jueves, 28 de octubre de 2021

XOVES 28 de OUTUBRO do 2021

Comezamos un programa máis de "Galegos no BAIX" dándolles a Ben-vinda e despois dun bocadiño de música conectamos con Galicia para recibir a Ana Vázquez da Queixería AIRAS MONIZ, en Chantada, na Ribeira Sacra Lucense. Dámoslle os nosos parabens por teren recibido a Medalla de Ouro ao Mellor Queixo Azul de España. Tamén nos indica que teñen recibido outros dous Premios relacionados co bon facer da súa Empresa. Mantemos unha conversa moi ilustrativa e aprendemos un chisco máis sobre esa elaboración tan especial do queixo "Savel" que é o premiado, xunto con outro queixo, Terra, que tamén recibiu outros premios e dos que Ana nos detalla con precisión. ¡Felicitámola e desexámoslle que sigan colleitando moitos éxitos!


Falamos con Xosé Vieira, un Matemático e escritor que ven de presentar dous libros moi interesantes. Recibimos unha lección de "bon facer social" que el predica coa defensa de moitas e importantes iniciativas para o ben da humanidade. Mágoa non ter máis tempo para seguir disfrutando da súa conversa.


Encetamos a segunda hora conectando novamente con Galicia para recibir a Rubén Troitiño, grande mestre gaiteiro e investigador. Parabenizámolo pola posta en marcha dunha páxina web, creada por el mesmo, e moi interesante: www.musicasdaterrademontes.com. Chea de documentación e historia. Fálanos dese proxecto no que levaba traballando moito tempo, pero que ten previsto seguir actualizándoo e desexando que participen del tódolos interesados na música tradicional e outros aspectos que el mesmo nos relata. Agradecémoslle que comparta cos nosos oíntes e seguidores ese seu traballo.

Finalizamos o programa de hoxe conectando con Silvia Pardo, do "Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense" : XANTAR 2021. Despois de agradecerlle a súa amable atención (que sempre nos prodiga) para falarnos dese grande evento que cumple 21 anos de existencia. Información detallada para que os nosos oíntes e seguidores se interesen por asistir. ¡Grazas, Silvia!

¡Que teñan unha feliz semana!

Aquí teñen o programa enteiro.

jueves, 21 de octubre de 2021

XOVES 21 de OUTUBRO do 2021

Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" coa nosa sintonía de sempre e escoitamos unha peza de música para recibir ao primeiro convidado: "Xabier Díaz". Agradecémoslle a súa atención. Dedícanos uns minutiños para informarnos da próxima actuación que terá, xunto coas Adufeiras de Salitre, no "Tradicionarius de Gracia" o día 23 de outubro ás 21h. Presentarán o ultimo video, que estrenan hoxe mesmo nas redes, correspondente a unha peza do seu CD "As catedrais silenciadas". Desexámoslle moitos éxitos.

A segunda intervención é a de FRAN AMIL, outro músico, cantante e compositor, que nos fala do recente traballo publicado: "Popsía Vol I". Veñen de presentalo en diversas localidades de Galicia, e hoxe mesmo farano en Betanzos ás 20h. Tamén comentamos con el a repercusión que están a ter as súas páxinas: chuchesamil.com e franamil.com. Unha conversa con información interesante sobre os seus traballos.

Continuamos na segunda hora conectando novamente con Galicia, moi concretamente coa localidade de Tirán, onde se atopa Luís Chapela, con que mantemos unha conversa moi amena, e agasállanos coa lectura dun seu poema adicado ao grande poeta Bernardino Graña.

Despois poñémonos en contacto con Berta Dávila, escritora e poeta galega que ten recibido unha man chea de Premios de Narración e de Poesía. Parabenizámola porque acabamos de saber que unha das súas aportacións literarias publícase na revista VOGUE deste mes de novembro, e que se titula "Mujeres incómodas en días de fiesta". 
Agradecémoslle a dedicación que nos concede e desexámoslle moitos éxitos.

E finalizamos o programa de hoxe con música, coma sempre. Desexamos que volvan a conectarse o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana! 

Aquí poden escoitar o programa enteiro.

jueves, 14 de octubre de 2021

XOVES 14 de OUTUBRO do 2021

Outro programiña máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía de sempre e despois das salutacións escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto con Hector Pérez do "Forno de Lugo", con quen mantemos unha conversa-entrevista para que nos informe da situación e de todo o que precisamos saber sobre a súa empresa. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Despois voltamos a conectar con Galicia para achegarnos a LIRA, onde se atopa a Señora Carmen, responsable da "Vivenda Rural Xanela da Lúa". Fálanos dos "Outonos Gastronómicos 2021", que xa levan nada menos que 15 anos celebrando. Teñen dúas ofertas de menús moi interesantes, con productos de quilómetro 0, propios do país e cun selo especial. Van acompañados da estancia dun día ou dunha fin de semana, cuns prezos moi competitivos e moi axeitados. Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores para que aproveiten a oportunidade de acollerse a esas ofertas tan interesantes e con eses menús degustación. ¡Moitas Grazas, Sra.Carmen, e moitos éxitos!


Comentamos por uns minutiños a celebración do Aniversario da "Casa Galega de Hospitalet", que tivo lugar o pasado día 9 de outono precisamente no Parque Metropolitano de Bellvitge. Axudou á súa presentación Armando Fernández. Actuaron os compoñentes da propia Entidade Casa Galega de Hospitalet, Agarimos de Badalona e a actuación estelar do Carlos Núñez. Unha festaza chea de engado.

Entrevistamos a JOEL PADÍN, que nos fala do seu CD :"Aughas Mortas". Tamén o felicitamos porque está elixido, xunto con outros grupos galegos, como finalistas dos "Premios Martín Codax de Música", no apartado de música Folk. Recibímolo cunha das pezas súas e despedímolo tamén con outra da súa autoría.

A vindeira semana máis e, á mesma hora. 

Aquí teñen o programa completo.

jueves, 7 de octubre de 2021

XOVES 7 de OUTUBRO do 2020

Comezamos outra emisión radifónica cos saúdos de sempre, coa nosa sintonía e unha peciña musical para despois poñernos en contacto co noso primeiro convidado: David Amor, que nos recibe moi atentamente e conversamos con el da súa traxectoria artística e das próximas actuacións previstas. Agradecémoslle o tempo que nos adica e desexámoslle que siga tendo moitos éxitos.


A segunda conversa tiña que ser cun escritor e poeta galego, pero non puidemos contactar con el. Noutra ocasión será. O que sí temos é a visita, nos nosos estudios, de Mª Xosé Silvar, SES. A nosa admirada e benquerida cantautora "berghantiñana". É un pracer e unha honra tela no noso programa. Falamos con ela e cóntanos que ben a "Estrenar dúas pezas recén compostas": Unha en galego e outra en catalán. Preguntámoslle cómo foi o seu proceso de composición... Tamén nos informa do Concerto que ofrecerá mañá precisamente no Centre Artesá Tradicionarius de Gracia. Os que asistan tamén poderán adquirir, coa súa sinatura e directo, do seu último CD : "Liberar as Arterias", que non puido facer a xira de presentación por mor do confinamento que tivemos. Temos que facer aquí mención de Toni Palau, de Mirmidon, que foi quen nos trouxo esta prezada visita.

Aproveitamos e escoitamos un bocadiño deses dous temas de estrena: "Apren l'aspra lliço" (poema de Salvador Espriu) e a outra composición propia: "O medo dunha nena". Fermosos temas que poderán disfrutar mañá tódolos que se acheguen ao Concerto.

Poñémonos en contacto con Sabela Maneiro, para darlle unha sorpresa, tanto a SES como ás "Tanxugueiras", xa que teñen moi boa relación entre as dúas. Recibimos a Sabela que nos conta cómo están sendo as recentes actuacións e algunhas das que están en carteira, destacando a que próximamente farán en Manresa... Escoitamos algunha das súas pezas e despedímola desexando que sigan colleitando moitos éxitos.

Tamén escoitamos outra peciña máis e co agarimo que lle temos á nosa prezada SES, despedímola augurándolle moitos éxitos e dándolle os nosos parabens por agasallarnos non só coa súa visita senón tamén coa estrena (en primicia para Cataluña) das dúas pezas musicais que poidemos escoitar hoxe.

 

Finalizamos o programa conectando novamente con Galicia para falarmos con Fernando Pérez: "Mel O Salgueiral", que veñen de acadar a "Medalla de prata" no Concurso Internacional London Honey Awards. Felicitámolo e conversamos con para coñecer un pouco esa empresa familiar que ultimamente está a ter un éxito importante. En vindeiras datas porán en marcha unha páxina web para poder ter máis visibilidade nas Redes Social, pero de momento están en Instagram e poden atopalo en "Mel do Salgueiral". Agradecémoslle a súa información detallada e desexámoslles moita sorte e éxitos.


E así foi o programa de hoxe. 

¡Que teñan unha feliz semana! O vindeiro xoves máis. 

Aquí tedes o programa enteiro.