martes, 18 de diciembre de 2012

Ultimo programa do ano 2012

18 de decembro

Como cada semana voltamos a ofrecerlles este programiña de radio en galego. Comezaremos coa conexión con XOSE M.FERNANDEZ MONTES, o noso correspondente en Galicia, que se atopa na capital da Ribeira Sacra, concretamente en Monforte de Lemos. Coméntanos algunhas das cousas que están a suceder por aquelas latitudes e remata o seu espacio ¿Quen che Preguntou? coa descrición dunha noticia interesante, non exenta de "retranca gallega" coa que acostuma adubiar as súas intervencións.

Na segunda parte da nosa emisión poñémonos en contacto e conversamos co don Benigno Gómez Tadín, Alcalde do Concello de Cervantes (Lugo), con quen falamos un chisco sobre o seu Concello e dos seus arredores, así como da gastronomía, Turismo e outras posibilidades que ofrece aquela localidade galega feiticeira, pertencente aos Ancares. Agradecemoslle a súa colaboración e a súa dedicación para co noso programa e agardamos poder voltar a falar con el, noutro momento. Aproveitamos para desexarlle Boas Festas Nadalencas e un bo Aninovo.

E despedímonos de tódolos nosos seguidores e oíntes, desexándolles o mellor para este ano que comeza e coidamos voltar a encetar unha nova xeira radiofónica o vindeiro 8 de xaneiro do 2013.
¡¡¡ Ata máis vernos e escoitarnos !!!  ¡¡¡ Feliz ANO para todos!!!

martes, 11 de diciembre de 2012

MARTES 11 de DECEMBRO do 2012 

 O programa desta semana queremos dedicárlle-lo aos oíntes que nos siguen e nos animan a que sigamos nós nesta tarefa de informar a comunicarmos en língua galega. A primeira conexión é coa capital da Ribeira Sacra, como cada semana, concretamente co noso correspondente e amigo: XOSE MANUEL F.MONTES, que sempre ten escollidas algunhas noticias ou comunicacións algo diferentes e singulares, con algunha que outra "chispiña" de retranca ou retrouso, que nos axuda a reflexionar. 

 Despois chamamos a MARTA G.QUINTANA, unha artista arpista que nos regala as súas creacións musicais e aproveitamos para falarmos con ela sobre as súas propostas e os seus próximos proxectos musicais. Agradecémoslle-lo e desexamos que siga nesa teima de interpretar e crear composicións musicais tan feiticeiras. Tamén nos interesamos po-la súa saúde, que ultimamente atópase algo resentida, e desexamos que se repoña axiña para seguir disfrutando con ela das "súas cousas"

 A vindeira semana será a ultima emisión deste ano, pero agardámosvos a todos para compartir unha vez máis deste noso-voso programiña en galego.

miércoles, 5 de diciembre de 2012

Unha semaniña máis co noso programa "Galegos no BAIX", tentando ofrecerlles as novidades que nos chegan de Galicia adubiadas cun chisquiño de música galega. Nesta ocasión comezmos conectando con XOSE MANUEL F.MONTES, o noso correspondente na capital da Ribeira Sacra - Monforte de Lemos - para que nos explique algunhas das escollidas informacións que sempre as acompaña cun pouco da súa "retranca galega". 

 Na segunda parte da emisión poñémonos en contacto con don Xosé Luis Raposo Magdalena, Alcalde de Pedrafita do Cebreiro. Agradecémoslle a atención que nos dispensa. Moitos dos nosos oíntes seguro que se sentirán moi perto deste persoeiro que leva tantos anos ostentando esa responsabilidade política, xa que tal e como el mesmo nos informa, téñense realizado unha morea de cousas moi importantes para aquela comarca, dende a súa chegada á Alcaldía. Convídanos a que visitemos Pedrafita e o seu entorno, e nos agradecéndolle-lo e comprometémolo para que este sexa o comezo de moitas outras intervencións súas, nas que nos poida dar novidades e boas noticias do Cebreiro.

¡Agardámosvos a todos o vindeiro martes, que teremos algunha sorpresa interesante para todos aqueles que nos sintonicen!!!

miércoles, 28 de noviembre de 2012

27 de NOVEMBRO

O programa do Martes pasado: 27 de novembro. A música de sintonía sérvenos para darlle-la ben-vida a tódolos nosos seguidores e anunciámoslles a participación do noso colaborador habitual. Despois de escoitar unha peza musical do noso folkclore galego, comunicámonos con XOSE MANUEL F.MONTES, correspondente en Monforte de Lemos, que nos pon ao corrente das novidades e informacións escollidas por el, para todos nós. 

 Na segunda parte do programa viaxamos a SADA, onde se atopa un novo comunicante, don Manuel Pérez Lorenzo, Historiador. A conversa xira arredor do Pazo de Meirás, no propio Concello de Sada, e outras informacións moi interesantes relacionadas con aquela poboación coruñesa. Dámoslle-las gracias moi encarecidamente, e desexamos que en vindeiras ocasións poidamos contar coa súa colaboración.

A semana que ven moito máis e mellor, se podemos, claro.
¡Agardámolos a todos!

Outro programa atrasado

PROGRAMA do día 20 de NOVEMBRO pasado. 

Primeiro conectamos con Xosé Manuel F. Montes, o noso colabrador e correspondente en Monforte de Lemos, que sempre nos ten preparadas algunhas noticias e informacións moi axeitadas para disfrutarmos, dende a súa perspectiva, claro. 

Na segunda parte do programa unha conversa con don Xosé Fernández Fernández, Alcalde de Navia de Suarna, que nos fala dalgunhas cousas desa comarca dos Ancares lucenses. A vindeira semana máis e mellor, se podemos, claro...

PROGRAMA do 13 de novembro pasado

Aínda que con un bocadiño de retraso, por certas obrigas persoais que non veñen ao caso explicarvos, poñémonos a realizar os deberes que nos corresponden e dendes agora mesmo poñémonos ao día "colgando" o programa atrasado do día 13 de novembro pasado.
En primeiro lugar comunicámonos, como xa saben tódolos nosos seguidores, con XOSE MANUEL F.MONTES, correspondente e colaborador dende a "Capital da Ribeira Sacra" en Monforte de Lemos. As súas intervencións son sempre moi ben acollidas por todos nós.

Na segunda parte do programa conectamos con Ramón Blanco, poeta, escritor e profesor en OUTES (A Coruña), con quen falamos da súa ultima publicación, Emily on the Road. Felicitámolo polo seu traballo e reamta a nosa conversa cun apunte declamativo da súa obra creativa.

Agardámolos a vindeira semana á mesma hora. De catro a cinco do serán: "Galegos no BAIX".

martes, 6 de noviembre de 2012

6 de NOVEMBRO

Unha semaniña máis, comezamos o noso programa propoñéndolles que nos sintonicen e se poñan en contacto connosco para poder recibir e participar no agasallo que lles temos prometido a aqueles que nos envíen os seus saúdos ou suxerencias ao noso correo: galegosnobaix@gmail.com ou que visiten o noso blog, ou que nos chamen aos teléfonos 936 541 400 - 936 541 500. Recibirán un reloxio da marca ADOLFO DOMINGUEZ. 
A primeira comunicación é co noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes, que sempre nos ten preparada unha colaboración moi interesante e chea de engado, acompañada das súas "sentencias ou recolleitas populares, con retranca", e que non teñen despercio algún.

Na segunda parte comunicámonos con DIEGO GONZÁLEZ LÓPEZ, responsable de Administración e voceiro do XVII FESTIVAL de CINE de Ourense, con quen mantemos unha amena conversa-entrevista na quen nos pon ao día das moitas ofertas que teñen para os que se acheguen a Ourense a disfrutar deste evento de grande importancia no eido cinematográfico. As longametraxes que participan no Certame deste ano son 12 e o Xurado está composto por personaxes de moita relevancia e peso específico no mundo do Audiovisual e Cinematográfico. Desexámoslles moitos éxitos e agradecémoslle a súa colaboración e participación neste noso programiña de hoxe, que coidamos fora do interese de todos vostedes.

A vindeira semana outra emisión máis, cando menos igual e se é posible mellor, se podemos. ¡¡¡ Agardámosvos!!!

miércoles, 31 de octubre de 2012

30 de OUTUBRO 


 Ultimo programa deste mes, que tentamos facer agradable para tódolos nosos oíntes e seguidores. Lembren que volve re-emitirse os domingos ás 13 horas. Voltamos a ter nos estudios, acompañándonos, ó amigo XULIO Couxil. Hoxe tentaremos falar, como cada semana, co noso correspondente en Galicia, concretamente en Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra. E así o facemos, de contado, e conectamos con XOSE MANUEL F.MONTES, que nos pon ao corrente dalgunhas cousas que están a suceder por aló, ademais de darnos algúns consellos especiais, aproveitando a súa visión retranqueira da "gastronomía modernista" o de vangarda, como se di nos círculos oficiais. Tamén ten tempo para falarnos do SAMAIN, celta e galego, do que nos remedan outros co Halloween. 

 Na segunda parte do noso programa falamos con XOSÉ ROIS, un mariño aventureiro, amigo e poeta galego afincado en Barcelona, que ven de publicar o seu primeiro libro de poemas titulado: ANAQUIÑOS DE MIN, e do que nos fala un chisquiño para prometernos ademais que pasará polos nosos estudios noutra ocasión e declamarnos algunha das súas composicións. 

 A vindeira semana teremos máis e mellor, se é posible, claro.
¡¡¡Que pasen unha semana de SANTOS moi engaiolante!!!.

lunes, 29 de octubre de 2012

23 de OUTUBRO do 2012 
 Como cada semana, outro martes máis, ofrecémoslles outra entrega deste noso programiña en lingua galega. Temos que disculpar ao noso colaborador e amigo XULIO Cougil, xa que certas obrigas familiares e personais impídenlle-lo. Outra vez será. A primeira comunicación é con XOSE MANUEL F.MONTES, coma cada martes, o noso correspondente en Monforte de Lemos, que nos pon ao corrente das novidades seleccionadas por el mesmo, relacionadas coa nosa cultura e con Galicia. 

 A seguir, conectamos con ALBERTE MONTES, un dos mellores monologuistas que coñecemos e con quen nos une unha grande relación e amizade, de moitos anos atrás. Ven de facer unha "mini-xira" por Galicia, na que acadou moitos éxitos, segundo así o afirman os xornais que editan nesa comunidade. Seguro que moitos dos nosos seguidores e oíntes da nosa radio, xa o teñen visto e disfrutado nas moitas intervencións e actuacións que leva feito. Agradecémoslle a súa participació e colaboración con nosoutros e desexámoslle moitos éxitos. A vindeira semana voltaremos a facer, se é posible, mellor, outro programiña con interese para tódolos nosos oíntes e seguidores. 

 ¡Agardámolos a todos!

domingo, 21 de octubre de 2012

16 de OUTUBRO 


Outra semaniña máis con todos vostedes para tentar levar adiante este programiña que é un recuncho de novidades e desexos de compracer a tódolos nosos seguidores. Nesta ocasión voltamos a recuperar a colaboración habitual que mantemos co noso amigo XOSE MANUEL F. MONTES, que dende Monforte de Lemos sempre nos ten preparadas moitas novidades e informacións precisas, escollidas entre tantas cousas que estan a suceder na nosa Galicia.



No final do programa tentamos facerlles un pequeno resumo das cousas que nos chegan á nosa redacción, adubiándoas con algunha selección de música galega, para facer un pouco máis amenas as interlocucións que lles ofrecemos.



A vindeira semana coltaremos con máis azos, se é posible, e con moitas máis novidades, de interese para todos vosoutros.



¡¡¡ Agardámosvos !!!
9 de OUTUBRO.

    Como cada semana voltamos a emitir este noso programiña de radio en Galego, para tódolos nosos seguidores e oíntes. Nesta ocasión dirixe o programa ARMANDO FERNÁNDEZ, acompañado de Damiá (o noso técnico habitual), xa que Xulio C. está por terras galegas realizando unhas xestións persoais. Agradecémoslle a súa fidelidade e tentamos compracer as vosas suxerencias e solicitudes. Hoxe comezamos comunicándonos con Galicia, concretamente con KIKE Fernández, grande amigo e colaborador das nosas inquedanzas. 

  Na segunda parte conversamos con MASITO BEIRÓ, asíduo colaborador e moi estimado amigo, que sempre está atento a tódalas nosas solicitudes. Agradecémoslle a súa aportación e contamos voltar a falar con el noutra ocasión. E despedimos o programa desexando que fora do seu agrado. A vindeira semana máis, e mellor, se podemos.

domingo, 7 de octubre de 2012

2 de outubro do 2012

Comezamos o programa dándolles noticia das cousas que temos previsto emitir. Nun primeiro momento falaremos das posibilidades que teñen de poder poñerse en contacto co noso programa, mediante o noso blog ou do noso correo electrónico: galegosnobaix@gmail.com, ou nos teléfonos 936541400 - 936541500. Aínda non entregamos os agasallos prometidos: Un reloxio marca Adolfo Domínguez.

Na segunda parte do programa poñémonos en contacto con Miguel Anxo, Trompetista da ORQUESTRA MONTES, e que nos pon ao corrente das moitas actuacións e fainos unha valoración interesante do seu paso pola súa participación en Bellvitge, con motivo da Festa Galega organizada pola Asociación Cultural Galega "Casa Galega de Hospitalet", no verán pasado. Fálanos das vocalistas da orquestra, Bea e Lucía, e das moitas actuacións en concertos que fixeron en Galicia.

Temos que disculpar a non participación semanal, nesta ocasión, do noso correspondente en Monforte de Lemos XOSE MANUEL F. MONTES, quen por motivos persoais non puido estar con todos nós. Seguro que na vindeira semana faranos unha sesión dobre da súa colaborción.
Seguimos agardando as vosas suxerencias e participacións. 
¡¡¡Ata a vindeira semana!!!

martes, 25 de septiembre de 2012

Martes 25 de setembro 2012

 O programa de hoxe comeza, como cada semana, coa salutación cordial a tódolos oíntes e seguidores, propoñéndolles que participen connosco na realización. Queremos ofrecerllles a nosa particular homenaxe a FITO (Adolfo González), un dos fundadores do grupo musical "A RODA", que nos deixou a comezos deste mes e polo tanto lembrámolo escoitando unha das pezas emblemáticas: O POUSA. Despois desta breve introducción imos aló coa nosa sección "QUEN CHE PREGUNTOU?", da man de Xosé M.F. MONTES, que nos fai unha pormenorizada exposición das novidades que escolle para tódolos nosos oíntes. Remata a súa intervención coas Sentencias con Retranca, á que nos ten acostumados, e que paga a pena escoitalas. 


 

Na segunda parte da nosa emisión falamos con KATIA, unha xoven moza acordionista de "A Fonsagrada" que nos fala do seu primeiro disco editado e que paga a pena escoitalo un chisquiño, para disfrutar da súa interpretación musical, tanto do instrumento que manexa con verdadeira profesionalidade e virtuosismo, como da súa fermosa voz. 



 

Rematamos o programa de hoxe voltando a lembrarlles que poden escoitarnos novamente o vindeiro domingo na reemisión do noso programa, así como na Internet, o mesmo descargándoo neste noso blog. Non se esquezan de que aínda poden participar no "sorteo dun reloxio, marca Adolfo Domínguez", co que agasallaremos aos oíntes que se poñan en contacto co noso programa. 


 ¡¡¡ Agardámolos o vindeiro MARTES, día 2 de outubro á mesma hora: de Catro a cinco do serán !!!

martes, 18 de septiembre de 2012

MARTES 18 de setembro

Encetamos NOVA TEMPADA. Un martes máis con todos vostedes tentando levar adiante este programiña en galego para poder ofrecerlles as novidades que nos chegan á nosa Redacción, adubiadas coa música que escollemos para amenizar un chisco esta comunicación cos oíntes.  

A nosa primeria chamada-colaboración é con XOSE MANUEL F.MONTES, o noso correspondente en Monforte de Lemos que nos fai un percorrido polas novidades e informacións que el mesmo escolle, entre tódalas que están a suceder na nosa Galicia. Sempre nos aporta a súa visión "retranqueira" da maioría das situacións que nos comenta. Escoiten con atención a interpretación musical que escolleu para rematar a súa intervención desta semana. A partires dagora esta sección vimos de bautizala co nome de "QUEN CHE PREGUNTOU?".


Nesta segunda parte comunicámonos con CARLOS FOLGUEIRAS, o famoso REI DAS TARTAS de Mondoñedo, co que mantemos unha conversa moi amena e ilustrativa relacionada co negocio de distribución e confección dos productos de CALIDADE que podemos mercar nos seus establecementos. Lembramos ao seu benquerido pai, don Carlos, fundador da MARCA. Un galego que se gababa de ser galego e que fixo o imposible porque se coñeceran as súas tartas en tódolos sitios aos que acudía. Boa mostra delo son os innumerables documentos fotográficos que se poden admirar e contemplar nos seus actuais establecementos. Actualmente está moi volcado na consolidación das súas "franquías" que están a desenvolverse moi ben (precisamente coméntanos que ven de inaugurar recentemente unha en Celanova e outra en Ourense). Felicitámolo polo seu traballo e agradecémoslle, moi encarecidamente, a súa participación. Prométenos que pronto voltaremos a manter unha conversa algo máis longa para darnos a coñecer as novidades que se vaian sucedendo no seu entorno. 


Para rematar, voltamos a dárlles os nosos teléfonos 936 541 400 - 936 541 500, así como o noso correo electrónico galegosnobaix@gmail.com, para que se poñan en contacto connosco e poidan participar no SORTEO dun reloxio marca "Adolfo Dominguez", do que faremos entrega ao longo deste trimestre. 

¡¡¡ Moitas grazas por seguirnos e, ata a vindeira semana !!!

miércoles, 27 de junio de 2012

Ultimo programa da tempada : Martes 26 de XUÑO


Remata a tempada. Este programiña que comezamos con moita ilusión, pero con moitos condicionantes, xa que non sabiamos qué poder de recepción chegaría a ter, nin tampouco se poderíamos continualo, debido a certos compromisos personais e particulares que tiñamos, acaba esta andaina pechando o curso con anhelantes desexos de continuidade e con moitas perspectivas dunha boa e feliz realización. Seguro que os nosos seguidores e oíntes serán os que nos axudarán a completar as deficiencias, e as súas suxerencias servirannos para podermos mellorar e ofrecerlles un programa do seu agrado e que cumpla coas espectativas que nos propoñamos no vindeiro curso. Neste programa de hoxe tivemos a conversa-colaboración do noso correspondente Xosé Manuel Montes, dende Monforte de Lemos, como cada semana, na que nos falou dos aconteceres que escolle para os nosos oíntes. Remata coas súas Sentencias Retranqueiras que tanto veñen agradando aos nosos oíntes e seguidores. Desexámoslle que disfrute dunhas merecidas vacacións estivais. 

Na segunda parte do programa recibimos a don José Luís Franco, Coordinador de Seguridade do Centro C.C.de Barcelona,  e amigo da Asociación Castaño e Nogal, da que é Presidente don Antonio Alvarez, e cos que mantivemos, hai un tempo, unha pequena conversa. O tempo do que dispoñemos non é moito, pero chegounos para que poideramos recibir as súas opinións e consideracións moi axeitadas. 

Para rematar quixemos poñernos en contacto co Museo da Fonsagrada, na persoa do Sr.Molina, a quen lle desexamos unha pronta recuperación despois de someterse a unha recente intervención médica, e falamos con el sobre a realización dunha próxima remodelación do Museo e da "Exposición de Espantallos" que se pode admirar nas salas deste Museo Fonsagradino, que convida a visitalo aos nosos oíntes. Prometémonos achegarnos aló, nestas vindeiras vacacións, e seguro que traeremos daló as pilas recargadas para podermos encetar novamente este programa que tantas satisfaccións nos está a dar. 

 ¡¡¡ BOAS VACACIÓNS A TODOS !!! e non se esquezan de volver a sintonizarnos o día 18 de setembro vindeiro, que voltaremos a estar aquí, con todos vosoutros.

martes, 19 de junio de 2012

19 de xuño do 2012

Unha semaniña máis voltamos a estar con vosoutros, seguidores e oíntes, para facer esta horiña de radio en galego. Nesta primeira parte conectamos co noso colaborador habitual Xosé Manuel Montes, que dende Monforte de Lemos fainos un percorrido por Galicia coa escolla das súas suxerentes e máis que interesantes noticias ou novidades que acompaña sempre con reflexións e comentarios axeitados. Remata a súa intervención deixándonos as súas sentencias retranqueiras. 

Na segunda parte conectamos con Antonio Díaz, director da revista Lúa Nova e corresponsal do xornal Galicia no Mundo, así como membro activo da directiva da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà. Mantemos con el unha conversa moi amena na que nos da coñecer tódalas actividades que están a realizar na Entidade, facendo mención especial á última, na que participamos nós mesmos: A obra de Teatro "Os Vellos non deben namorarse", realizada o pasado día 16 de xuño, no Patronat Cultural i Recreatiu de Cornellà. Podedes escoitala aquí mesmo, coma sempre. A vindeira semana será a ultima desta tempada e agardamos poder ofrecerlles un programa entretido e interesante. A vosa participación sempre é moi ben recibida. Se desexades facer mención dalgunha cousa que consideredes importante na nosa emisión, podedes facelo nos teléfonos de sempre: 
936 541 400 - 936 541 500, ou no noso correo electrónico: galegosnobaix@gmail.com, ou deixando algún comentario neste mesmo blog. 

Saudiños moi cordiais para todos e que pasedes unha Verbena de San Xoan moi feiticeira.

martes, 12 de junio de 2012

Outro martes máis: 12 de XUÑO do 2012

Voltamos a ofrecerlles unha nova entrega deste noso programiña en galego: "Galegos no BAIX". Coidamos que é un bocadiño de ledicia a comunicación no noso idioma para que tódolos nosos seguidores se sintan máis achegados ás "nosas cousas". Estamos moi ledos de poder ofrecerlles, cada semana esta horiña de radio entretida, e da que nos sentimos moi satisfeitos pola cantidade de correos e mensaxes que nos teñen enviado ao noso enderezo: "galegosnobaix@gmail.com". Xa lles contestamos a todos e temos unha lista que faremos pública denantes que remate esta tempada, para agasallar aquelas persoas que resulten do sorteo que teremos precisamente ese mesmo día 26 de xuño, data de remate. Terán como premio un reloxio marca "Adolfo Domínguez", tal e como lles tiñamos prometido. Comezamos falando dalgunhas novidades que acontecen en Galicia e mencionamos a promesa de poder falar, no seu día, con Xan García, Secretario da Asociación NERIA - Costa da Morte, con quen xa mantivemos un primeiro e pequeno contacto a micro pechado, e prometeunos que en vindeiras datas manteremos unha entrevista-conversa sobre aquelas terras tan bravas e fermosas. Hoxe non poderemos contactar co noso habitual correspondente en Monforte, Xosé Manuel F.Montes. En pago conectamos con Masito Beiró, un amigo e colaborador a quen sempre lle temos que agradecer a súa aportación e desinteresado ofrecemento cada vez que o chamamos. Aquí tedes a nosa conversa con Masito: 

Escollemos unha peza de música do grupo: AIRA DA PEDRA, do Bierzo. E proseguimos o noso programiña conectando coas Rías Altas, coa Mariña Lucense, concretamente con PACO RIVAS, que se atopa en FOZ, e con quen mantemos unha conversa moi agradable e entretida, e como non podía ser menos despídenos coa declamación dun dos seus poemiñas engaiolantes. 

A vindeira semana máis. Non vos esquezades de deixarnos e enviarnos as vosas mensaxes.

jueves, 7 de junio de 2012

5 de XUÑO do 2012

Este martes voltamos a estar con todos vostedes para ofrecerlles outra nova entrega do programa "Galegos no BAIX", tentando que pasen unha horiña agradable e entretida. Comezamos dándolles coñecemento dalgunhas novas que acontecen no noso entorno. Conectamos con Galicia para falarmos co noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel Montes. Ten escollidas algunhas informacións interesantes e fainos partícipe da ledicia e alegría que se percibe por alí, debido ao ascenso á 1ª División, dos dous equipos de futbol galegos máis representativos: Depor e Celta.  Prométenos que a vindeira semana teremos ración doble de sentencias con retrancas.


 
Na segunda parte do programa voltamos a informarlles da próxima celebración da "Festa Galega en Can Mercader" (Cornellà) o vindeiro fin de semana, concretamente os días 8, 9 e 10 de xuño. Coincidindo coas festas do Corpus en Cornellà, a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, organiza a "32 FESTA GALEGA en Can Mercader". No seu tríptico editado podedes atopar toda a información. 


A vindeira semana voltaremos a ofrecerlles outro programiña. Se pode ser mellor. Por certo: Este programa volve a EMITIRSE os domingos de 13 a 14 horas, en Radio SANT BOI.

martes, 29 de mayo de 2012

Martes 29 de MAIO

Unha semaniña máis con todos vostedes para ofrecerlles outra entrega deste novo programa en galego, dende as ondas - 98.4 FM-da emisora municipal Radio Sant Boi. Saudamos a tódolos nosos seguidores e oíntes, lembrándolles que temos un agasallo especial para todos aqueles oíntes que se poñan en contacto connosco por calquera dos medios que elixan: 
.- mediante os teléfonos 936541400 - 936541500, 
.- enviando un correo electrónico ao noso enderezo: galegosnobaix@gmail.com,
.- ou poñendo un comentario neste noso blog: "Galegos no BAIX". Conectamos con Galicia e dende Monforte de Lemos recibimos a crónica semanal que nos ten preparada o noso amigo e colaborador Xosé Manuel F.Montes. É unha conversa que paga a pena escoitala. 

 A peza de música galega que escoitamos sérvenos para recibir a conexión con Kike de Navia, un amigo e colaborador que se atopa na zona de Castro Caldelas (Ourense) con quen mantemos unha amena conversa a quen lle agradecemos a súa aportación a este noso programa. Desexamos que esta sexa a primeira de moitas e máis repetidas ocasións nas que contaremos coa súa colaboración. 

 O vindeiro martes voltaremos estar aquí, para ofrecerlles outro programa máis. Se pode ser mellor. Que pasen unha feliz semana.

martes, 22 de mayo de 2012

MARTES 22 de MAIO do 2012

Unha semana máis voltamos a emitir este noso programiña. Comezamos dándollle-la ben-vida a tódolos nosos oíntes e seguidores, así como ao noso técnico DAMIÀ e ao noso mentor XULIO COUXIL, que nos acompaña nesta tarefa engaiolante de comunicármonos en galego. Conectamos con Galicia e falamos co noso correspondente en Monforte de Lemos XOSE MANUEL F.MONTES. Cun xeito especial para o trato das informacións, fainos un percorrido por aquelas que escolleu para esta semana, moi interesantes, por certo. 

Na segunda parte do noso cativo programa, conectamos con ROCÍO BARJA CAMPOS, que nos fala do seu libro de poesías, recentemente publicado e coméntanos algo sobre a súa creación e composición, así como tamén a forma máis axeitada para poder adquirilo ou mandarlle un correo electrónico. 

Tamén nos deu tempo para falar con CARMEN, propietaria da Vivenda Rural XANELA DA LÚA, en LIRA, unha parroquia de Carnota (A Coruña). Aínda que o tempo que poidemos dedicarlle foi moi escaso, sí que tivemos ocasión de enterarnos dalgunhas condicións que ofrece esa casa restaurada e dos seus arredores. 

Agradecémoslle a súa atención, e prometemos volver a facer un programiña igual, ou mellor; a vindeira semana o mesmo día, martes, e á mesma hora, de catro a cinco do serán. Que pasedes unha feliz semana.

martes, 15 de mayo de 2012

15 de MAIO

Outro martes máis voltamos a estar aquí para poder acompañalos nesta horiña de Radio en Galego. Ofrecémoslles entretenemento, conversas, comentarios, informacións e algo de música para acompañalos. Nun primeiro momento conectaremos con Galicia, como cada semana, concretamente con Monforte de Lemos, para falar co noso correspondente XOSE MANUEL MONTES. Despois de comentarnos algunhas noticias de interese, déixanos as súas "Sentencias con Retranca" coas que se despide ata a vindeira semana. Escoitamos outra peza máis da nosa música e voltamos a Lugo, nesta ocasión á Fonsagrada, para conversar co Fotógrafo Profesional don Manuel Fernández, con que mantemos unha amena conversa. Mágoa que teñamos pouco tempo para estas comunicacións, que se nos fan cativas este espacio de tan só unha horiña de programa. Voltaremos a vindeira semana. Se podemos, mellor.

miércoles, 9 de mayo de 2012

Outro MARTES máis

8 de MAIO. 
Comezamos dándolle a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. A proposta para o día de hoxe é ofrecerlles algunhas pezas de música galega e conversar con XOSE MANUEL MONTES, na primeira parte da nosa emisión e despois falar con ALFREDO GONZÁLEZ, un cantautor e compositor galego, de Becerreá concretamente. Así pois, a primeira conversa con XOSE MANUEL fáisenos cativa, xa que ten unha morea de informacións e comentarios que se nos fai curta a súa intervención. Se continuamos nesta teima seguro que solicitaremos un espacio de radio algo máis longo. Despois das "Sentencias con Retranca" que nos envía o noso correspondente dende Monforte de Lemos.

Na segunda parte deste noso programa, chamamos a ALFREDO GONZÁLEZ, como lles tiñamos prometido e mantemos con el unha amena conversa arredor de varios temas de interese: A súa composición-himno para os amigos da Asociación Castaño e Nogal, que veñen de entregarlle unha distinción de Honra pola súa colaboración, e tamén nos adianta algunhas das súas próximas actuacións en diversas Entidades Culturais e Galegas.

Despedímonos ata a seguinte semana que coidamos contar con moitos máis seguidores e oíntes, aos que agardamos sorprender con moitas máis novidades.

martes, 24 de abril de 2012

Martes 24 de ABRIL.  
Emisión semanal deste noso programa en galego para tódolos nosos oíntes e seguidores. Nun primeiro momento o noso colaborador Xulio Couxil fai lectura dun poema, da autora galega ROCÍO BARJA CAMPOS, que ven de publicar: "Detalles de Poesía", un libro de poesía moi interesante. Depois poñémonos en contacto con XOSÉ MANUEL MONTES, como ven sendo habitual, que dende Monforte de Lemos fainos un pequeno percorrido pola escolla de novidades e informacións galegas das que nos fai coñecedores. Tamén nos deixa as súas "sentencias con retranca" que fan referencia a algunhas novidades ou noticias actuais.

   

Na segunda parte poñémonos en contacto con ABEL LOPEZ SOTO, ex-Alcalde de SADA (A Coruña), co quen mantemos unha conversa moi interesante. 



A vindeira semana prometemos facer outro programa máis. Se pode ser mellor. Moitas grazas a tódolos que nos seguides. A vosa participación é a que nos fai continuar nesta teima.

martes, 17 de abril de 2012

Martes 17 de ABRIL DO 2012.

Hoxe comezamos dándolle a ben vida a tódolos nosos oíntes e seguidores e avanzandolles o que imos tentar levar a cabo nesta horiña de Radio en Galego. Primeiro escoitaremos unha peza, escollida do ultimo disco CD do Grupo "Quempallou" e deseguida comunicámonos con Galicia, concretamente con Monforte de Lemos, onde se atopa o noso correspondente semanal XOSÉ MANUEL MONTES, que nos pon ao día da escolla de informacións que están a suceder na nosa Comunidade. Déixanos, como na semana anterior, as súas sentencias con retranca, que semellan refráns adaptados, e que paga a pena escoitalas para reflexionar un chisco sobre elas. 

Na segunda parte do noso programa poñemonos en contacto co Ilmo.Sr.Alcalde de Becerreá, don Manuel Martínez Núñez, co que mantemos unha conversa moi amena. Agradecémoslle-lo pola nosa parte e desexamos poder voltar a falar das cousas que teñen previsto realizar e levar a cabo no Concello. 

E despedímonos ata a vindeira semana, que voltaremos a estar aquí para facermos outro programiña, cando menos igual, e se podemos mellor.

martes, 10 de abril de 2012

10 de ABRIL do 2012

Comezamos, despois do lecer e descanso da Semana Santa, dándolle-la ben-vida a tódolos nosos seguidores e agradecémoslle a presencia nos estudios a don ANTONIO DÍAZ, Secretario da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, e tamén Corresponsal do xornal "Galicia en el Mundo". Mantemos unha pequena conversa con el, na que nos informa da actuación da Banda de Gaitas tradicional "XUNTANZA" de Cataluña, que ven de participar na primeira Fase da XXII Liga Galega de Bandas de Gaita, concretamente no Auditorio en Santiago de Compostela, e na que foron seleccionados para a seguinte fase

Na segunda parte do programa non puidemos conectar co noso colaborador XOSÉ MANUEL, pero tivemos a comunicación-entrevista cun dos responsables da "CASA CASTELAO" de A Fonsagrada, don Rubén Fernández Álvarez. Agradecémoslle a súa participación e fálanos desa empresa tan importante para esa zona rural de Galicia, na alta montaña. O "Butelo" de A Fonsagrada é o producto estrela desta fábrica.

Desexamos que vindeira semana volvades a conectar con Radio Sant Boi. Tentaremos facer outra vez esta horiña de radio en galego, e se podemos, moito mellor.

martes, 27 de marzo de 2012

Programa do martes 27 de MARZO do 2012

27 de MARZO do 2012

Nesta terceira emisión voltamos a comezar na compaña de Xulio Couxil. Pretendemos realizar esta horiña de radio en galego comentando e dándolles a coñecer as novidades máis interesantes que acontecen no noso entorno e moi concretamente as realicionadas coa cultura galega. Escoitamos unha primeira peza de música do grupo "Quempallou" e deseguida conectámonos con Galicia, co noso correspondente en Monforte de Lemos (Lugo)  XOSÉ MANUEL MONTES, que nos fai un percorrido especial polos acontecementos que el mesmo nos elixe. A verdade é que paga a pena recrearse e volver a escoitar as "5 pinceladas", a modo de haikus, unhas fermosas perlas coas que nos agasalla a todos, para despedirse ata o vindeiro día 10 de abril, que será a data de emisión do seguinte programa. 

Despois da publicidade de rigor e de escoitar outra peza de música interesante, do grupo "Riobó", voltamos a comunicarnos con Galicia, coas terras da Baixa Limia (Ourense), nesta ocasión con XOSÉ LAMELA quen,  a modo de apadriñamento mantén con nosoutros unha amena conversa e anímanos a seguir nesta teima de espallar o noso idioma e a nosa cultura. Agradecémoslle públicamente e desexámoslle unhas moi Felices Pascuas, ao igoal que a tódolos nosos oíntes e seguidores, e despedímolo coa peza titulada "Alecrim", de María do Ceo.

O seguinte programa será o día 10 de abril ás 4 da tarde, coma tódolos martes... 
¡¡¡Boa Pascua para todos!!!

miércoles, 21 de marzo de 2012

20 de MARZO do 2012

Comezamos a nosa emisión, como cada martes, coa nosa sintonía: Muiñeira de Cabana, e comunicámoslle o que pretendemos levar adiante nesta horiña de radio en galego, que nos poden escoitar via Internet. Ofrecémoslle a participación no noso programa chamando aos nosos teléfonos: 936 541 400 ou 936 541 500, deixando algún comentario no noso blog (http://galegosnobaix.blogspot.com.es/) ou enviando algún mail ao noso correo: galegosnobaix@gmail.com. Escoitamos un dos temas do último CD de Quempallou, que nos acaba de chegar á Redacción.

Comunicámonos con Galicia, concretamente con Monforte de Lemos, onde se atopa o noso colaborador XOSÉ MANUEL MONTES, que é o noso correspondente que se encarga desta sección do programa. Fálanos da súa peculiar selección de novas ou acontecementos que están a suceder en Galicia.

 
Agora propoñémoslles que escoiten con nosoutros outro tema musical interesante, correspondente a "Riobó".  Begoña Riobó é actualmente a violinista con maior proxección do panorama musical galego. Cunha destacada traxectoria artística, que formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo, Sondeseu, preséntase como a primeira violinista galega en liderar este proxecto. Acompañando a Begoña en "Riobó" atopamos a catro recoñecidos músicos que atesouran unha sólida traxectoria, e son habituais nos principais musicais en Galicia. Son Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (frautas e requinta). 

A seguinte comunicación é co Sr.XOSÉ MOLINA, Director do Museo comarcal de A Fonsagrada. Unha conversa-entrevista moi interesante e amena, que desexamos e auguramos se volverá a repetir en viendeiras datas.

Agardámosvos a vindeira semana, na que voltaremos a realizar este programiña con agarimo para todos vostedes, se pode ser mellor.

martes, 13 de marzo de 2012

1º Programa Galegos no Baix

Hoxe, 13 de marzo do 2012, de catro a cinco, comezamos o programa.
No control técnico DAMIÁ, na locución un servidor de vostedes: ARMANDO FERNANDEZ, e acompanándonos ANTONIO DÍAZ (Corresponsal de Galicia no Mundo e Secretario da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà) e XULIO COUXIL, Director do programa "Sempre en Galicia" de Radio Cornellà. Comezamos dándolle-las gracias ás persoas responsables pola boa acollida, dona Montse e Josep Pallarés. Tentaremos facer un programa digno e con agarimo para atraer a tódolos galegos e simpatizantes. Os teléfonos da emisora permanecerán abertos para que participen: 936541400 e 936541500. Tamén poden enviar as súas suxerencias e os seus correos a : galegosnobaix@gmail.com, ou deixar o seu comentario no noso humilde blog: http://galegosnobaix.blogspot.com/
Despois dos saúdos de rigor poñémonos en contacto con XOSÉ MANUEL MONTES, encargarase da sección de comunicación dende as terras de Lemos, en Galicia. Fálanos un chisco, como primeira intervención, das cousas que están a suceder. A vindeira semana seguro que nos terá preparada outra crónica interesante.

A segunda comunicación-intervención é con MASITO BEIRÓ. Agradecémoslle a súa colaboración e participación nesta nova andaina. Na seguinte semana voltaremos a conectar con el, que dende Padrón seguro nos terá preparado algunha cousa de interese para tódolos oíntes e seguidores.

O vindeiro martes voltaremos a estar con todos vosoutros nesta mesma sintonía, de catro a cinco. ¡¡¡ Agardámosvos !!!

sábado, 10 de marzo de 2012

O día 13 de marzo ás 16h comezaremos o noso programa:

GALEGOS NO BAIX

Pretendemos facer unha horiña de radio en galego para todos.
Seguro que contaremos coa participación de persoas interesantes no ámbito da nosa cultura e tamén recibiremos a colaboración de MASITO BEIRÓ, o noso amigo e colaborador de anteriores programas e emsións.
Estade atentos, que seguro haberá sorpresas e tamén teredes a oportunidade de gañar un reloxio marca "Adolfo Domingunez".
En Antena facilitarémosvos os teléfonos de participación.
Neste primeiro programa non poderemos compracer as peticións dos nosos oíntes e seguidores, pero anotaremos a posibles participacións para o seguinte programa e teremos novidades importantes para todos.
Saudiños e Falámonos o vindeiro martes.

viernes, 24 de febrero de 2012

Novamente en Radio Sant Boi

Próximamente, tódolos martes de 16h á 17h do serán, emitiremos o programa  
"Galegos no Baix"
Reemitimos unha antiga emisión que fai moitos anos xa tiñamos en Radio Sant Boi.
Dirixirá ARMANDO FERNÁNDEZ, unha persoa que foi dos primeiros que comezou nesta xeira de emitir e falar en galego na radio. A nosa teima é tentar facervos chegar tódalas informacións e noticias que nos cheguen á Redacción. Procuraremos compracer a tódolos que nos sigan e escoiten. Nun principio temos como colaborador directo a Xulio Couxil, coordinador do programa "Sempre en Galiza" de Radio Cornellà os sábados de seis a oito. Dende Galicia contaremos coa participación, cando teña ocasión e lle-lo permitan as súas ocupacións, a MASITO BEIRÓ, corresponsal da Axencia EFE e membro da Fundación Rosalía de Castro en Padrón.
¡¡ Agardámosvos tódolos MARTES de catro a cinco da tarde. !!