jueves, 25 de octubre de 2018

XOVES 25 de OUTUBRO do 2018

Un programa máis con todos vosoutros. Comezamos con música de XABIER Vizcaíno, do seu ultimo CD "Alas de Papel", e conectamos con Galicia para falr con Henrique Fernández-Mon Sánchez, o noso amigo Kike de Vidal, que ten preparada a súa intervención relacionada cos "Magostos" tan manidos naquelas terras de Navia de Suarna. Facemos unha salutación a MERCEDES TARACIDO e ao seu esposo MÁXIMO, que nos ecoitan dende Suíza. Acabamos de recibir o libro de Mercedes: "Por camiños e Carreiros", do que falaremos con máis detemento en vindeiras emisións e agradecémoslle a súa escoita.



Despois conectamos con XABIER VIZCAÍNO, o autor do CD "Alas de Papel", que estamos a escoitar hoxe no programa. Comentamos a súa "Xira Americana" que tanto éxito tivo e tan contento polas múltiples interpretacións ás que tivo que acudir así como das actuacións que tivo no verán, moi espalladas por Galicia. Ten previsto voltar a facer outra xira polas Américas así como achegarse a Barcelona no vindiero ano e aquí o agardamos para compartir con el as súas inquedanzas.


Na segunda hora conectamos, coma sempre co noso correspondente Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que nos fai unha pormenorizada información do Magosto Cultural da Asociación de Anguieiros para esta fin de semana. Engaiólanos cos seus ME GHUSTAN e NON ME GHUSTAN, que podedes escoitar aquí, e envíanos a súa "viñeta" alusiva a algún momento do contido do programa de hoxe. ¡Moitas grazas, Xosé Manuel!


Despois conectamos con FERNANDA FOLLANA, a nosa correspondente na montaña luguesa dos Ancares, que nos fai unha crónica moi interesante relacionada cos Magostos e algunhas que outras curiosidades daquela zona e coméntanos os Menús do "Outono Gastronómico" que podemos atopar en dúas Casas Rurais: "Casa Lareira en Vilar e Casa O'Crego en Vilaquinte". Tamén nos relata o percorrido que se pode facer por aquela contorna. 

E despedímonos de todos vosoutros desexando que volvan a sintonizarnos o vindeiro xoves á mesma hora.

viernes, 19 de octubre de 2018

Xoves 18 de outubro do 2018

Outra semaniña máis con todos vosoutros, ofrecéndolles dúas horas de radio en galego. Comezamos recitando unha das poesías coas que nos agasalla no facebook a nosa admirada amiga poeta pastora Nieves Fernández Vidueira, que ven moi a xeito pola tempada na que estamos (relacionada coas castañas) e a chegada desa gota fría coa que remata a súa creación. Permitímonos a "licencia" de copiala aquí, para disfrute de todos vosoutros:

Atopei unha castaña
que nunha touza varaba,
non atopaba o camiño
e pola pedra esbaraba.

Onde vas meu queridiño
que a lua está menguada,
non te arrisques a caere
castaña.... Sen ser curada.

Eu ben sei que foi a chuvia
que te fixo beber moito,
e co avaneo do vento
unha cantiga eu escoito.

A castaña está rachada
non sei quen a cosería,
coseuna a Lúa de noite
regouna o Sol polo día.

E coa mornura da neboa
amansou ata os ourizos,
benditos os castiñeiros
que non os tiñan buguizos.

E atopei unha castaña
que polo monte corría,
xa comezou a campaña
e tamen a gota fría.
Nieves Fernández Vidueira



A seguir conectamos con Mery, da Asociación Cultural Galega "AGARIMOS de Badalona, que nos pon ao corrente das múltiples actividades desenvolvidas durante o verán e neste comezo de curso 2018-19 e das que teñen previsto realizar en vindeiras datas. Agradecémoslle a súa aportación e prometémonos voltar a conectar con ela próximamente.

Celebramos a visita de Ricard Ros de Música Fol del Baix Llobregat RIU, que ven a presentarnos o seu ultimo traballo-CD DELTA, e falarnos da próxima mini-xira que celebrarán co Grupo de música Celta-irlandesa BÖJ de Ferrol os días 27, 28 e 29 de Outubro en Sant Boi e Esplugues de Llobregat. Agasallounos coa entrega de dúas entradas para asistir "de valde" -gratuitamente- a algún dos concertos que teñen previsto realizar: o día 26 na Masia de Sant Boi, o día 27 unha sesión vermouth na Colonia Güell e o día 29 en Esplugues de Llobregat. Desexamos moitos éxitos.



A seguinte intervención e a do noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F.Montes, encargado da sección Quen che Preguntou? e comeza cos seus "Me ghustan e Non Me ghustan" para finalizar coas curiosidades e propostas interesantes.



Conectamos con FERNANDA Follana Neira, que nos fará de correspondente dende a Montaña Luguesa, concretamente na zona dos Ancares, e fainos unha pequena crónica relacionada con cousas da contorna.



E despedímonos ate o vindeiro xoves desexando que pasen unha feliz semana e que volvan a conectarnos.


jueves, 11 de octubre de 2018

XOVES 11 de OUTUBRO do 2018

Visita de Pilar e Xosé en Radio Sant Boi
Un programiña máis con todos vosoutros, tentando levar adiante dúas horiñas de radio en galego, con música, novidades e entrevistas que consideramos de interese para todos. En primeiro lugar dámoslle a ben-vida aos nosos estudios a Pilar e Xosé, que nos honran coa súa presencia. Despois poñémonos en contacto con XABIER MOURE, arqueólogo galego que nos fala dos percorridos e andainas pola zona dos Ancares e arredores, recoñecendo os Petróglifos, mámoas e outros monumentos arqueolóxicos que existen naquela zona. Falamos do Noso Patrimonio e das páxinas que poden consultar os interesados en coñecer as moitas cousas das que se pode disfrutar na nosa Galicia. Unha conversa interesante.


A segunda intervención-entrevista é con XABIER DIAZ, que nos fala da experiencia do concerto que ofreceu, xunto coas Adufeiras, no CAT Tradicionarius de Gracia, en Barcelona, do que quedou impresionado pola grande asistencia de público e tamén nos comenta as diversas actuacións que leva facendo e que teñen previstas para vindeiras datas. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexámoslle moitos éxitos na súa andaina.


Na segunda hora conectamos novamente con Galicia, concretamente coa capital da Ribeira Sacra -Monforte- para que o noso correspondente Xosé Manuel F. Montes, nos deleite coa súa sección QUEN CHE PREGUNTOU? e comeza cos seus Non Meghustan e MeGhustan tan axeitados, que sempre teñen algo que ver coa actualidade galega. Tamén nos envía a súa creación artística, relacionada con algo do que comentamos no programa, en forma de viñeta que aquí colgamos para disfrute de todos.


E para finalizar conectamos con Luis Chapela, escritor e poeta de Moaña, que nos comenta parte da súa creación escrita e tamén nos agasalla coa declamación de dúas poesías. Fálanos dos proxectos nos que está a traballar e prometémonos voltar a falar con el en vindeiras datas.


Desexamos que volvan a sintonizarnos e desexamos que teñan unha feliz semana. Ate o vindeiro xoves, que prometemos voltar para outro programa máis. Dende aquí aproveitamos para enviar:  ¡Felicidades a tódalas PILARES!!!

jueves, 4 de octubre de 2018

XOVES 4 de OUTUBRO do 2018

Comezamos o programa tentando falar co noso correspondente Kike de Navia, Henrique Fernández-Mon Sánchez, que seguro ten preparada a súa intervención para informarnos de diversas cousas relacionadas coa zona onde se atopa. Lamentamos o non poder ofrecerlles un sonido axeitdo, porque a cobertura posiblemente non é adecuada. Faremos o posible por mellorala en vindeiras ocasións. Aproveitamos para informar de varias cousas que se celebrarán na Capital de Galicia - Santiago de Compostela - concretamente na Cidade da Cultura: Mañá, día 5 inaugúrase unha exposición sobre Castelao, aproveitando que chegou a Galicia unha acuarela do autor (a derradeira lección do mestre): Mostra de "Castelao Maxistral". 




A segunda intervención é a do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, que nos ten preparado os seus "Me ghustan e non me ghustan" relacionadas con aconteceres na nosa comunidade, e que engaiolan a tódolos nosos oíntes e seguidores. Nesta ocasión está na capital, Lugo, e ademais de falarnos das vindeiras Festas de San Froilán, tan tradicionais e importantes, tamén se deten en varias novas moi interesantes. A súa aportación creativa, en forma de viñeta, esta semana tardará un chisco ou non poderá aportala, ten disculpa coidamos nós. Graciñas, Xosé Manuel!!




Despois conectamos cos "Trasnos" de "O Camiño dos FAROS" na Costa da Morte. Unha conversa coa que nos facemos unha idea moi aproximada do que podemos disfrutar se nos atrevemos a realizar algunha das 8 Etapas das que se compón esta Ruta-Camiño dos Faros. Un fermoso percorrido de 200 quilómetros, dividido en 8 Etapas moi ben sinalizadas e seguro que enganchan moi gratamente a tódolos sendeiristas e amigos do camiño que se queiran adentrar nestes paraxes encantadores.


E finalizamos conectando con Filo e Miguel, Presidenta e membro da "Asociación Territorio Verde" que ten a súa sede no Concello de Cervantes (Lugo). Fannos unha serie de puntualizacións sobre ese traballo altruista que se centra en promocionar o Rural en Galicia, e moi concretamente na zona de Cervantes e arredores. Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslles moitos éxitos.



A vindiera semana voltaremos estar ahí. Non deixen de sintonizarnos. ¡Agardámolos!!!