miércoles, 27 de junio de 2012

Ultimo programa da tempada : Martes 26 de XUÑO


Remata a tempada. Este programiña que comezamos con moita ilusión, pero con moitos condicionantes, xa que non sabiamos qué poder de recepción chegaría a ter, nin tampouco se poderíamos continualo, debido a certos compromisos personais e particulares que tiñamos, acaba esta andaina pechando o curso con anhelantes desexos de continuidade e con moitas perspectivas dunha boa e feliz realización. Seguro que os nosos seguidores e oíntes serán os que nos axudarán a completar as deficiencias, e as súas suxerencias servirannos para podermos mellorar e ofrecerlles un programa do seu agrado e que cumpla coas espectativas que nos propoñamos no vindeiro curso. Neste programa de hoxe tivemos a conversa-colaboración do noso correspondente Xosé Manuel Montes, dende Monforte de Lemos, como cada semana, na que nos falou dos aconteceres que escolle para os nosos oíntes. Remata coas súas Sentencias Retranqueiras que tanto veñen agradando aos nosos oíntes e seguidores. Desexámoslle que disfrute dunhas merecidas vacacións estivais. 

Na segunda parte do programa recibimos a don José Luís Franco, Coordinador de Seguridade do Centro C.C.de Barcelona,  e amigo da Asociación Castaño e Nogal, da que é Presidente don Antonio Alvarez, e cos que mantivemos, hai un tempo, unha pequena conversa. O tempo do que dispoñemos non é moito, pero chegounos para que poideramos recibir as súas opinións e consideracións moi axeitadas. 

Para rematar quixemos poñernos en contacto co Museo da Fonsagrada, na persoa do Sr.Molina, a quen lle desexamos unha pronta recuperación despois de someterse a unha recente intervención médica, e falamos con el sobre a realización dunha próxima remodelación do Museo e da "Exposición de Espantallos" que se pode admirar nas salas deste Museo Fonsagradino, que convida a visitalo aos nosos oíntes. Prometémonos achegarnos aló, nestas vindeiras vacacións, e seguro que traeremos daló as pilas recargadas para podermos encetar novamente este programa que tantas satisfaccións nos está a dar. 

 ¡¡¡ BOAS VACACIÓNS A TODOS !!! e non se esquezan de volver a sintonizarnos o día 18 de setembro vindeiro, que voltaremos a estar aquí, con todos vosoutros.

martes, 19 de junio de 2012

19 de xuño do 2012

Unha semaniña máis voltamos a estar con vosoutros, seguidores e oíntes, para facer esta horiña de radio en galego. Nesta primeira parte conectamos co noso colaborador habitual Xosé Manuel Montes, que dende Monforte de Lemos fainos un percorrido por Galicia coa escolla das súas suxerentes e máis que interesantes noticias ou novidades que acompaña sempre con reflexións e comentarios axeitados. Remata a súa intervención deixándonos as súas sentencias retranqueiras. 

Na segunda parte conectamos con Antonio Díaz, director da revista Lúa Nova e corresponsal do xornal Galicia no Mundo, así como membro activo da directiva da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà. Mantemos con el unha conversa moi amena na que nos da coñecer tódalas actividades que están a realizar na Entidade, facendo mención especial á última, na que participamos nós mesmos: A obra de Teatro "Os Vellos non deben namorarse", realizada o pasado día 16 de xuño, no Patronat Cultural i Recreatiu de Cornellà. Podedes escoitala aquí mesmo, coma sempre. A vindeira semana será a ultima desta tempada e agardamos poder ofrecerlles un programa entretido e interesante. A vosa participación sempre é moi ben recibida. Se desexades facer mención dalgunha cousa que consideredes importante na nosa emisión, podedes facelo nos teléfonos de sempre: 
936 541 400 - 936 541 500, ou no noso correo electrónico: galegosnobaix@gmail.com, ou deixando algún comentario neste mesmo blog. 

Saudiños moi cordiais para todos e que pasedes unha Verbena de San Xoan moi feiticeira.

martes, 12 de junio de 2012

Outro martes máis: 12 de XUÑO do 2012

Voltamos a ofrecerlles unha nova entrega deste noso programiña en galego: "Galegos no BAIX". Coidamos que é un bocadiño de ledicia a comunicación no noso idioma para que tódolos nosos seguidores se sintan máis achegados ás "nosas cousas". Estamos moi ledos de poder ofrecerlles, cada semana esta horiña de radio entretida, e da que nos sentimos moi satisfeitos pola cantidade de correos e mensaxes que nos teñen enviado ao noso enderezo: "galegosnobaix@gmail.com". Xa lles contestamos a todos e temos unha lista que faremos pública denantes que remate esta tempada, para agasallar aquelas persoas que resulten do sorteo que teremos precisamente ese mesmo día 26 de xuño, data de remate. Terán como premio un reloxio marca "Adolfo Domínguez", tal e como lles tiñamos prometido. Comezamos falando dalgunhas novidades que acontecen en Galicia e mencionamos a promesa de poder falar, no seu día, con Xan García, Secretario da Asociación NERIA - Costa da Morte, con quen xa mantivemos un primeiro e pequeno contacto a micro pechado, e prometeunos que en vindeiras datas manteremos unha entrevista-conversa sobre aquelas terras tan bravas e fermosas. Hoxe non poderemos contactar co noso habitual correspondente en Monforte, Xosé Manuel F.Montes. En pago conectamos con Masito Beiró, un amigo e colaborador a quen sempre lle temos que agradecer a súa aportación e desinteresado ofrecemento cada vez que o chamamos. Aquí tedes a nosa conversa con Masito: 

Escollemos unha peza de música do grupo: AIRA DA PEDRA, do Bierzo. E proseguimos o noso programiña conectando coas Rías Altas, coa Mariña Lucense, concretamente con PACO RIVAS, que se atopa en FOZ, e con quen mantemos unha conversa moi agradable e entretida, e como non podía ser menos despídenos coa declamación dun dos seus poemiñas engaiolantes. 

A vindeira semana máis. Non vos esquezades de deixarnos e enviarnos as vosas mensaxes.

jueves, 7 de junio de 2012

5 de XUÑO do 2012

Este martes voltamos a estar con todos vostedes para ofrecerlles outra nova entrega do programa "Galegos no BAIX", tentando que pasen unha horiña agradable e entretida. Comezamos dándolles coñecemento dalgunhas novas que acontecen no noso entorno. Conectamos con Galicia para falarmos co noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel Montes. Ten escollidas algunhas informacións interesantes e fainos partícipe da ledicia e alegría que se percibe por alí, debido ao ascenso á 1ª División, dos dous equipos de futbol galegos máis representativos: Depor e Celta.  Prométenos que a vindeira semana teremos ración doble de sentencias con retrancas.


 
Na segunda parte do programa voltamos a informarlles da próxima celebración da "Festa Galega en Can Mercader" (Cornellà) o vindeiro fin de semana, concretamente os días 8, 9 e 10 de xuño. Coincidindo coas festas do Corpus en Cornellà, a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, organiza a "32 FESTA GALEGA en Can Mercader". No seu tríptico editado podedes atopar toda a información. 


A vindeira semana voltaremos a ofrecerlles outro programiña. Se pode ser mellor. Por certo: Este programa volve a EMITIRSE os domingos de 13 a 14 horas, en Radio SANT BOI.