jueves, 11 de noviembre de 2021

XOVES 11 do mes dos SANTOS de 2021

Unha nova emisión deste noso programa "Galegos no BAIX", con ganas de aprender e dar a coñecer algunhas cousas interesantes da nosa cultura e das nosas "xentes". Comezamos saudando aos oíntes e seguidores e coa nosa sintonía de sempre... Escoitamos un bocadiño de música do ultimo traballo de Carmen Penim (Cantos de Terra e Sal), e precisamente poñémonos en contacto con ela. Saudámola e dámoslle a ben-vinda para despois comentar diversas e interesantes cousas nas que está a traballar, xunto co seu compañeiro Maurizio Polsinelli. Por certo, aproveitamos a ocasión para enviarlle os nosos parabens a Maurizio, por ter acadado un Premio coa súa creación poética na comarca de Valdeorras. Felicitacións que tamén facemos extensivas a Carmen por esa fermosa aportación e creación musical que titula "Ven que che Canto un Conto" e que está a recibir moitas felicitacións. Desexámoslle que sigan colleitando moitos éxitos.

A continuación, despois de escoitar outro bocadiño de música, retomamos a conexión co noso correspondente na Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, que estivo ausente nalgunhas emisións por causas moi persoais. Comeza cos seus "Ghústanme" e "Desghústanme", que corresponden a súa sección "Quen che preguntou?" habitual, ademais das cousas da súa libretiña. Agradecémoslle a súa aportación e disfrutamos coa súa crónica.

Seguimos a emisión conectando con Andrea Fernández Maneiro, escritora e poeta de Carril (Vilagarcía de Arousa) que ven de recibir o Premio de Poesía "Torre de Caldaloba", polo seu poemario "Contra-Tempos". Falamos del e doutras aportacións creativas. Agasállanos coa lectura duns versos da súa autoría.

Na segunda hora conectamos con Ovidio, do "Mesón CATRO VENTOS", en Lugar de Barbeitos, a Fonsagrada. Un Restaurante de grande prestixio pola súa oferta de carnes á brasa. Moi frecuentado polos pelegríns do Camiño de Santiago, pero tamén por moitos amantes da carne de calidade que se sirve neste establecemento. Carne da súa propia explotación con vacas e tenreiros de raza Vianesa.

 


A última intervención é a da benquerida e admirada Elena Ferro, que xa tivemos nalgunhas ocasións nesta nosa humilde emisión. Fálanos das creacións e publicacións tan fermosas relacionadas coa artesanía en zocos. Felicitámola pola participación con Rubén Riós, nos Documentais "Arrieros Somos". Tamén lle damos os nosos parabens pola súa aportación creativa, relacionada coas persoas da illa de La Palma. E finalizamos agradecéndolle a súa participación de hoxe.


O vindeiro xoves voltaremos. 
Que teñades unha feliz semana. 
Aquí deixamos o programa enteiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario