jueves, 2 de junio de 2022

XOVES 2 de XUÑO do 2022

Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" coa nosa sintonía de sempre e dámoslle a benvida aos nosos oíntes e seguidores. Escoitamos un bocadiño de música e conectamos con SONIA MELÓN, unha poeta galega que parabenizamos pola recente publicación dun seu libro de poemas que leva por título: "Dende a miña xanela". Mantemos unha conversa moi agradable falando da súa creatividade poética e tamén nos informa un chisco da celebración do "Corpus 2022" na localidade de Ponteareas, que está declarada "Festa de Interés Turístico Internacional". Agasállanos coa lectura dun seu poema. ¡Moitas Grazas, Sonia!

 

Conectamos co noso correspondente, XOSÉ MANUEL F.MONTES, na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos. Encargado da sección "Quen che Preguntou?" cos seus "Desghústanme e Ghústanme" convertidos en noticias escollidas como crónica para todos nosoutros. Finaliza a súa intervención coas súas consabidas ocurrencias, que nesta ocasión el mesmo as titula como "caralladas", relacionadas con certas características que se asocian cos "patróns".

O seguinte convidado é don Roberto Castro González, Tenente Alcalde do Concello de Ribas de Sil. Mantemos con el unha conversa moi esclarecedora e informativa sobre esa localidade e da "XVII Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite", que se celebrará esta próxima fin de semana, concretamente os días 4 e 5 de xuño. Un grande evento que terá como pregoeira a dona Alexandra Seara Sobrino, Xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A destacar a inauguración do Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana, nun edificio emblemático, que foi edificado polos propios veciños segundo nos explicou Ricardo. Desexamos que teñan moita sorte e moitos éxitos.


Tiñamos convidado a un responsable do Concello de Chantada para podermos coñecer un pouco máis polo miudo o que sucederá na "39 Feira do Viño de Chantada". Non puidemos facelo; posiblemente estivera ocupado e non accesible. Noutra ocasión tentarémolo, alomenos para que sabermos cómo se celebrou ese evento durante os tres día desta fin de semana, 3, 4 e 5 de xuño. Demos lectura das diferentes actividades previstas en Chantada. Tamén falamos da "Festa Galega de Can Mercader", organizada pola A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellà, prevista para os días 17, 18 e 19 de xuño vindeiros. Escoitamos unha peza de "Os Parentes de Sober".

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario