jueves, 27 de octubre de 2022

XOVES 27 de OUTUBRO do 2022

Comezamos coa nosa sintonía, saudando aos nosos oíntes e seguidores, escoitamos un bocadiño de música e saudamos ao primeiro convidado. ALBERTO CACHARRÓN MOJÓN, escritor, deportista e viaxeiro galego incansable que nos fala da súa faceta viaxeira, dos 15 Camiños de Santiago que fixo, das moitas rutas e expedicións extraordinarias, cheas de interese e emoción, dos seus libros publicados e, como no, do último e recente: "La Senda Proscrita". Agradecémoslle a súa amable atención.

A segunda persoa convidada é don XOSÉ MIGUEL PÉREZ BLECUA, Alcalde de San Xoan de Rio, con quen mantemos unha conversa moi agradable. Falamos de varios e interesantes proxectos moi interesantes: Aldealista.com,  e moi destacadamente do Premio de Novela Galicia Rural que acaban de concederlle ao escritor Oscar Reboiras, pola súa novela: "A Agonía das folerpas", relacionada coa aldea abandonada de Salgueiros, no Parque Nacional do Xurés. Agradecémoslle as súas informacións precisas e desexamos que acaden moitos éxitos nesas encomendas.

Comunicámonos co noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Envíanos a súa crónica cos seus "Ghústanme e Desghústanme" semanais. Tamén nos envía a "Viñeta" aluisiva ao programa de hoxe. ¡Moitas Grazas!

Continuamos o programa informando das próximas actividades da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, o Magosto para o vindeiro sábado día 5 de novembro, o Campionato de Tute, a Presentación de sendos libros de Ánxela Gracián e Alberto Cacharrón e o fallo do "XXXVI Certame de Poesía Rosalía de Castro", dentro da Semana Cultural 2022. Tamén lles comunicamos a intervención da actriz María Barcala na Obra Teatral: Libre como os paxaros, que terá lugar na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Barcelona, c/ Montalegre, este próximo venres día 28 ás 19h. A entrada é gratuíta. Está organizado polo Lectorado de Estudos Galegos da UB.

Falamos con UBALDO PÉREZ, do Restaurante "Los Ancares", na rúa Robrenyo,76 - 78, de BCN. Felicitámolo pola recente celebración (o domingo pasado) da Festa do Cocido Galego, con grande afluencia de comensais, que foron agasallados con música galega, como sempre que realiza eses eventos culturais gastronómicos. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Celebramos e felicitamos á Catedrática de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela, ensinante, científica, académica, escritora, novelista... MARILAR ALEIXANDRE, que ven de ser Premio Nacional de Narrativa. Voltamos a recordar os próximos eventos que mencionamos anteriormente, para que poidan participar e asistir.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Aquí deixamos o programa completo.


jueves, 20 de octubre de 2022

XOVES 20 de OUTUBRO do 2022

Comezamos coa sintonía e as salutacións oportunas. Temos un pequeno atranco (non hai luz) e teremos que agardar uns minutos para poder conectar coas persoas que temos convidadas para falar e entrevistar, pero aproveitamos para ofrecerlles a interpretación especial de ANTÍA MUÍÑO dunha peza tradicional: "Canta, miña compañeira". Comentamos un chisco as previsións do programa de hoxe.

Xa temos arranxado o asunto da luz e entón poñémonos en contacto con ANTÍA MUÍÑO, para felicitala porque lle acaban de entregar o Premio á Mellor Artista Emerxente, nos Premios Martín Codax da Música. Conversamos con ela para que nos diga cousas da súa traxectoria musical. Adiántanos que próximamente publicará un Disco que levará por título: "Carta aberta". Comentamos con ela algunhas cousas e tamén a posibilidade de que veña Cataluña a presentar esa súa creación discográfica musical. Agradecémoslle a súa amable atención e desámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

Conectamos con MANUEL VÁZQUEZ, Presidente do Centro Galego NÓS de Sabadell, que nos informa da celebración da "VIII Festa do Pulpo" prevista para os días 21, 22 e 23 deste mes de outubro, no "Eix Maciá" de Sabadell. Esa celebración gastronómica vai acompañada da presentación do libro "Cesuras", de Fina Tizón Fraga. Desexámoslle que teña moita asistencia e moita participación.

Conectamos novamente con Galicia, para recibir ao seguinte convidado: JORGE ALONSO, que dirixe, xunto con DORI RODRÍGUEZ, as "Adegas CELME", en Castrelo do Miño - O Ribeiro (Ourense). Parabenizámolo porque acaban de entregarlle o Premio "Bacelo de Prata" pola súa etiquetaxe dos seus produtos, en galego. Unha honra para o noso idioma e un pracer poder contar coa súa participación no noso programa de hoxe. Falamos dos seus viños, brancos e tintos. Os brancos teñen recibido varios Premios a nivel Internacional pero destaca a nova producción de viño tostado, que é unha especial e importante incorporación á súa producción, xa que precisamente a D.O.Ribeiro é unha das máis premiadas, a nivel Interncional, dese caldo tan exquisito e tan solicitado polos grandes Sumeliers. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe e desexamos que teña moita sorte coa nova colleita e moitos éxitos.

Recibimos ao noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Fainos unha pequena semblanza das noticias escollidas, debullando os seus "Ghústanme" e "Desghústanme" que tanto aprezamos. Tamén nos envía esas anotacións da "libretiña pequena" relacionadas con frases e ditos populares, tan acaídos e cheos de retranca.

Falamos con PABLO RICO ECHEGARAY, Director de 4 Corais galegas, entre as que está o "Orfeón XOAN MONTES", que tivo unha actuación estelar na Festa do San Froilán de Nou Barris. Destaca a intervención e interpretación dunha peza singular diante da Sagrada Familia, que se pode escoitar na súa páxina. Coméntanos que posiblemente, para celebrar o 40 aniversario do Orfeón, publiquen un Disco que terá 12 pezas, para finais deste ano. Prometémonos voltar a conectar con el para que os nosos oíntes e seguidores poidan disfrutar desas interpretacións. Desexamos que teñan moito éxito.

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Non deixen de conectarse e, moitas grazas pola súa escoita.

Aquí teñen o programa completo:



jueves, 13 de octubre de 2022

XOVES 13 de OUTUBRO do 2022

Outra emisión máis deste programa: "Galegos no BAIX". Dúas horiñas de Radio en galego, para todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía de sempre. Saudamos a tódolos nosos oíntes e seguidores e poñémonos en contacto co noso primeiro convidado: ANXO BARANGA. Felicitámolo polo seu traballo "engrescador" arredor da figura do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano: Florencio Delgado Gurriarán. Moitas actuacións e moitas propostas realizadas en torno a Florencio, en Barcelona, en Lleida, en Galicia... ... Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.

Conectamos agora con Galicia para poñernos en contacto con ANDREA POUSA GUERREIRO, á que tamén parabenizamos pola actuación a pasada fin de semana na Festa do San Froilán en Nou Barris. Conversamos moi distendidamente e infórmanos dalgunhas actuacións memorables e dos proxectos nos que está traballando. Posiblemente teñamos a oportunidade de ofrecerlle aos nosos oíntes unha das novidades que nos anuncia e na que está traballando. Titularase Triste, e pronto poderemos escoitala. Agradecémoslle a súa atención e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

A segunda hora continuamos falando co noso correspondente en Monforte de Lemos,  XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da Sección "Quen che Preguntou?". Comunícanos a súa escolla de noticias cos seus "Desghústanme e Ghústanme". Unha das mellores e máis fascinantes noticias chega ao final da súa comunicación: "Proxecto de autocolantes para Pediatras". Este era un obxectivo que levaba tempo traballando nel e xa foi aceptado e posto en marcha. Felicitámolo e ademais envíanos unha lámina que recolle tódalas crecións dos participantes, incluída a súa, que publicamos aquí. ¡Moitos parabens e moitas grazas, Xosé Manuel!
 
Aprovietamos para dar a coñecer a tódolos nosos oíntes e seguidores que poden achegarse esta fin de semana ao Parque Metropolitano de Bellvitge, para asistir á Festa Galega que organiza a Casa Galega. Actuarán os "Celtas Cortos" o venres 14. O sábado 15 actuación de Grupos Rexionais e a orquestra Saudade para a verbena. É gratuito.

Seguimos o programa e conectamos con dona ESTHER CORRAL, xerente do "BAR GALICIA" en Betanzos. Parabenizámola, por ter acadado o Primeiro Premio á Mellor tortilla de Betanzos-2022, tamén foi premiada co Premio do público. Mantemos unha conversa moi agradable. Tamén nos informa de que no seu bar pódense degustar outras viandas en forma de tapas, que cociña con moito cariño para tódolos seus clientes. Desexamos que siga tendo moita sorte.

Voltamos a informar da próxima Festa Galega de Hospitalet, que se celebrará esta fin de semana, 14 e 15 de outubro., coa actuación estelar de Celtas Cortos. Tamén damos a coñecer, novamente a próxima interpretación da obra teatral que leva por título: "Libre coma os paxaros", a cargo de TEATRO DO ATLÁNTICO, coa actriz María Barcala e dirección de Xulio Lago. Será na Universidade de Barcelona,  o día 28 de outubro ás 19h, na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia. c/ de Montalegre, nº 6. Entrada gratuíta. Organizada polo Departamento de Galego da Universidade de Barcelona.
 

E finalizamos o programa desexando que teñan unha feliz semana.

jueves, 6 de octubre de 2022

XOVES 6 de OUTUBRO do 2022

Outra emisión máis do noso programa "Galegos no BAIX". Comezamos coas salutacións e a nosa sintonía de sempre e escoitamos unha peza de RICARD ROS, que leva por título "Sac buit" e que interpretarán no festival "Sons de la Mediterrània", en Manresa. Conectamos con MARIO SENÉN LÓPEZ FERNÁNDEZ, da Asociación Cultural Galega "Saudade", para que nos informe da próxima celebración dun acto moi importante o vindeiro día 8 de outubro, nada menos que na Sagrada Familia de Barcelona. Parabenizámolo e desexámoslle moita sorte a esa Asociación.

 

A seguinte conexión é con don HENRIQUE SANFIZ, Presidente da Asociación de Emisoras Municipais de Galicia (EMUGA) que nos facilita información moi interesante, relacionada coas emisión das Radios Galegas e moi en particular dun "podcasts" que está seleccionado para participar a nivel Nacional nun concurso de Ivox, emitido na Serie Onda ODS Radiofusion. Ficamos á espera de que nos facilite o enlace para poder votar por ese "podcasts" xa mentado, en favor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Agradecémoslle a súa participacion no programa de hoxe e continuaremos conversando con el en vindeiras datas, para que nos siga informando de moitas e interesantes noticias.

Continuamos a emisión e chamamos a MODESTO FRAGA MOURE, escritor e poeta ben coñecido pola nosa audiencia, posto que xa temos conversado con el noutras ocasións. Infórmanos do Acto de Presentación dun CD - DVD, onde se recolle todo o máis salientable relacionado co "Batallón Literario da Costa da Morte", con motivo do seu 25 aniversario. Celebrouse nunha Sala do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Continuaremos ampliando a comunicación con Modesto posto que sempre nos recibe moi amablemente e prometémonos voltar a conectar con el para recibir tódolas noticias e informacións daquela contorna.

 

Aproveitamos para darlles unha información precisa sobre a "Festa Galega de San Froilán" en Nou Barris, que terá lugar os días 7, 8 e 9 de outubro. Contará cun grande avano de actividades. Poderán disfrutar deste evento. Ademais de degustar productos galegos de calidade, servidos por "Casa Díaz", tamén se realizarán varios concertos de grandes artistas, que aporta Radio Tele-Taxi, e a actuación estelar da Orquestra PANORAMA, os días 8 e 9. Desexámoslles moita sorte e unha grande celebración.

Falamos agora con CARLOS ALONSO, encargado de Deportes da TVG, da Delegación de Vigo. Agradecémoslle a súa amable atención. Cóntanos que a Selección de Futbol masculina de Galicia participan nun torneo Internacional. Tamén lle desexamos moita sorte.

E finalizamos as conversas coa nosa admirada artista e cantautora CARMEN PENIM, de 2Na Fronteira. Parabenizámola polos diversos Concertos nos que participou ultimamente. Mencionamos o que se fixo en Cambados para axudar ao financiamento que precisa a tamén amiga e benquerida Merchi Álvarez. Tamén o que se lle dedicou a Xosé Manuel Pazos Varela, "Verbas Amigas, acto de homenaxe política..." Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Despedímonos ate o próximo xoves. 

O programa completo: