jueves, 27 de mayo de 2021

XOVES 27 de MAIO do 2021

Outra emisión máis deste noso programa "Galegos no BAIX", con ganas de aprender e informar dalgunhas cousas interesantes. Comezamos coa nosa sintonía e conectando con Oliver Fernández, Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro para que nos informe da próxima celebración do 40+1 Aniversario da Entidade, que para conmemorar ese evento teñen previsto facer a ofrenda floral no busto de Rosalía de Castro en Can Mercader, así como unha actuación excepcional no colexio Torre de la Miranda (C/ Almogávares,10 de Cornellà), o día 5 de XUÑO. Participarán o Coro Rociero da Hermandade de Cornellà, a Batucada Aritmia, o cuarteto EVOÉH, as pandereteiras "Rosalieiras" e o Grupo da Entidade. Os actos serán completamente gratuitos pero terán que anotarse no teléfono 620 236 571, para cumplir coas normativas sanitarias do coronavirus. Desexámoslles moitos éxitos.

Dámoslle paso, a seguir, ao noso colaborador Henrique Fernández-Mon Sánchez, e a Oriana Méndez, filóloga galega, escritora, poeta e actualmente concellal no Concello de Vigo. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe. Ven de recibir o "XVIII Premio de Poesía A Fundación" polo seu libro "Interna". Felicitámola e mantemos unha breve conversa para sabermos algo máis da súa traxectoria creativa. Agradecémoslle estes minutos que nos concedeu.

Continuamos, na segunda hora coa crónica do noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F.Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? na que nos comunica as súas escollas informativas en forma de Ghústanme e Desghústanme, acompañadas dalgunhas notas extraídas da súa libretiña pequena, como Refráns populares e ditos interesantes. Tamén nos envía a súa "viñeta" alusiva a algún momento do programa, que hoxe ten que ver co poeta Lois Pereiro. ¡Moitas Grazas!

A seguinte conversa-entrevista é con Diego Veiga, componente do Grupo Musical MOURA, de quen vimos escoitando algunha peza musical que recibimos hai uns días, como é a Muiñeira Maruxaina, coa que o recibimos e dámoslle as grazas por atendernos. Fálanos da composición dese Grupo Musical que basea as súas interpretacións na fusión da música tradicional co rock, dándolle un impulso e unha expresión musical moi rompente, moi nova e introspectiva, como el mesmo a define. Seguiremos a súa traxectoria e desexámoslles moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro xoves. Que teñan unha feliz semana. Aquí podedes escoitar o programa enteiro.

jueves, 13 de mayo de 2021

XOVES 13 de MAIO do 2021

Comezamos unha nova emisión de "Galegos no BAIX" conectando con Galicia, concretamente con Xosé Luís Fernández Ansedes, da Finca O Remanso, pertiño de Mondoñedo. El mesmo nos relata a situación dese aloxamento: está en Viloalle, finca situada en plena natureza, rodeada de bosque, árbores frutais, "A fervenza" do río Masma. Esta Casa Rural foi unha das primeiras que se instalaron en Galicia. Ten varios cuartos de aluguer con tódolos servicios imprescindibles, un salón de reunións, biblioteca e un xardin moi amplo para poder disfrutar da tranquilidade e paz que o propio nome describe: Remanso. Tamén nos fala da próxima celebración dun evento relacionado coa Emigración Galega previsto para o día 12 de xullo. Agradecémoslle a súa amable atrención.

A segunda intervención, conversa-entrevista é con Rosalía Fernández Rial. Licenciada en Filoloxía, doutora en Didáctica das linguas e expresión dramática. Toca o acordión, fai teatro, escribe e ademais é poeta. Tamén aproveita para entrar na conversa o noso querido amigo e colaborador Henrique Fernández-Mon Sánchez. Agradecémoslle a participación no noso programa e despois de coñecela un chisco agasállanos coa declamación dun dos seus poemas recentemente premiados. Moitas grazas, Rosalía!!!. Neste podcast podedes disfrutar del. Desexámoslle que siga a escribir e que teña moitos éxitos na súa andaina creativa.

Despois conectamos co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos: Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? coa que fai un repaso das novidades escollidas en forma de ghústanme e desghústanme para darlle a súa aportación retranqueira. Tamén nos envía dúas sentencias populares recollidas na súa "libretiña pequena" e, como non, mándanos a "viñeta" relacionada con algún dos temas tratados no programa de hoxe. E non podía ser doutro xeito máis ilustrativo que o retrato de Xela Arias, a quen se lle adican as nosas "Letras Galegas 2021" ¡Moitas grazas por todo, Xosé Manuel!

Temos o pracer e a honra de recibir nestes estudos virtuais a Gonzalo Hermo, escritor e poeta galego afincado en Cataluña. Incorpórase Chus Pato, Profesora, escritora e Poeta, que participará xunto con Alba Cid nun acto que leva por título: "Cruzar os Atlas por unha Ponte de pasarelas". Estará moderado precisamente por Gonzalo. Será o domingo 16, a partir das 18:30, nos Xardins da Casa da Mirsericordia de Barcelona. Organizado polo Festival Barcelona Poesía 2021. Unha conversa que se nos fixo cativa, pero moi ilustrativa. Agradecémoslle a súa amable atención.

E despedimos o programa ata o vindeiro xoves, coma sempre. ¡Sexan Felices! Podedes escoitar o programa enteiro aquí.

jueves, 6 de mayo de 2021

XOVES 6 de MAIO do 2021

Outra semaniña máis con todos vostedes, tentando facerlles pasar dúas horiñas de radio entretidas e agradables. E comezamos conectando con Galicia para falarmos con MERCHI ÁLVAREZ, Presidenta da Asociación GALICIAME, que nos fai un pequeno percorrido pola situación que están a "aguantar" por mor do Coronavirus, que tanto nos afecta a todos, pero que a eles represéntalles moito máis esforzo. Indícanos que pronto convocarán as bases para a Beca de Investigación sobre a AME, e outros eventos previstos realizar, coas precaucións debidas, para non esmorecer o traballo que realizan. Agradecémoslle a  información e desexámoslles que sigan acadando moitos éxitos.


A continuación falamos con Silvia Castañeda, Presidenta da Irmandade Galega de Rubí, que está acompañada de Raúl Velasco Sánchez, coordinador do Certame Literario de "relatos curtos" que esta mesma Asociación Cultural Galega patrocina e que se fallará precisamente este mes de maio. Comentamos algúns asuntos sobre o mentado Certame e outros asuntos relacionados coa Entidade. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe.

A segunda hora comezámola voltando novamente a Galicia para conectar con Rogelio Santos Queiruga, un mariñeiro e labrador galego que é noticia polos seus videos e traballos que ven publicando nas redes sociais moi interesantes, relacionados coa pesca responsable. É unha charla-conversa-entrevista moi interesante e enriquecedora. As súas explicacións e aportacións axúdannos a comprender un chisco máis esa tarefa tan importante que realizan os mariñeiros galegos. Felicitámolo polo seu traballo e comprometémonos a voltar a falar con el para que nos siga axudando a aprender un pouco máis polo miudo os asuntos relacionados coas faenas do mar, e máis concretamente ese mar galego.

E para finalizar o programa de hoxe conectamos con ANTÓN DE GUIZÁN, un coordinador e dinamizador da Cultura Galega de grande prestixio. Fainos unha semblanza das moitas actividades nas que participa e nas que se encarga de coordinar e promover unha morea de actos relacionados coa literatura, coa poesía e coa arte en xeral. Moitas grazas, Antón. Seguirémoste e voltaremos a conecrtar contigo para que nos sigas informando das publicacións, das exposicións, das revistas... e de todo o que estades a programar para disfrute de todos. ¡Grazas pola túa amable atención!

Aquí podedes escoitar o programa enteiro. Coidádevos e ate o vindeiro xoves.