jueves, 17 de junio de 2021

XOVES 17 de XUÑO do 2021

Comezamos coa nosa sintonía, saudando aos nosos oíntes e seguidores para dar paso a unha peza do CD que leva por título "Popsía.Vol.I", de FRAN Amil, cantautor galego a quen recibimos como primeiro convidado no noso programiña de hoxe. Agradecémoslle a súa atención e parabenizámolo por ese traballo que segundo nos día editouse a finais do 2020 comezos diste 2021. Comentamos con el algúns entresixos do seu traballo, fálanos das presentacións e concertos xa realizados e dos previstos... Desexámoslle moitos éxitos, que seguro seguirán a este primeiro volúme.

Chamamos agora a Belén Xestal, esa grande comunicadora que dende fai tempo considerámola unha grande amiga e somos verdadeiros "fósforos" dela, non só polo seu traballo de presentadora senón tamén pola dedicación e atención que sempre nos presta. Tamén a felicitamos por outros acontecementos moi familiares que ven de celebrar, concretamente 10ª aniversario do nacemento da súa benquerida filla Laura. Cóntanos algunhas cousiñas, poucas a pesar do moito traballo que ven realizando. Agradecémoslle a participación de hoxe no noso humilde programa.
 

A segunda hora comezámola conectando con JOEL PADIN, un xovencísimo intérprete e cantautor, pandereteiro galego que non fai moito publicou o seu primeiro CD titulado "Aughas Mortas". Escoitamos, para recibilo, unha peza dese CD, Balbina. Mantemos unha conversa comentando cousas relacionadas con ese proxecto, co seu traballo e estudos, así como as presentacións e posible xira prevista para este verán. Desexámoslle que siga acadando moitos éxitos. ¡Moitas grazas por atendernos JOEL!

Tamén falamos con Beatriz Vila Freire, responsable da Asociación de Empresarios e Turismo da Ribeira Sacra. Xa temos falado con ela en anteriores ocasións, pero neste día tiñamos que solidarizarnos con eses heróicos viticultores da Ribeira Sacra, por mor dunha grande treboada que aconteceu estes días atrás e que fixo moito destrozo nas viñas e colleitas en Chantada e arredores. Ogallá que poidan recuperarse pronto dese desastre imprevisto. Tamén nos conta cousas das próximas actuacións. e convídanos a visitar a provincia de Lugo e máis concretamente a Ribeira Sacra. Fálanos de que este ano tamén participará na "Volta Ciclista a España 2021" cun stand amosando máis de 20 productos galegos, que se poderán degustar nos lugares onde remate ou comecen as etapas da Volta-2021. Desexámoslle que todo decorra moi ben e con moitos éxitos.

E despedímonos de tódolos nosos oíntes e seguidores indicándolles que o vindeiro xoves, 24 non haberá programa, por mor da festividade de San Xoan. Que disfruten!!!. Aquí teñen o programa completo.

jueves, 10 de junio de 2021

XOVES 10 de XUÑO do 2021

Unha nova emisión deste programa "Galegos no BAIX". Dúas horiñas de radio en galego, para entreter e aprender con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía e chamamos a Lucía Rodríguez Fernández, encargada dunha sección moi interesante: O ARGUEIRO DOS ANCARES. Felicitámola por ese traballo tan engaiolante e fálanos de cómo o comezou a argallar e levar adiante. Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslle que teña moitos éxitos.

O seguinte convidado é Cheché Real, Presidente da APEHL (Asociación Provincial de Hostalaría e Turismo de Lugo). Tamén lle damos os nosos parabens, porque están traballando para poñer en marcha o XVI Concurso de Tapas de Lugo, dentro do "E pra comer Lugo". Falamos de diversas e interesantes noticias relacionadas con esa Asociación Provincial, do Turismo da provincia de Lugo, do Camiño de Santiago, da Ribeira Sacra, da Mariña Luguesa, da súa gastronomía... ¡Moitas grazas Cheché!

Continuamos, na segunda hora conectando con María Osorio, responsable da "Librería Chus" de Becerreá. Unha librería emblemática naquela cidade e naquela contorna. Teñen previsto facer presentacións de libros recén publicados e posiblemente poñan en marcha un "clube de lectura". Os proxectos e obxectivos que teñen en mente son moi interesantes.

Café-Bar Demetrio

A ultima intervención é a do Roberto López, responsable do "Albergue-Hostal CASA Cuartel da Garda Civil" na Fonsagrada. Tamén son os donos do "Cafe-Bar Demetrio", a carón deste establecmento, e que se caracteriza polo excelente servicio de desaiunos e cafes. Coméntanos que xa comezan a ter reservas para o aloxamento e o Camiño xa parece que vai levantando cabeza.
 

Comentamos un chisco os actos celebrados o sábado pasado "Festa da A.C.G.Rosalía de Castro" polos 40+1 aniversario da súa fundación e da Conferencia impartida por Emma Pedreira o día de onte para todos os socios e simpatizantes da Entidade. E despedímonos ate o vindeiro xoves, desexándolles que teñan unha feliz semana.

Aquí tedes o programa enteiro.

jueves, 3 de junio de 2021

XOVES 3 de XUÑO do 2021

Comezamos o programa conectgando con Galicia para falarmos con ANXO BOÁN, avogado, escritor e poeta, con quen mantemos unha conversa moi amena relacionada coa súa creatividade tanto poética como escrita. Solicitámoslle que nos faga partícipes e nos envíe algunha das súas producións teatrais, para tentar de que a nosa compañía "Anduriña" poida adaptala e intentar interpretala. Agradecémoslle a súa atención.

Seguimos a emisión voltando novamente a Galicia para conectar con SONIA NOGUEROL, camioneira e carniceira. No pouco tempo do que dispuxemos descubrimos unha persoa moi atenta, encantadora e chea de vida, que ten paixón polo seu oficio, tanto ao transporte como á distribución de carne de calidade, que se sirve na Carnicería Ribeira Sacra (Ourense), da súa propiedade. Felicitámola e desexámoslle que teña moito éxito na súa andaina.

A segunda hora sempre a comezamos dándolle paso ao noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F.Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? coa que nos enteramos das noticias escollidas para dárllelas a coñecer aos nosos oíntes e seguidores. Tamén nos deleita cos seus apuntamentos refraneiros e algunhas frases populares, recollidas na "súa libretiña pequena". E non falta a súa aportación creativa, en forma de viñeta, alusiva a algún momento da emisión de hoxe, que compartimos con todos vosoutros.

Finalizamos a emisión falando con Antonio Marzabal, que nos comenta un bocadiño a súa faceta escritora. ten publicados varias novelas, a última "Plomo sin balas, cruel fantasía". Tamén nos adianta que en vindeiras datas, quizais cara o final do verán tentará sacar ao prelo outra novela que está corrixindo e repasando ("poñendo en limpo" como el di) para publicala. Despedímolo desexando que teña moitos éxitos e prometendo voltar a comunicarnos con el para que nos fale desa próxima novela.

E deste xeito foi transcurrindo o programa de hoxe.

Aquí deixamos o programa completo. ¡Que teñan unha feliz semana!