ferro, que xa tivemos nalgunhas ocasións nesta nosa humilde emisión. Fálanos das creacións e publicacións tan fermosas relacionadas coa artesanía en zocos. Felicitámola pola participación con Rubén Riós, nos Documentais "Arrieros Somos". Tamén lle damos os nosos parabens pola súa aportación creativa, relacionada coas persoas da illa de La Palma. E finalizamos agradecéndolle a súa participación de hoxe.


O vindeiro xoves voltaremos. 
Que teñades unha feliz semana. 
Aquí deixamos o programa enteiro.

jueves, 4 de noviembre de 2021

XOVES 04 de NOVEMBRO do 2021

Comezamos unha nova emisión de "Galegos no BAIX!", dándolles a Ben-vinda e escoitando un bocadiño de música para darlle paso á comunicación con Mon Devane, Artista Urbano, un grande diseñador, pintor e muralista galego, nado en Ourense, con quen tratamos de descubrir algunhas das súas fermosas obras espalladas polas xeografía galega, e moi concretamente na Baixa Limia. Fálanos da súa obra que el mesmo define como fotorealismo monocromático. Ven de realizar unha exposición -Las Estrellas del Camino-  moi interesante e importante xa que recibiu o "Premio Eficacia 2021". Felicitámolo e desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

A segunda convidada é Susana Fernández, unha enxeñeira que ten ao seu cargo a realización de dous proxectos moi importantes: dúas Plantas de Biogas, que se porán en marcha nas provincias de Lugo e Ourense. Felicitámola por ese traballo e desexámoslle que teña moito éxito. Tamén nos fala da súa localidade de procedencia, Grou, na que ten varios obxetivos que levar adiante e nos que está a traballar para poder darlle máis oportunidades e mellor calidade aos veciños: A rehabilitación dun edificio no que poderán dispoñer dun espazo para talleres de informática e unha biblioteca. Agradecémoslle a súa amable atención e informacións que serven de aprendizaxe para nosoutros.


Continuamos na segunda hora conectando novamente con Galicia para falarmos con dona Marisol Martínez Mato, a "Chef" do Restaurante "Mar de Ardora". Mágoa non poder estar máis preto para poder achegarnos a esa localidade de Cabana de Bergantiños, onde está localizado ese Restaurante que ademais de ter varios e prestixiosos Premios (como o Tenedor de Ouro do 2002, Prato de Ouro da Gastronomía Española... etc.) tamén está nunha localización privilexiada. Dende o mesmo comedor pódese disfrutar dunhas vistas fermosas e engaiolantes. Fálanos dos menús que se poden degustar, nos que non pode faltar a mellor selección de peixes e mariscos así como os seus saborosos postres caseiros. Agradecémoslle a súa atención e desexámoslles que teñan moitos éxitos.


Finalizamos o programa entrevistando a dona Isabel Chapela Lorenzo, natural de Moaña, bióloga, oceanográfica e escritora que acaba de presentar un libro moi interesante: "Nunca fuimos normales". Trátase dun libro que contén varios relatos relacionados coas propias vivencias da autora. Algo noveladas, pero tentando dar a coñecer aos seus posibles lectores, as peripecias que lle aconteceron nos diversos viaxes-embarques que realizou nos ultimos tempos. Agradecémoslle as súas explicacións e prometémonos voltar a conectar con ela, depois de ler o seu libriño, para seguir comentando cousas del. ¡Moitas grazas, Isabel!


Desexamos que volvan a conectar con nosoutros o vindeiro xoves. Aquí lles deixamos o programa enteiro.