jueves, 29 de octubre de 2020

XOVES 29 de OUTUBRO do 2020

Outro programa con todos vosoutros, tentando facervos pasar dúas horas de radio en galego. Escoitamos a sintonía de entrada, salutacións a tódolos nosos oíntes e seguidores. Queremos puntualizarvos que o noso programa de hoxe facémolo aproveitando as novas tecnoloxías. Non estamos nos estudos, realizamos unha videoconferencia e na Radio temos ao noso técnico Fernando que é o encargado de que saia por antena este noso programa de hoxe. Escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto cun grande artesán e gaiteiro de renome: ALVARO SEIVANE, do Obradoiro de Gaitas "Seivane.es". Agradecémoslle a súa amable atención. A conversa-entrevista xira arredor da súa traxectoria, do traballo e investigacións para perfeccionar a construcción das Gaitas, da distribución e venta... Quédannos no tinteiro moitas cousas que comentar, porque o tempo na radio pásasenos moi rapidiño... Noutra ocasión profundaremos máis sobre outros aspectos. Agradecémoslle o envío que nos fixo para celebrar o "40 Aniversario de Radio Sant Boi" e os 40 anos da A.C.G.Rosalía de Castro, e despedímolo con música.

Continuamos a emisión poñéndonos en contacto con dona CONCEPCIÓN ARZA "CHIÑA", da Empresa "Delicias do Souto". Tamén temos que agradecerlle o envío que nos fixo, con varios produtos elaborados por ela mesmo: Tarta de Castañas (Caurelá), Bica de castañas e Bolachas de castañas. Todo de Folgoso do Caurel, para agasallar aos nosos oíntes e celebrar o "40 Aniversario de Radio Sant Boi", así como os 40 anos da A.C.G.Rosalía de Castro. Facémoslle unha pequena entrevista para que nos vaia relatando cómo se confeccionan eses produtos tan deliciosos, e nunca mellor ditos, porque son: "Delicias do Souto".

Temos que disculpar ao noso correspondente en Monforte de Lemos, que por certo, hoxe está de cumpleanos e aproveitamos para enviarlle os nosos parabens. Aproveitamos esta ocasión para poñernos en contacto con ISMAEL ÁLVAREZ LÓPEZ, que ven de publicar, nunha páxina web persoal súa, un traballo de fin de estudos no que recolle 69 xogos populares da zona dos Ancares. Agradecémoslle que nos atenda e felicitámolo por esa documentación tan especial e que seguro servirá para que non fiquen no esquecemento moitos deses xogos populares que posiblemente hoxendía estanse a perder.

A ultima intervención, é con MARCO FOXO, un excelente intérprete gaiteiro e Profesor de Gaita tamén. Unha conversa-entrevista moi interesante, na que nos informa de varias novas como a próxima publicación dun CD no que colabora con Carmen Penim, e que se titula "Cantos de Terra e Sal". Tamén nos dá a coñecer o seu ultimo CD que publicou o ano pasado: "Romances Novos e Vellos", e que se pode escoitar en youtube e outras plataformas dixitais. Agradecémoslle a súa aportación e colaboración no noso programa. E despedímonos de Marco e de tódolos nosos oíntes e seguidores ate o vindeiro xoves, á mesma hora.

¡Que pasen unha feliz semana!

jueves, 22 de octubre de 2020

XOVES 22 de OUTUBRO do 2020

Comezamos outro programa máis de "Galegos no BAIX" dándolles a ben-vinda a todos os nosos oíntes e seguidores. Escoitamos a nova sintonía do programa e un bocadiño de música para conectar con Galicia e falamos con VICTOR FÁBREGAS, actor de grande prestixio que formou parte de "Os Tonechos". Ten participado en moitímas ocasións na TVG, en series, no Luar, no "Land Rober"... Agradecémoslle a súa estimada conversa e "mini-entrevista" no noso programa de hoxe. Coa súa colaboración acadamos e conseguimos o "Reto" que nos puxo o noso correspondente Xosé Manuel. Despedímolo con música das TANXUGUEIRAS.

A segunda intervención-entrevista é con ELENA FERRO LAMELA, esa grande artesana do coiro e da madeira, que puxo en valor e cun alto grau de calidade, os zocos, e esa fermosísimo traballo ancestral que ennoblece ese calzado que foi e segue a ser un calzado excepcional. Agradecémoslle a colaboración e os agasallos que nos enviará para celebrar o "40 Aniversario da nosa Radio Sant Boi" e os 40 anos da Asociación Rosalía de Castro de Cornellà. Aproveitaremos para compartilos cos nosos oíntes e seguidores. Xa saben tódolos nosos oíntes e seguidores que teñen que poñerse en contacto connosco mediante o whatsApp (689 090 171), o noso correo electrónico galegosnobaix@gmail.com, o facebook, ou o noso blog. Despedimos a Elena escoitando outro bocadiño de música, do ultimo traballo das TANXUGUEIRAS.

Continuamos, na segunda hora conectando con Xosé Manuel F.Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que comeza a súa intervención comentando que cumplimos co reto proposto na semana anterior, e comenta o seguinte RETO para a vindeira semana. A seguir comeza a súa crónica de informacións cos seus "Me Ghustan" e "Non Me Ghustan", de moito interese, e despois -no apartado de caralladas- engade o  seu humor mesturado (con retranca). Tamén nos envía a súa creación "viñetista" que fai referencia a unha parte do noso programa de hoxe, por certo moi axeitada e moi ben acaída polo tema tratado. ¡Moitas grazas, Xosé Manuel!

Seguimos escoitando outro bocado de música do CD das TANXUGUEIRAS e conectamos novamente con Galicia para falar con Rodrigo Barreiro das ADEGAS Daniel Fernández, da D.O.Monterrei, que veñen de agasallarnos con dúas caixiñas de viño Godello e Mencía, da súa marca "Galván" (Godello e Mencía), para celebrar o "40 Aniversario da Radio"... ¡Moitas Grazas, RODRIGO! Falamos con el e cóntanos cousas interesantísimas relacionadas coa Adega e co "Grupo EL RELOJ", ao que pertencen. Agradecémoslle a súa amable atención e prometémonos seguir en contacto con Rodrigo para que nos siga informando dos seus éxitos e do traballo que están a realizar nese grande Grupo Reloj, que enorgullece aos galegos en Cataluña. Tódolos interesados poden poñerse na súa páxina web para mercar calquera dos seus producots das Adegas e dos Restaurantes.

Escoitamos outro bocadiño de música. Mandamos o noso mais grande  e cariñoso agradecemento a Digna da "Panadería DISU" que nos acaba de enviar varios productos para compartir cos nosos oíntes e seguidores. Tamén lles dámo-las grazas aos nosos oíntes e seguidores, en especial a Máximo e Mercedes, que nos escoitan dende Suiza. Tamén a Carlos Alonso Calderón dende Hospitalet... Comentamos que xa finalizou a recepción de poemas participantes no "XXXIV Certame de Poesía Rosalía de Castro" de Cornellà, que se fallará o Premio o día 27 de novembro próximo. E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que sexan felices! 

jueves, 15 de octubre de 2020

XOVES 15 de OUTUBRO do 2020

 Comezamos o programa dándolles a ben-vinda e propoñéndolles escoitar un boacdiño de música para conectarnos con Galicia e falar con LUCÍA PEREZ, esa grande catautora que nos recibe moi amablemente. Comentamos con ela as diferentes actuacións que foi realizando neste verán pasado. danos algunha que outra novidade relacionada coas súas próximas actuacións e concertos... Desexámoslle que siga colleitando éxitos e agradecémoslle que nos axudara a conseguir o RETO que nos propuxeran en semanas anteriores. 

A segunda comunicación é con dona DIGNA, da Panadería DISU, en Navia de Suarna. Entrevistámola e preguntámoslle varias cousas relacionadas precisamente co seu establecemento: Panadería e Confitería. Tamén nos informa de que ten unha "delicatesen" que serve na súa tenda: "Embutidos da Abuela Delfina". Os productos que serve son todos de primeira calidade. O pan, con diversas clases ( de centeo, de trigo, bagetes... ) tamén ofrece uns roscóns moi demandados, Roscas de pascua, Larpeiras, croisants, magdalenas, Tarta de Navia, Empanadas... Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe e comprometémonos a solicitarlle que nos envíe algún dos seus productos para celebrar o "40 Aniversario de Radio Sant Boi" e os 40 anos da nosa A.C.G.Rosalía de Castro. 

Continuamos a segunda hora conectando co noso correspondente Xosé Manuel Fernández Montes, que coma sempre, ten preparada a súa sección Semanal "Quen che Preguntou?" E comeza cos seus "Megustan e Non me Gustan de Actualidade". Despois continúa coa súa parte humorística e envíanos a "viñeta" que está relacionada con algo do que tratamos no programa de hoxe:

Tamén nos poñemos en contacto con DANIEL ARZA, da Empresa familiar "Caurelor" que nos informa dunha novidade, entre tódolos productos que ofrece dende os Ancares: Trátase dun envasado Níscalos con castañas, que está tendo unha demanda moi interesante. Agradecémoslle a súa participación e colaboración de hoxe. Que teñades moitos éxitos!!!

Antes de finalizar e despedirnos de tódolos nosos oíntes e seguidores informamos dun grande evento musical, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, previsto para os dias 24 e 31 de outubro e 14 e novembro. Participarán Luar Na Lubre, Sumrrá e Milladorio: Serán os Magostos do GAIÁS.

jueves, 8 de octubre de 2020

XOVES 08 de OUTUBRO do 2020

Outro programa máis con todos vosoutros. Esta vez temos que disculpar ao noso colaborador habitual na Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, que non poderá realizar a súa aportación semanal. Desexamos que a vindeira semana xa poidamos disfrutar da súa inestimable crónica. O seu "Quen che Preguntou?".

A primeira intervención, despois das salutacións do comezo, é con Rubén Fernández, Xerente da "Casa Castelao", en Fonsagrada, que nos recibe moi amablemente e agradecémoslle a súa colaboración desinteresada posto que se suma aos anteriores colaboradores e aportará algún dos seus productos para celebrar  con todos os nosos oíntes e seguidores, este "40 Aniversario de Radio Sant Boi" e os 40 anos da nosa A.C.G.Rosalía de Castro. Compartirémolo coas persoas que se poñan en contacto con nosoutros. polso medios que xa saben: o noso WhatsApp = 689 696 171, tamén polo facebook "galegos no baix" e pola nosa páxina "galegosnobaix.blospot.com". Coméntanos cómo están a realizar o traballo na súa Empresa e convídanos a visitar a súa páxina web para solicitar calquera dos seus productos.

 

A segunda comunicación é con don ANIBAL, da "Adega TAPIAS DE MARIÑAN", en Pazos, da Denominación de Orixe "Monterrey". Tamén temos que felicitalo polos éxitos que está acadando e por ter recibido ese "Arlequín" que lle entregou a Federación de Entidades Galegas en Castro Caldelas, este verán pasado. Están rematando a vendima e agradecémoslle que participe con nosoutros enviándonos algunhas botellas de viño. Faremos o mesmo que cos outros agasallos,  compartíndoos cos nosos oíntes e seguidores. Falamos do seu traballo, da súa Adega, dos proxectos futuros moi ligados a unha investigación moi importante con cepas autóctonas recuperadas por eles mesmos, e enviámoslle os nosos mellores desexos.

 

Comezamos a segunda hora conectando con ARNAU, da Vivenda Rural "Casa Assumpta", que nos tiña prometido un xantar ou unha cea para dúas persoas. Agradecémoslle a súa aportación pero teremos que voltar a comunicarnos a mediados do mes de xaneiro do próximo ano 2021, xa que agora mesmo, como estamos en tempada baixa, teñen pechado e voltarán a abrir na segunda quincena de xaneiro. Un grande entusiasta da cociña catalana, posto que ofrece menus característicos e únicos naquela contorna, como poden ser os "calçots" ou as "butifarras amb mongetas", xunto con viños tamén catalás. Pero tamén ofrece aos clientes calquera outro producto da terra, que sabe preparar moi ben. 

 

E finalizamos o programa de hoxe coa entrevista que nos concede o "Gaiteiro Moañés" ANXO LORENZO, que segue a presentar e ofrecer o seu ultimo traballo CD: VORTEX. Tamén nos comenta que os días 10 e 11 de outubro realizaranse o "XXXVI Festival Intercéltico do Morrazo", no que está a traballar e participar na súa realización. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos, nos seus concertos e vindeiras actuacións.

 

 A vindeira semana máis. ¡Que teñades unha feliz semana e Non deixedes de sintonizarnos!!!


jueves, 1 de octubre de 2020

XOVES 01 de OUTUBRO do 2020

A segunda intervención é a de Mª Carmen Sánchez, propietaria de "EMBUTIDOS SUARNA", que nos acaba de enviar unha caixa con produtos artesáns (chourizos, e androias) para celebrar cos nosos oíntes e seguidores os 40 anos da nosa Radio Sant Boi e tamén o 40 Aniversario da nosa A.C.G.Rosalía de Castro. Agradecémoslle a súa colaboración desinteresada e mandámoslle os nosos parabens porque tamén a súa empresa está de Aniversario e está cumplir nada menos que 25 anos de traxectoria e traballo ininterrumpido. ¡Moitas grazas MªCarmen! E a seguir colleitando éxitos na elaboración deses productos de calidade.

 

Outro programa con todos vosoutros, tentando que pasen dúas horiñas agradables, con entrevistas, novidades e música galega. Comezamos dándolles a ben-vinda e comunicándonos con "Bieitiño", membro do Grupo "DEQUENVENSENDO", para felicitalos por ese seu primeiro traballo editado fai pouco e que nos enviaron para agasallar aos nosos oíntes e seguidores, que leva por título "Canto das Xacias". Agradecémoslle a súa participación e colaboración co noso programa e fálanos dos Concertos e dos próximos proxectos e actuacións previstas. Despedímolo coa súa propia música.

Despois conectamos novamente con Galicia para falar con ROBERTO REGAL, ese Enólogo e Adegueiro da Adega "ENONATUR", que nos envióu unha caixiña de viño para compartir cos nosos oíntes e seguidores, con motivo das celebracións que estamos a realizar. Conversamos uns minutiños con este grande especialista vitivinícola e ademáis de desexarlle moitos éxitos tamén lle enviamos o noso agradecemento persoal pola súa colaboración e participación no noso programa.

 

Temos que disculpar a ausencia do noso correspondente na Ribeira Sacra, Xosé Manuel F.Montes, que hoxe non pode estar con nosoutros, por motivos persoais. Así pois aproveitamos  a ocasión para poñernos en contacto co cantautor EMILIO RUA, que tamén se uniu aos anteriores participantes enviándonos sendos CDs da súa autoría para sortear entre os nosos oíntes e seguidores. Poden facelo polo whatsapp, polo facebook ou polo correo electrónico, e tamén nesta mesma páxina. A medida que vaian chegando as solicitudes iremos entregando os CDs e os agasallos que imos recollendo. Coméntanos a participación en varios concertos, en Oviedo e outros lugares. Que está convidado a participar nas Festas do San Froilán en Lugo, xunto con Rosa Cedrón, o vindeiro día 4 e 5 de Outubro. ¡Parabens Emilio! e moitos éxitos!!!

 

E para finalizar recibimos nos estudos a Luz, xunto co seu fillo Roi, que nos veñen a entregar unha caixiña con CDs de "Uxía Lambona e a Banda Molona".


Aproveitamos para falar con Diego, un dos compoñentes da Banda e comentamos algo do que estiveron a facer nestes meses de verán e das actuacións previstas para as próximas datas. Agradecémoslle a visita a Roi e a Luz, e despedímonos con música deste Grupo de Troula galega, do que poderán recibir algún dos agasallos que nos entregaron.

 

 A vindeira semana voltaremos. Non deixen de sintonizarnos.