jueves, 25 de junio de 2026

XOVES 25 de XUÑO do 2026

Neste último programa desta tempada 2025/2026, comezamos coma sempre coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e dándolles a ben-vinda. Tiñamos previsto conectar con Álvaro, responsable do Centro Social A Pedreira de Pontevedra, pero agora mesmo non está accesible. Tentarémolo máis tarde e aproveitamos para darlles a coñecer unha noticia relacionada con este Centro Social, e moi importante, xa que acaban de recibir unha sentencia xudicial favorable. Escoitamos algo máis de música.

A continuación poñémonos en contacto con ANA VILA PORTOMEÑE, a Poeta Labrega de Taboada. Felcitámola polo seu traballo creativo e pola súa participación no Colectivo "Nexo Artistas Lugo", tamén nos comenta algunhas cousas máis relacionadas coa súa activa colaboración noutras formacións e concretamente coas "Facedoras de Lugo", así como tamén cos de "Fademur", esa Organización que representa, defende e presta servizo a milleiros de mulleres que viven e traballan no medio rural de toda España. Parabenizámola. E para despedirse agasállanos coa lectura do poemiña que lle adicou ás Facedoras de Lugo. ¡Moitas Grazas, ANA!

Agora, sí que conectamos con ÁLVARO, do Centro Social "A Pedreira", en Pontevedra. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe. Primeiro coméntanos o asunto da sentencia favorable que lles  concederon, relacionada coas axudas e sub-vencións e axudas que lles tiñan denegadas, pero que agora pronto as recibirán. Cóntanos cales son os principais obxectivos deste Centro Social, e moi específicamente a que acaban de celebrar con motivo do San Xoan. Felicitámolo e desexámoslles moitos éxitos.

Falamos con ALBERTO MILLÁN BETANZOS, un dos compoñentes de "Os Monifates".  Son un duo formado por Alberto e Xosé Piñerio Pérez, cunha grande traxectoria musical e creatividade lutier, que se xuntaron aló polo 2013 para deseñar ese proxecto que contén as súas inquedanzas artísticas e tradicionais relacionadasa coa música, o baile, os monicreques e a cultura galega en xeral. Mantemos unha conversa distendida e interesante. Ademais de agradecerlle a súa participación de hoxe tamén nos fala da súa traxectoria de máis de 10 anos de existencia, veñen de actuar e participar no "Ribeirocreques".

Recibimos ao noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que contén os tres apartados tan característicos. Sentimos moito non ter dado o resultado, en directo, o "bulo" que tentou colarnos na súa primeira intervención do "Bule-Bulo". Non fixemos mención porque tentou facer unha brincadeira coas noticias e non había "bulo" ningún, aínda que algún o parecese. 

Aproveitando as músicas que temos de fondo enviamos os mellores desexos para todos vosoutros, escoitantes e seguidores. Despedímonos ata o mes de setembro que voltaremos con moitos azos para reanudar este programa. continuaremos tódolos xoves á mesma hora de 16 a 18h horas da tarde. ¡Que teñades un FELIZ VERÁN!

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.

jueves, 18 de junio de 2026

XOVES 18 de XUÑO do 2026

Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" coa nosa sintonía, as salutacións e desexándolle unha pronta recuperación ao noso compañeiro Armando Fernández, que se atopa un pouco delicado. Seguro que pronto se reincorporará e terémolo en directo. Dámoslle as grazas ao noso técnico DANI, que é o responsable de que este programa saia adiante, e poñemos unha peza musical para darlle paso ao noso primeiro convidado: XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ. Agradecémoslle a súa atención e felicitámolo polos 30 anos de celebración dos Premios Lois Peña Novo. Iste ano os homenaxeados serán: O Equipo de Comunicación do Real Clube Celta de Vigo, polo seu labor constante dende o 2013 ao incorporar o galego ao fútbol profesional. Xosé Manuel Beiras Torrado, pola súa prolongada traxectoria e a súa obra intelectual en defensa de Galicia e a súa língua. E Dona Aurora Marco López, en recoñecemento a o seu compromiso constante co galego como ferramenta de investigación e divulgación. Tamén nos fala do Foro E. Peinador e do grande personaxe que foi ese filántropo e benefactor Enrique Peinador Lines.

A seguinte intervención é a de EFRAÍN DÍAZ VÁZQUEZ, Doutor, compositor, instrumentista e Profesor de Música, a quen felicitamos polo seu Doutoramente que acadou un Sobresaliente cum lude. A súa tese: "Os procesos de mutación e troco na cultura. O Pito Pastoril na Galicia". Agradecémoslle a súa grande colaboración ao facilitarnos a composición de Xiao, acompañada da súa interpretación co Pito, para que se covertira na nosa sintonía do programa. É unha honra e un pracer poder disfrutar desa música, que compartimos cada xoves con tódolos nosos escoitantes e simptaizantes. ¡Moitísimas grazas Efraín!

Continuamos a emisión e falamos con SANTI VELOSO, responsable da "Asociación Ponte nas Ondas", que veñen ser escollidos pola Unesco para presentar o seu modelo cultural e pedagóxico en China. Teñen tres proxectos desenvolvidos en Galicia que amosarán na reunión do Comité Interxeneracional da UNESCO, e extender a iniciativa RadioVisual do Patrimonio a Sanabria, Lubián e o Bierzo. Coméntanos a recente celebración do mencionado RadioVisual que se desenvolveu en 6 localidades galegas: San Cristovo de Cea, Muros, A Ribeira de Piquín, Modariz Balneario, Castro de Rei e Quiroga. Un éxito dos alumnos participantes e da comunidade educativa. Agradecémoslle a súa información e desexámoslles moitos éxitos na súa visita a China.

Poñémonos en contacto con ASER ÁLVAREZ GONZÁLEZ, de Arraianos Produccións, que ven de recibir o Premio de Periodismo Manuel Lueiro Rey do Concello de Fornelo de Montes. Parabenizámolo. A peza gañadora trata o tema da contaminación medioambiental xenerada polas macrogranxas na comarca de A Limia. Coméntanos a súa satisfacción por esta concesión que lle fai moita ilusión. Tamén nos fai partícipes da próxima inauguración da exposición "Os camiños de Elías Valiñas", que se fará mañá mesmo, día 19 de xuño no Salón de Actos do Concello de Bande. Este traballo ven de ser presentado en moitas localidades e mesmo no Instituto Cervantes de Beijing. Agradecémoslle a súa detallada comunicación e desexámoslle moitos éxitos.

Facémonos eco dunha noticia que nos chegou á redacción: O Centro Social A Pedreira, de Pontevedra, ven de recibir a sentencia favorable en relación á demanda que tiña interposta contra a Deputación de Pontevedra, que lle denegara a concesión dunha sub-vención.

 

Falamos con PEPE FORMOSO, do Bela Fisterra e Bela Muxía. Parabenizámolo por ter acadado un recoñecemento e Premio Podcast, polo seu traballo de comunicación en Radio Neria, "Falar sen cancelas". Desexamos que siga colleitando moitos éxitos. Tamén nos comenta algo sobre a CMAT (Costa da Morte Asociación de Turismo), que están a traballar, xunto cos Concellos, para ofrecer propostas turísticas e culturais para este verán. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.
 

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.


sábado, 13 de junio de 2026

Publicación do PREGÓN, e máis cousas, da nosa Asociación C.G.Rosalía de Castro, de Cornellà

Desexamos compartir cos nosos escoitantes e seguidores este pequeno documento que recolle un resumo da "Festa Galega de CAN MERCADER" diste ano 2026, celebrada os días 4, 5, 6 e 7 de XUÑO pasado. Nesta Grande Festa Major de Cornellà, a nosa Asociación tivo a honra de ser Pregoeira desta Festa. Este pequeno retallo documental recolle algúns dos momentos máis relevantes, que constitúen unha pequena semblanza do que representa esta nosa Asociación C.G. Rosalía de Castro, na sociedade cornellanenca. 





jueves, 11 de junio de 2026

XOVES 11 de XUÑO do 2026

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado, OVIDIO SANTOS  DACAL, que pertence á Asociación Cultural Galega AIRIÑOS DA NOSA GALICIA, en Santa Coloma de Gramenet. Felicitámolo polos actos e eventos que veñen desenvolvendo estes últimos días, como a celebración das Letras Galegas, a colaboración e participación na Festa do Barrio Riu Sud, a participación no Día de l'Associacionisme a Catalunya que se celebrou no Teatro Lluïssos de Horta, pero o motivo principal da chamada é para saber algo máis sobre o evento que se celebrará o día 13 de xuño no edificio Aura Seguros a partir das 18h: Exposición Otero Pedrayo co Lapis de Siro. Proxección do documental Ramón Otero Pedrayo: Dereito á paisaxe, coa participación da súa directora María José Bravo Bosch e a Intervención do Presidente da Fundación Otero Pedrayo, José Eduardo López Pereira. Parabenizámolos e desexamos que teñan moito éxito.

Damos lectura ás informacións relacionadas cos eventos que teñen previsto realizar no Concello de Pantón. Temos que disculpar a intervención de Francisco Xabier González, Técnico de Cultura do Concello, que por mor doutro compromiso non puidemos contactar con el. Demos a coñecer os diversos actos previstos para eses días que mencionamos e desexamos que teñan moito éxito e audiencia abondosa, que seguro disfrutarán con todos eles.

Poñémonos en contacto con ANTÓN BLANCO RODRÍGUEZ, Vicepresidente da Fundación Vicente Risco. Fálanos das "I Xornadas de Literatura Fantástica Actual en Linguas Ibéricas (PORTALEN)", que comezarán este sábado día 13, coa presentación do libro "HOME" de Antón Risco, como homenaxe ao centenario do seu autor. Finalizarán os actos co Concerto de Alumnas do Seminario Permanente Officina Utricularii, a partir das 20h na Igrexa de Santiago. Sempre é un pracer e unha honra poder manter unha conversa tan amena e chea de informacións con Antón, que nos recibe con tanta amabilidade. Desexamos que teñan moito éxito.

Recibimos a XOSÉ MARÍA EGUILETA, arqueólogo que foi do Concello de Ourense. Dámoslle os nosos parabens porque acaba de incorporarse ao noso clube de "xubileo", que lle desexamos que sexa un disfrute ben meriecido. Fainos un pequeno percorrido pola arqueoloxía e historia antiga da cidade de Ourense, moi centrada nas porpias Burgas e os seus arredores. Paga a pena escoitalo nesta conversa tan feiticeira. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e prometémonos voltar a convidalo en vindeiras datas para que nos fale dos trescentos dólmenes que ten documentados na Baixa Limia, e outras importantes arqueoloxías da zona.
 

Despedímonos ata o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro. 

jueves, 4 de junio de 2026

XOVES 4 de XUÑO do 2026

Comezamos unha nova emisión coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado: LUÍS MIGUÉLEZ, responsable da Empresa familiar, que titula OS SABORES GALEGOS. O seu obrador está en Vila de Cruces, aínda que tamén ten despachos en Pontevedra e na Coruña. Recíbenos moi cordialmente e cóntanos cómo foi a experiencia na "Festa Camiño das Letras" a fin de semana pasada en Rubí. Cóntanos cómo elabora a maioría dos proutos que ofrece e que se poden adquirir cando se presenta cun posto ben ateigado de produtos artesanais: queixo de tetilla, chourizos, empanadas, pan de diferentes fariñas e composicións, elaborados con masa madre, licores caseiros como o licor café, crema de oruxo, etcétera. Está moi satisfeito da moita clientela fidel que sempre lle merca os produtos que ofrece, de grande calidade. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que teña moito éxito.
 

Conectamos novamente con Galicia para poñernos en contacto con MARTA DELGADO GONZÁLEZ, que nos informa moi detalladamente da "II Feira de Mostras de Santa Comba de Bande". Un lugar emblemático, a carón desa igrexa visigótica, onde se poderán adquirir moitos produtos la zona, e tamén teñen organizada o Roteiro das tres culturas: "Camiño de San Rosendo e Raínha Santa". Recibiron unha pequena subvención e teñen previsto realizar a sinalización actualizada dese camiño de Santiago, que é unha posta en valor dese trazado espectacular que atravesa a Baixa Limia. Tamén nos fala da demanda reivindicativa sobre a prolongación da AG .31, para que finalice concretamente na veciña Portugal, atravensando a Raia-Seca. Agradecémoslle a súa aportación e interesante información detallada.

Informamos da próxima Festa Galega de Can Mercader (Cornellà) esta próxima fin de semana, organizada pola A.C.G.Rosalía de Castro e da próxima oferta cultural-humorística, que se poderá disfrutar o día 20 no Centro Galego de Barcelona a paartir das seis da tarde, e que leva por título: "Bueno Carallo Bueno".

 

Recibimos a crónica do noso correspondente dende a capital da Ribeira Sacra, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sesión QUEN CHE PREGUNTOU, que el divide e tres apartados. Ao final do programa desvelamos a noticia que el tentou colarnos.

E finalizamos o programa conectando novamente con Galicia para falarmos con XACOBE, que nos pon ao corriente das actuacións: SETE FALARES que se levarán a cabo, esta próxima fin de semana en Pontevedra.  Contarán con actuacións de grande renome, como  será a Inauguración cunha peza de teatro a cargo: Apaga o Candil a cargo de Avelino González e Toni Salgado, dirixidos por Cándido Pazó. Desexamos que teñan moito éxito. Terán a participación de grandes contadores de historias, artistas de Cuba, de Madeira, galegos e portugueses... Desexamos que teñan moito éxito.

Finalizamos o programa e desexamos que pronto volvan a sintonizarnos, ata o vindeiro xoves á mesma hora.

 

 Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.