jueves, 28 de febrero de 2019

XOVES 28 de Febreiro do 2019

Comezamos o programa dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. Escoitamos unha peciña musical e conectamos con Galicia, concretamente coa Secretaria da Asociación de Filloas da Pedra de A Baña, dona Mónica, que nos fala da recente celebración da "XVI Festa da Filloa" os pasados días 23 e 24 de febreiro. Un acontecemento cheo de engado e moita Festa, que acompañaron cunha morea de asistentes, participacións de Grupos de baile e música tradicional xunto coa Grande Orquestra Charleston Big Band. Convídanos a que visitemos A Baña, para disfrutar da súa gastronomía, Patrimonio cultural e natureza fermosa. Agradecémosllelo.

A seguir, conectamos co Ilmo.Sr.Alcalde de Navia de Suarna, don José Fernández Fernández,  que nos fala da "XXIX Feira da Androlla" prevista para esta próxima fin de semana os días 2 e 3 de Marzo. Infórmanos das diversas actividades previstas. Tamén falamos con dona Paloma, unha das grandes elaboradoras artesanais dos productos que se servirán nesta Feira Naviega. Agradecémoslle a súa amable atención.

Continuamos o programa dándolle a ben-vinda a dona CARMEN QUINTEIRO, mestra e escritora de relatos curtos e poesía. Unha amena conversa cunha creadora Pontevedresa que nos amosa a súa faceta escritora coa que se sinte completamente realizada. Pronto sairá ao prelo un novo libro seu. Prometémonos voltar a comunicarnos con ela para comentar a súa publicación.

Despois falamos coa nosa correspondente nos Ancares, dona Fernanda Follana Neira, concretamente en Becerreá, onde se atopa, para que nos informe de varias noticias interesantes sobre aquela zona e tamén nos anima a visitar a páxina de David Ouro, un Ilustrador galego de grande prestixio.

A vindeira semana máis. Non deixen de sintonizarnos e que ¡Pasen unha feliz semana!

jueves, 21 de febrero de 2019

21 de FEBREIRO do 2019

Comezamos este programiña de radio ofrecéndolles escoitar a entrevista que nos concedeu o cantautor XABIER VIZCAÍNO, acompañado de Sofía. Estiveron nos estudios de Radio Sant Boi e falamos distendidamente sobre a súa traxectoria e a xira que lle fixo recalar en Hospitalet o sábado pasado, e hoxe mesmo atópase en Zaragoza, para continuar cos seus concertos e presentacións do ultimo CD : DIÁSPORA. Agradecémoslle a súa amable atención.

Despois continuamos o programa conectando con Galicia para falar con RUBÉN da "Casa Castelao" na Fonsagrada, que nos pon ao corrente da celebración da "XXII Feira do Butelo de Fonsagrada", prevista para esta próxima fin de semana, e na que teñen previsto asistir nada menos que 63 expositores de butelos e productos artesanais da zona. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Falamos agora co "Chef-Cociñeiro" Alfonso do Restaurante "Manuel Manuel" da capital amurallada de Galicia - Lugo - con quen comentamos varias das opcións gastronómicas que se poden degustar nesta época, nese Restaurante de grande prestixio. Desexámoslle que conitnúen con moitos éxitos.

Conversamos con Filo López, de Territorio Verde, que nos fala desa Asociación sen ánimo de lucro,  moi concienciada na posta en valor do Rural Galego. Tamén nos informa da celebración dunha actuación moi importante, prevista para o día 2 de marzo vindeiro en Creixido (Cervantes - Lugo). 

A sección QUEN CHE PREGUNTOU? a cargo do noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSE MANUEL F. MONTES, comeza facendo un pequeno repaso aos moitos Entroidos aos que se pode asistir nestes días por aquelas contornas Ourensanas e Lucenses. Despois fai un repaso moi ilustrativo cos seus ME GHUSTAN  e NON Me Ghustan, moi interesantes. Tamén recollemos a súa aportación creativa alusiva precisamente a un dos temas tratados na conversa de hoxe.

E despedímonos escoitando unha peza musical proposta polo noso colaborador, alusiva a un dos productos galegos de calidade. ¡Que pasen unha feliz semana e desexamos que volvan a sintonizarnos.

jueves, 14 de febrero de 2019

XOVES 14 de FEBREIRO do 2019

Presidente de Asobecat, Juan Pedro Sánchez
Comezamos este programa dándolles a benvida e saudando a presencia do Presidente de ASOBECAT, don Juan Pedro Sánchez e, despois de escoitar unha peciña musical, falamos do "XVI Festival do Botillo en Cataluña", que organiza a Asociación de Bercianos no Hotel Front Air Congress de Sant Boi de Llobregat este vindeiro sábado 16. Coméntanos tódolos detalles desta celebración que xa conta con máis de 300 inscritos e que xa teñen o tiquet de asistencia.


Despois conectamos co Ilmo.Sr.Alcalde de Villafranca del Bierzo, que é o Concello homenaxeado neste "XVI Festival", don José Antonio Pereira VegaMantemos unha pequena conversa-entrevista na que nos fai un sucinto percorrido por esa localidade berciana, chea de encanto, que foi declarada como o pobo máis "Bello de Castilla y León" e que dende 1965 ostenta a declaración de Conxunto Histórico-Artístico. Parada imprescindible no Camiño de Santiago, chamada a "Pequena Compostela"... Felicitámolo e desexámoslle unha boa viaxe para asistir a esta celebración na que seguro saudará a moitísimos conveciños asistentes.


Continuamos na segunda hora conectando con Galicia para falar con MANOEL CARRETE, que nos pon ao corrente dos traballos que está a realizar para poñer en marcha o "Museo da Emigración" que estará ubicado no Pazo de Vilamarín (Ourense). Está a traballar na moitísima documentación que vai recollendo e inventariandoo todo. Tamén nos describe o labor que está a realizar en Castro Caldelas, a restauración dun Mosteiro, a inauguración dun Museo Antropolóxico e outras moitas cousas. Felicitámolo por ese labor tan importante e desexámoslle moitos éxitos.


Poñémonos en contacto con RICARD ROS, que nos informa do RUBRIFOLKUM, que se celebrará en Sant Boi por 9º ano consecutivo e que terá como estrela principal nos Concertos a Mercedes Peón, o Grupo Fanfarra e o Grupo Galego Caldo ademais do Grupo RIU no que participa el mesmo. Podedes recoller máis información de toda a programación prevista para os día 7, 8 e 9 de marzo, na súa páxina de facebook: Rubrifolkum.


Antes de finalizar comentamos algo máis sobre o Festival e atrevémonos a "ler" o poema "Miña casiña, meu lar". O día 24 de febreiro será o Día de Rosalía  e polo tanto convidamos a tódolos nosos oíntes e seguidores que celebren ese día de Rosalía tomando o "Caldo de Gloria" que describe moi ben a autora dese famoso poema, e que dende a Fundación Rosalía de Castro (en Padrón) veñen celebrando e propoñendo celebralo a tódolos galegos e non galegos, para commemorar ese día.


Pasen unha feliz semana!!! Nos voltaremos o vindeiro xoves á mesma hora, con máis novidades e máis Radio en Galego. 

jueves, 7 de febrero de 2019

XOVES 7 de FEBREIRO do 2019

Outra semaniña máis con todos vosoutros falando en galego nestas dúas horiñas de radio. Comezamos, despois das salutacións pertinentes, conectando coa localidade de Quiroga, onde se atopa don MIGUEL ANXO GARRIDO, xerente da funeraria Garrido, con quen mantemos unha pequena entrevista-conversa chea de informacións e novidades moi interesantes, relacionadas concretamente con esa actividade. Son os primeiros en empregar a ferramenta de "Wassap" para facer as comunicacións luctuorias e outras informacións. Tamén empregan o facebook e a súa páxina web, que é moi ben recibida e empregada no rural. Agradecémoslle a súa amable atención.

Continuamos o programa saudando a dona AMALIA DÍAZ RODRÍGUEZ, unha poeta galega, concretamente de Cerdido. Agradecémoslle a participación no noso programa de hoxe, que se enche de galanura ao recibir o agasallo da recitación de varias das súas creacións poéticas. ¡Moitas grazas e moitos éxitos, Amalia! Seguiremos en contacto.

A segunda hora correspóndelle comezala coa sección QUEN CHE PREGUNTOU? do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSE MANUEL F. MONTES. As noticias que escolle fainas mediante os seus ME Ghustan e Non me Ghustan. Tamén nos fai partícipe de varias curiosidades e recomendacións para próximas datas, relacionadas con eventos e interesantes celebracións. Despois envíanos a súa "viñeta" alusiva a algún momento da intervención radiofónica, que nos aproveitamos para incluíla neste blog. 

E a ultima intervención deste serán é a conversa coa nosa amiga MERCHI ALVAREZ, Presidenta de GALICIAME, que ten preparadas varias informacións novidosas relacionadas coa AME e con algunhas das actividades que están a realizar ou próximas para vindeiras datas. Agradecémoslle o tempo que nos adica e desexámoslle moitos éxitos.

Despedímonos ate a vindeira seman. ¡Que sexan felices!