jueves, 30 de abril de 2026

XOVES 30 de ABRIL do 2026

Unha nova emisión deste programa de Radio en Galego. Comezamos coa nosa sintonía, as salutaacións e un bocadiño de música para recibir á primeira convidada, MÓNICA FERNÁNDEZ, Sumiller e Directora de Sala do Grupo Bambú (Restaurante 99 Sushi Bar) de Madrid. Galardonada co Premio Nacional de Gastronomía no 2016 á mellor Directora de Sala e co "Prix au Sommelier" (Mellor Sumiller do Mundo) da Academia Internacional de Gastronomía no 2017. Será a encargada de facer o pregón da "XXXIII Feira do Viño de Vilachá". Un acontecemento de grande importancia para aquela contorna. Parabenizámola por esta elección e polo traballo que está realizando, poñendo en valor os viños galegos. Mantemos unha conversa distendida e moi interesante. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

Escoitamos outro bocadiño de música, nesta ocasión o "Valse dos Rosales de Asados", peza que acaban de publicar os CARAPAUS, e aproveitámos esta peza para falar con GUSTAVO COUTO, un dos compoñentes deste Grupo Musical. Parabenizámolo por esta creación musical tan fermosa. Estiveron acompañados cunha cantante excepcional, de noventa anos, a señora Maruxa. O video que nos chegou á Redación ten a participación dunha bailadora clásica contemporánea chea de engado. Coméntanos algunhas das actuacións que tiveron e tamén as que están previstas para este próximo mes de maio e algunhas máis. Desexamos que teñan moito éxito.


Conectamos novamente con Galicia para recibir a LUIS CRESPO, Director do "27 Festival Internacional de Títeres de Redondela - 2026". Parabenizámolo polo traballo que están a preparar e cóntanos algunhas das propostas e actuacións que teñen previsto realizar neses días dende o 11 ata o 17 de maio próximo. Haberá Programación escolar, programación de Sala e programación de rúa. Ao mesmo tempo haberá un Mercadiño Titiriteiro, unha exposición de Os Monicreques de Kukas que se poderá visitar ata o día 22 de maio, e unha exposición de Voces de Gaza os días 21 e 22 de maio. Teñen confirmada a súa asistencia participantes de Francia, Italia, Portugal, Arxentina, Cataluña, País Vasco e Galicia. Desexámoslle moitos éxitos.


Escoitamos unha peza do "Grupo de Pandereteiras Arrancaxestas", da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro, en Tui. E falamos coa súa profesora e tamén compoñente das Pandereteiras: AURI RODRÍGUEZ. Veñen de participar nun concurso en Ames e acadaron o terceiro posto. Parabenizámolas por ese posto e tamén porque están convocadas para participar na próxima "23 Romaría Os nosos Fariñeiros Burros e Muiños", prevista para o día 1 de maio. Coméntanos que tamén lle da clases a outras alumnas da Asociación que tamén teñen un nome curioso: "As Pituquiñas". Tamén nos indica que pronto voltarán a participar noutro concurso en Vigo e nosoutros desexámoslles que acaden alomenos ese terciero posto que conseguiron no anterior concurso. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Neste intermedio damos a coñecer a próxima celebración, concretamente o sábado día 9 de maio, da "Feira do Polbo e Serán", que comezará diante da Asoc.C.G. Rosalía de Castro de Cornella a partir das 14 horas, rúa Federico Soler 71. Poderán degustar unha tapa de polbo tódolos socios. A partir das 16:30h comezará o Serán ao que están convidados outros grupos. Despois Foliada.

A seguinte conversa-entrevista é con XACOBO PÉREZ PAZ, Presidente a Asociación ABUFA (Asociación do Burro Fariñeiro). Parabenizámolo porque será o pregoeiro da "23 Romaría do Río Tripes". Mantemos unha conversa chea de información, agradable e moi interesante. Están a recuperar esta raza de burros fariñeiros e asisten e colaboran con moitas actividades. Tamén traballan con persoas que precisan atención especial como poden ser os autistas. A sede da Asociación está e Brión. Agradecémoslle a súa amable atención e prometémonos voltar a falar con Xacobo, posto que están próximos a celebrarse os Curros e Xacobo é un grande coñecedor e criador de cabalos. Desexámoslle moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Grazas por escoitarnos e que teñan unha feliz semana.

Deixamos aquí o programa completo.



jueves, 23 de abril de 2026

XOVES 23 de ABRIL do 2026

Un xoves máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado da tarde: ALBERTO MOSKA ROCK, da Sala Rebullón en Mos. Tal e como indican na súa propia páxina web, pertence ao Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas, pertiño de Vigo. É un espazo coñecido pola súa estupenda sonoridade, deseño e sobre todo, moi coñecida polos seus concertos e espectáculos. Precisamente nos comenta as próximas celebracións e ofertas musicais: mañá venres, Lorelia e As Pias, para sábado M.J.Pérez, Bouba e Crúa e para domingo Antía Muiño. Tamén nos comenta que teñen pasado por esa sala moitos artistas de relevancia e tamén tiveron varias actuacións teatrais. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle que teñan moitos éxitos.

A seguinte conversa-entrevista é co Cociñeiro Chef do Baleario Caldaria en Lobios DOMINGO GONZÁLEZ LORENZO. Parabenizámolo pola elaboración recente dun prato elaborado con produtos de proximidade e moi especialmente unha ensalada: Ensalada de perdiz con piña caramelizada, trigo sarraceno ao curri, con vinagreta de castañas e sorbete de gin tonic. É unha colaboración coa Asociación Galega das Castañas e dos Soutos. Coméntanos o seu traballo de acondicionamento e alimento para a boa crianza das perdices, no Tecor de caza de Lobios. E falamos da necesidade de reclamar que se prolongue a estrada autovía G-31 ata chegar á fronteira con Portugal, o máis axiña posible, para beneficio de tódolos habitantes da Baixa Limia. Agradecémoslle a súa colaboración.

Recibimos a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que está dividida en tres apartados cheos de novidades e contidos moi interesantes.

Eloy, Pablo e Antía
A última entrevista é con PABLO CASTRO, un dos compoñentes do Grupo de música ALANA, da que vimos escoitando varias pezas e interpretacións ao longo do programa de hoxe. Felicitámolo por ese traballo que acaban de publicar e que leva por título "Un saber". O Grupo creouse no ano dous mil dezasete e está composto por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. Xa teñen recibido algúns premios de relevancia e actuaron en diversos lugares emblemáticos, como no Festival Internacional do Mundo Celta en Ortigueira, así como tamén foron elexidos para participar no Festival Interceltique de Lorient ou no Terra Fest de Genève. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Desvelamos o Bulo que nos quixo "colar" o noso correspondente Xosé Manuel: non era certa a presentación literaria. E aproveitamos a música para despedirnos ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.



jueves, 16 de abril de 2026

XOVES 16 de ABRIL do 2026

Comezamos este xoves coa nosa sintonía de sempre. Disculpamos a presencia do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, ao que lle desexamos que pronto se reincopore e escoitamos un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado, don XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Presidente do Foro Peinador e tamén Presidente dos Amigos e Amigas do Couto MIxto. Parabenizámolo polos moitos e importantes eventos que están a celebrar. Fálanos e recibimos información sobre os actos "En Galego agora e Sempre", que se realizarán próximamente en Parada do Sil, e tamén en Baltar, no Cemiterio de Boisaca (Santiago de Compostela) e en Sabadelle (Chantada). Aproveitamos para que nos informe sobre a concesión de Xuíces Honorarios deste ano así como tamén das persoas que ingresarán, como Académicos Numerarios da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle que teñan moitos éxitos.

A seguinte conversa-entrevista é con XOAN FURANCHÍN, que mantén e actualiza puntualmente a guiafuranchin.com. Un traballo meticuloso e cheo de información, para todas as persoas que desexen coñecer, polo miúdo, que furancho visitar e os que están abertos. Coméntanos que á día de hoxe atópanse abertos cincuenta e sete furanchos en todo Galicia. A tempada comezou no mes de decembro do ano pasado e remata no mes de xullo deste ano. Estes establecementos caracterízanse por ofrecer o viño excedente e acompañan esta oferta cunha serie de tapas entre as once que establece a normativa. Paga a pena visitar, algunha vez un furancho galego para poder disfrutar, non só do seu viño, senón tamén desas racións ou tapas totalmente familiares con sabor á "avoa". Agradecémoslle a súa aportación.

Escoitamos as pezas musicais máis votadas propostas por "aRi(t)mar Galiza e Portugal". A Galega elixida foi unha de Uxía, titulada "Será por Flores" e no apartado luso foi elixida "Menina" de Mar e Carolina Deslandes. Acompañamos as dúas seguintes máis votadas, tanto galegas como protuguesas. O Premio entregaráselle en outono ás gañadoras, na Gala que se celebrará en Santiago de Compostela.


Falamos con GUSI DOMARCO, de "lembrame.gal" que nos deu a coñecer un traballo documental moi interesante, que leva por título: "A Luz das Ánimas". Estrenouse no youtube, o sábado pasado con sub-títulos en galego e portugués, e está a ter unha cantidade respetable de visitas e audición. Parabenizámolo pola parte que lle toca. Infórmanos con detalle dos actores e persoas que participan neste documental, así como do seu director: Sergio Santos Otero. Agradecémoslle a súa detallada información.

A continuación recibimos a ANA VILA PORTOMEÑE (Poeta Labrega), que está a traballar coordinando a próxima celebración do RURALSIA-2026, no Concello de Taboada, previsto para o día 9 de maio próximo. Un momento para recitar, expoñer, contar, cantar ou simplemente disfrutar dunha tarde poética e musical no Pazo de San Pedro de Bembibre. Xa teñen confirmada a asistencia de diversos poetas, tamén gaiteiros pandereteiras e algunha sorpresa máis. Tamén nomearán cabaleiro/a a outra familia vencellada ao concello. Antes de despedirse agasállanos coa lectura dun seu poema. Desexámoslle que teñan moito éxito.

Finalizamos o programa escoitando outro bocadiño de música e despedímonos ata o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Grazas por escoitarnos e feliz semana!

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro


jueves, 9 de abril de 2026

XOVES 9 de ABRIL do 2026

Un xoves máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música. Conectamos con Galicia para falarmos con MARÍA XOSÉ PORTEIRO, Periodista, política e Escritora de narrativa e ensaio, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, que ven de recoller, o día 6 de abril pasado, a Medalla do Parlamento, que lle entregaron xunto con outras mulleres, por seren diputadas na cuarta lexislatura autonómica para acudir como representantes de Galicia ao "IV Cumio da Muller en Beijing". Parabenizámola e celebramos esa concesión que pon en valor o traballo que segue a levar adiante na súa tarefa reivindicativa e na que lle desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

A segunda entrevista é ao escritor RODRIGO COSTOYA, que ven de publicar e presentar en varias localidades, e moi concretamente no Hotel Literario Bela Fisterra o día 29 de marzo pasado. Edicións Pamies, a súa novela "FILLOS DE GAEL", tamén en castelán. Fainos unha pequena descrición do seu contido e da traxectoria histórica relacionada cos Celtas. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle que teña moito éxito. Ten previsto continuar co seu "Tour Gael" por Galicia e moitas localidades da península así como tamén estará na Feira do Libro de Buenos Aires e rematará estas presentacións na Feira do Libro de Madrid no mes de maio. Desexámoslle que teña moito éxito.

A continuación recibimos a crónica do noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, dende Monforte de Lemos, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?

 

Seguimos a escoitar outro bocadiño de música e recibimos a ANTONIO DÍAZ FERNÁNDEZ, director da Revista Lua Nova, da A.C.G.Rosalía de Castro. Xa van editados nada menos que 65 números. A portada desta edición é un debuxo de Paco Ascón, que recolle a homenaxe á Muralla de Lugo, que está a cumplir 25 anos da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Nesta ocasión seguen a publicarse un resumo das actividades da Entidade, artigos relacionados coas Letras Galegas do ano pasado e artigos de socios e colaboradores. Felicitámolo pola excelente publicación e agradecémoslle a súa atención.

Aproveitamos para despedirnos ata o vindeiro xoves á mesma hora. Informamos da próxima actividade consistente nunha excursión prevista para este mes de abril, que xa indicaremos a data e o lugar. Damos a coñecer a próxima celebración da "Feira do Polbo" que se realizará o día 9 de maio, diante da Entidade. Tamén adiantamos información sobre as datas da Festa de Can Mercader, para os días 5, 6 e 7 de xuño.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.