jueves, 31 de octubre de 2019

XOVES 31 de OUTUBRO do 2019

Comezamos outra emisión máis de "Galegos no BAIX" conectando con Galicia para falarmos con BALBINA - Silvia Cerneira - Que é voz do Grupo musical "A Banda da Balbina". Escoitamos unha peza musical do Grupo e falamos con ela da creación do Grupo, da traxectoria e dos concertos así como das súas composicións e do ultimo CD : "Con cebola ou sen cebola". Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe e prometémonos voltar a conectar con eles para que nos sigan a informar das súas novidades, desexándolles moitos éxitos.


A segunda entrevista é coa poeta "Emilia Martínez Fuentes", que nos fala da súa poesía e det+emonos a comentar un bocadiño do seu libro: "Lendas e versos". Tamén nos fala do próximo libro que levará por título: "Bágoas de sangue". Agasállanos coa lectura de dous poemas da súa autoría, que agradecemos moi afervoadamente.


Na segunda hora conectamos con Monforte de Lemos para recibir a crónica do noso correspondente Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección Quen che preguntou?, a cal está dividida en dúas sub-seccións: Os TOP da semana, relativos ás novidades escollidas por el e Festas e aglo de comer, xunto coa Retranca para todos, que nesta ocasión vai moi en consonancia coas celebracións relativas ao mes dos Santos e outros aconteceres, como poden ser as frases que se empregan nas condolencias. Aquí lles amosamos a viñeta que hoxe nos confeccionou.


Despois falamos con Fernanda Follana Neira, que tamén fai a súa participación informativa e novidosa, moi interesante, relacionada coa zona  dos Ancares e tamén de O Courel, que visitou moi recentemente e fainos un pequeno percorrido pola zona.


E despedímonos ate o vindeiro xoves...

jueves, 24 de octubre de 2019

XOVES 24 de OUTONO do 2019

Outro programiña de dúas horas en galego. Comezamos falando con Montse González Álvarez "Magadán", poeta galega, coordinadora de Normalización Lingüistica e dinamizadora de moitos eventos culturais. Conversamos con ela sobre varios aspectos das súas actividades e moi concretamente da presentación do libro "Manchas de frio", de Sonia Arias (a quen entrevistamos en días atrás). Agasállanos co recitado dun poema da súa autoría, que lle agradecemos.


A segunda entrevista-conversa é con Guillerme Fernández, músico-guitarrista do Grupo "De Vacas", que moi amablemente nos atende e cóntanos parte da traxectoria deste Grupo musical galego (con moita retranca) que ven de ter un grande éxito no "Festival Internacional de Humor de Santa Fé", Granada. Tamén nos comenta varios aspectos deste Grupo musical galego que emprega a súa creatividade con moito éxito. Agradecémoslle a súa aportación no noso progama de hoxe.


Aproveitamos uns minutiños para darlles cumprida información sobre as actividade previstas para os meses de Novembro e Decembro, da A.C.G. Rosalía de Castro, de Cornellà.


Na segunda hora, como cada semana, conectamos co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra: Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección Quen che preguntou? e fainos un percorrido polos TEMAS TOP, en primeiro lugar e prosigue coa sub-sección "Retranca para todos e algo de comer", combidándonos a asistir a algunhas das Festas gastronómicas previstas para esta fin de semana en Galicia. Finaliza con varias "frases feitas" de salutación, moi galegas. Tamén nos envía a súa aportación creativa en forma de viñeta, alusiva a un comentario da nosa correspondente Fernanda, relacionado co traballo realizado por un empresario de Becerreá.


Despois conectamos con Fernanda Follana Neira, a nosa correspondente nos Ancares, que tamén ten elixidos algúns temas de actualidade naquela contorna. 


E despedímonos ate o vindiero xoves á mesma hora. Agardamos poder contar coa vosa atención. ¡Que teñan unha feliz semana!

jueves, 17 de octubre de 2019

XOVES 17 de OUTUBRO do 2019

Outro programiña máis con todos vosoutros. Comezamos conectando con Galicia para falar con PATRICIA GAMALLO, do grupo de música tradicional galega "Habelas Hainas". Cóntanos a súa creación, as galas e concertos nos que participaron este verán, a formación composta por catro donas: Sandra Tamayo, Arantza Alfaia, Jara Ortiz e ela mesma, Patricia Gamallo... dámoslle un vistazo ao seu primeiro disco titulado "Livres e Loucas", dinos cómo son as súas cancións e interpretacións, e termina falándonos da próxima edición dun segundo CD que seguro se publicará a finais deste ano ou comezos do 2020, que estaremos atentos para poder ofrecerlles a noticia aos nosos oíntes e seguidores. Despedímonos escoitando unha das súas creacións musicais.

A segunda intervención é con YOLANDA LOPEZ LOPEZ, escritora, traductora e docente, con quen falamos da súa traxectoria creativa e da próxima presentación do seu libro: "A secuestradora de océanos" moi interesante a charla.coloquio.entrevista que mantivemos con ela. Despídese de todos nós agasallándonos coa recitación de varios poemas, curtiños pero intensos, da súa autoría. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.

Aproveitamos para informarlles das diferentes actividades que ten previsto realizar a nosa A.C.G.Rosalía de Castro, dende o mes de outubro ata mediados do mes de decembro. 


Na segunda hora comezamos conectando con UBALDO PÉREZ, do Restaurante "Los Ancares", na rúa Robrenyo de Barcelona. Aproveitamos para felicitalo, xa que segue a celebrar a "Festa gastronómica mensual" no seu Restaurante, e neste mes ten previsto realizala concretamente o día 20, e está adicada a un dos pratos máis emblemáticos galegos: "Cocido Galego". Ahí vos deixamos o cartel anunciador.

Voltamos a insistir nas informacións relacionadas coas Actividades da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, que comezaron o día 13 de outubro coa Festa da Empanada, xunto cos de Xuntanza e o Centro ASturiano de Barcelona, e finalizan (dentro do calendario presentado) o día 15 de decembro, coa entrega de Premios para o campionato de tute e xogos de mesa.

A última intervención é coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira, que ten preparada a súa crónica informativa relacionada con algunhas novidades e propostasa interesantes na zona.


Agradecémosvos a vosa fidelidade e desexámosvos que teñades unha feliz semana. Agardamos que volvades a conectar con nosoutros o vindeiro xoves á mesma hora.

jueves, 10 de octubre de 2019

XOVES 10 de Outono do 2019

Comezamos outro programiña máis, como cada semana, dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. Saúdos de rigor, como ten que ser, e escoitamos unha peciña musical.


A continuación poñemonos en contacto con JOEL PADIN, un xoven artista que canta extraordinariamente ben a nosa música tradicional galega, e toca a pandeireta e o tambor cunha virtuosidade excelente. Saudámolo e el mesmo fainos unha pequena semblanza da súa persoa. Mantemos unha conversa moi amena e así coñecemos un pouco máis a este grande artista ao que lle desexamos moitos éxitos e que pronto nos deleite con algunha gravación. 


Despois falamos coa nosa grande amiga Carmen Penim, que nos adianta a pronta publicación dun CD seu que levará por título "Cantos de Terra e Sal", do cal escoitamos un primeiro tema, en primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores. ¡Moitas grazas, Carmen!


A segunda hora, como case sempre, continuámola coa sección QUEN CHE PREGUNTOU? do noso correspondente, Xosé Manuel F. Montes, na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos. Ten dous apaatados: 1º Os tema TOP da semana, que debulla certas novidades escollidas por el para amosarnos e un 2º que titula "Retranca d¡para todos e algo de comer". A súa crónica está moi ben estructurada e chea de abundante información e noticias, Ademais acompaña a súa aportación coa viñeta semanal, que últimamente ven tendo un exitazo de visualización, compartición e interacción con moitos  dos nosos escoitantes e seguidores. 


Xa no final do programa falamos con SONIA ARIAS LÓPEZ, escritora e poeta galega. Agradecémoslle a súa amable atención y coméntanos un chisco, parte da súa traxectoria creativa, a publicación de dous dos seus últimos libros: "Campos de batalla" e "Manchas de frío". Posiblemente teñamos a oportunidade de poder disfrutar da súa presencia en Barcelona e aproveitariamos para coñecernos persoalmente. ¡Moitos éxitos, Sonia!


E acabamos a emisión de hoxe, desexándolles que teñan unha feliz semana e que volvan a sintonizarnos o vindiero xoves á mesma hora.

jueves, 3 de octubre de 2019

XOVES 3 de OUTUBRO do 2019

Un programiña máis con todos vosoutros. Comezamos conectando con Galicia, concretamente con LUÍS CHAPELA BERMÚDEZ, un poeta e escritor da Península do Morrazo, con que falamos para darlle as nosas máis expresivas grazas polo agasallo que nos fixo. Consiste nunha peza de cerámica que representa un Dolmen. Unha honra para nós que nos distinga coa súa amizade. Tamén nos fala da súa traxectoria creativa e finaliza agasallándonos coa declamación dunha das súas ultimas poesías.


Despois falamos con Agurtzane Estrada que nos pon ao corrente da Asociacióna "Sentimientos de Cristal". Tamén falamos con Iñaki Urdargarín Iraeta, Presidente desta Asociación. Unha conversa moi amena e que nos serve para coñecer un bocadiño máis os seus obxectivos. Tamén escoitamos algunha anécdota que aproveita o noso extraordinario correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, para enviarnos a súa viñeta alusiva precisamente ao programa de hoxe.


Continuamos, na segunda hora, coa entrevista ao grande Humorista Gráfico Galego XAQUIN BIEITO MARÍN FORMOSO. Unha persoa moi admirada polo seu traballo ilustrativo e creativo inmenso. Non cabemos en nós mesmos de gosto e pracer ao contar coa súa desinteresada atención connosco. As nosas verbas son poucas para agradecer a súa fermosa aportación ao noso humilde programa de hoxe. Eu mesmo recoñecía que non sabía cómo dirixirmen a el para facerlle a entrevista. Xaquín Marín, definido como o humorista más relevante despois de Castelao, segundo a Tese de Doutoramento de Félix Caballero, defendida no 2015, co  título "Xaquin Marín, innovación e tradición no humor gráfico galego. Fálanos da súa traxectoria creativa e coméntanos que está a traballar na pronta edición dun libro que recolle a maior parte das últimas ilustracións pulbicadas en diversos medios. O seu labor e ben recoñecido a nivel internacional e diariamente fai a súa interesantísima ilustración no xonal "La Voz de Galicia". Agradecémoslle a súa amable atención e contamos voltar a falar con el en vindeiras datas. 


Finalizamos o programa falando coa nosa correspondente nas terras dos Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira, que nos deleita coa súa aportación de corresponsal con moita paixón e especificidade, sempre relacionada con aquelas terras Ancaresas. Tamén nos comenta algunha cousa que fai referencia a súa paixón deportista, e como non menciónanos renomeados atletas galegos que veñen de acadar grandes éxitos, como o velocista Adrián Ben Montenegro e a saltadora Ana Peleteiro Brión. Non podían faltar as súas recomendacións sendeiristas para disfrutar non só da paisaxe. Escoitádea neste "podcast".


E despedímonos ate o vindeiro xoves, á mesma hora. ¡Non faltedes! Prometemos ofrecerlles outro programa interesante.