jueves, 23 de diciembre de 2021

XOVES 23 de DECEMBRO do 2021

Este último programa do ano 2021 comezámolo coa nosa sintonía de sempre e escoitamos unha panxoliña de Berogüetto para recibir á primeira convidada: Sonia Melón, poeta galega. Agradecémoslle a participación no programa de hoxe e agasállanos coa lectura de dous poemas que adica a tódolos oíntes e seguidores e un, en particular a un seu seguidor incondicional. Enviámoslle os nosos mellores desexos para este Nadal e que teña unha boa entrada de aninovo.

A segunda conversa é co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, que nos aporta a súa crónica semanal, cos seus"Desghústanme" e "Ghústanme", que se converten nas informacións precisas e escollidas por el. Tamén nos envía a viñeta de hoxe, relacionada cun dos comentarios emitidos no programa. Desexámoslle Boas Festas e un farturento aninovo 2022.
 

Continuamos, na segunda hora, conectando novamente con Galicia para falar coa nosa amiga, poeta-pastora, Nieves Fernández Vidueira, que nos informa do acto que se celebrou en Viana do Bolo o sábado pasado. O visionado dun documental sobre lendas, contos e outras cousas. As protagonistas son as propias mulleres do rural, entre as que se atopaba precisamente e nosa Nieves. Felicitámola e desexamos que pase unhas felices festas do Nadal e que teña unha ventureira entrada de aninovo.

E finalizamos as entrevistas deste ano falando con Beatriz Busto Miramontes, antropóloga que ven de publicar o libro: Pandereteiras de Mens. Agradecémoslle as diversas informacións sobre este traballo tan interesante, que ven acompañado dun CD para entender mellor esa recopilación de cantos, interpretados por 5 mulleres cantadoras do noso tradicional galego e acompañadas coa pandeireta.
 

E despedímonos desexando que teñades un Bon Nadal e un feiticeiro aninovo 2022. Aquí tedes o programa completo.


jueves, 16 de diciembre de 2021

XOVES 16 de DECEMBRO do 2021

Comezamos este penúltimo programa de "Galegos no BAIX" escoitando unha panxoliña para recibir a Guido Álvarez Parga, Guía Oficial de Turismo de Galicia. Felicitámolo polo traballo e proxectos que está a realizar en Galicia, pero moi concretamente na cidade de Lugo, así como tamén polo de Profesor-Titor Grau de Turismo na UNED de Lugo. É para nosoutros unha honra telo, de cando en vez, na nosa emisión e ir descubrindo algún que outro proxecto dos que vai poñendo en marcha. ¡Felices Festas, Guido! e ¡Moita sorte na túa xeira turística e educativa!

A seguinte é unha entrevista que nos concedeu o Gañados do 1º Premio de "35 Certame Internacional de Poesía en Língua Galega, Rosalía de Castro de Cornellà", que é Xosé Luís Santos Cabanas. Un escritor e poeta galego co que disfrutamos moi agradablemente. A súa amena conversa sérvenos de leución e aprendizaxe sobre o traballo que foi premiado, así como tamén a traxectoria de Tina Modotti, á que fai referencia o poema premiado. Disfrutamos da lectura que el mesmo nos agasalla. ¡Moitas grazas, Xosé Luís! e moitos éxitos!

Continuamos a emisión e voltamos novamente a Galicia porque temos a sorte de poder conversar-entrevistar á gañadora do 2º Premio neste mentado Certame Internacional de Poesía, dona Clara Vidal, unha poeta galega residente en A Coruña. Fálanos dese poema gañador "A formación dos continentes" e tamén disfrutamos coa súa lectura dalgún deses poemas. ¡Moitas grazas, Clara!

Temos agora o privilexio de entrevistar a unha moza moi noviña, que nos abraia coa súa voz: Claudia Pajares. Escoitamos unha peza musical que ela mesmo interpreta, casi á capela, e somos os primeiriños que conseguimos falar con ela. Non é galega, pero canta coma se o fora, coma os anxos. Desexámoslle o mellor e prometémonos voltar a conectar con ela para seguir disfrutando da súa fermosa voz e interpretación que, por certo ela mesmo nos confirma que é auto-didacta. Aquí podedes escoitar un bocadiño da canción.


E finalizamos a emisión de hoxe conectando con Antonio Marzabal, un escritor galego que ven de publicar a súa última novela: SEMENTE, ambientada no Courel lugués. Coméntanos que algo de seu ten esa novela, que  nesa novela relata parta das súas propias vivencias. Desexámoslle que teña moito éxito.

O vindeiro xoves máis. Que teñan unha feliz semana!



jueves, 9 de diciembre de 2021

XOVES, 9 de decembro do 2021

 Comezamos outra nova emisión escoitando a nosa sintonía de sempre, saudando aos nosos oíntes e seguidores, e despois de escoitar outro bocadiño de música, poñémonos en contacto coa Presidente de GaliciAME, dona Merchi Álvarez. Acaba de chegar de Corea do Sul, onde lle aplicaron unha nova técnica curatoria e que ao parecer estalle a dar moi bos resultados. Felicitámola polo éxito que está tendo con esas novas prácticas. Cóntanos algo desa experiencia e fálanos dos seus anceios para que todo siga a decorrer con ben. Desexámoslle sorte para que en vindeiras datas, no verán do vindeiro ano ou no mes de decembro se poida levar a cabo esa Gala que se viña celebrando anualmente para conseguir aportacións e conceder as becas coas que potenciar a investigación sobre a AME. Desexámoslle que teña unhas Boas Festas do Nadal e un aninovo farturento de saúde e benestar.

A segunda conversa-entrevista é con Xoan Curiel, músico e cantautor de A Fonsagrada, que nos fala do seu ultimo traballo CD Treides comigo. Estivo de xira con numerosos concertos por Galicia adiante e coméntanos que agora desexa coller un tempiño de lecer e descanso.  Desexámoslle que acade moitos éxitos e que teña un Feliz Nadal e un próspero aninovo 2022.

Seguimos o programa informando da próxima presentación, o sábado día 11 a partir das 19h, no Auditori de San Ildefonso de Cornellà, da xulipedia.com, que nos fará o propio autor Xulio Simón e Luís Losada. Tamén teremos a oportunidade de recoller o CD que acaba de gravar a A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, que leva por título "Rosalía en Cornellà". Tamén actuarán os Gaiteiros do Grupo e as Rosalieiras. Despois, á noite teremos unha cea conmemorativa do "35 Certame Nacional de Poesía en Língua Galega" xunto coa publicación dos gañadores deste Certame Literario.

A segunda hora continuamos conectando novamente con Galicia para falarmos con Manuel - Foteiro de A Fonsagrada, que nos fai de correspondente dende aquela vila da montaña. Infórmanos, moi polo miúdo, das diferentes actuacións que tiveron lugar nesa celebración, a fin de semana pasada, da "VI Foliada da Fonsagrada". Unha morea de músicos e Grupos estiveron celebrando ese grande acontecemento. Agradecémoslle a súa amable atención e tamén lle enviamos os nosos mellores desexos para estas Festas do Nadal.

Despois falamos con Alva Pico, traductora e profesora de Valadouro, que reside actualmente en Barcelona. É un primeiro contacto co que nos pon ao corrente da súa traxectoria, e coidamos que en vindeiras datas poderemos incorporar nas nosas audicións como unha colaboradora máis. Agradecémoslle a súa amable atención.

Despedimos o programa desexando que teñan unha feliz semana. O vindeiro xoves máis, e á mesma hora de sempre.

jueves, 2 de diciembre de 2021

XOVES 2 de DECEMBRO do 2021

Outra edición máis deste noso programa en língua galega. Comezamos coa sintonía de sempre, saudamos aos nosos oíntes e seguidores, escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto co primeiro convidado: Luís Chapela Bermúdez, autor do libriño recentemente publicado: PEROXO, un rapaz da aldea. Fálanos da súa escrita, dos momentos agradables que lle proporcionou a súa escrita e das presentacións que está a realizar, nas bibliotecas da zona, e noutros lugares onde lle-lo solicitan. Ten previsto facelo tamén noutros lugares, como en Vigo, a partir do ano 2022. Unha lectura que paga a pena comentar e que recomenda para empregar nas escolas. Desexámoslle moitos éxitos.

Falamos das diferentes actividades que ten previsto a nosa A.C.G.Rosalía de Castro, de Cornellà. Veñen de presentar, a fin de semana pasada o Certame Nacional de Poesía en Lingua Galega, Rosalía de Castro, no CULTURGAL de Pontevedra. Un recoñecemento moi celebrado. Tamén se realizou un Certame Poético no que participaron dúas poetas gañadorasa do mentado Certame. Precisamente a fin de semana que ven, o día 11 concretamente presentarase, no Auditori Sant Ildefons, o CD Alborada en Cornellá, gravado polos gaiteiros do Grupo, as cantarieras -Rosalieiras- e os gaiteiros senior. Tamén se poderá asistir á presentación da "xulipedia.com", do noso amaigo e colaborador Xulio Simón. No transcurso dunha Cea no local social da Entidade, faranse públicos os nomes dos 3 gañadores do "XXXV Certame".

Recibimos ao noso correspondente na Ribeira Saacra, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que nos facilita as súa crónica semanal cos "Desghústanme e Ghústanme" cos que percorre as diferentes informacións salientables que el mesmo escolleu. E finaliza coas anotacións que recolle na súa "libretiña pequena". ¡Moitas grazas Xosé Manuel!

Conectamos novamente con Galicia, para achegarnos a Navia de Suarna, e falar con Xosé Luís Pérez Fernández, un apicultor que xa ten acadado algúns premios pola calidade da mel que recolecta. Concretamente a AGA (Asociación Galega de Apicultores) concedeulle o 1º Premio "Mel 5 Estrelas" pola modalidade "Mel floral de Queiroga". Fálanos dos traballos que precisan o coidado das abellas, a recolección do mel, o envasado e a distribución.

 

Despois falamos con Miguel Anxo Rodríguez, un empresario de Figueiredo, Concello de Ribas de Sil que elabora un aceite de grande calidade: Aceites Figueiredo. Está traballando para conseguir unha producción exquisita, con olivos milenarios e que está acadando un renome especial, pola calidade do producto e polo empeño de conseguir un producto elaborado con moito esforzo e cariño. Desexámoslle moitos éxitos.

Despedímonos de tódolos escoitantes, seguidores e simpatizantes ate o vindeiro xoves. ¡Que teñan unha feliz semana!