jueves, 14 de diciembre de 2023

XOVES 14 de DECEMBRO do 2023

Comezamos outra emisión máis coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e escoitamos unha peza da grande cantautora Guadi Galego, para darlle a ben-vinda a CLARA VIDAL, poeta coruñesa, recen gañadora do 1º Premio do "XXXVII Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornella-2023" polo seu poema "A Luz Ignota". Non hai moito tempo xa a felicitármos por ter acadado o Premio de Poesía Erótica das Illas Sisargas. Hoxe parabenizámola tamén e mantemos unha conversa moi enriquecedora e chea da interesantes novidades relacionadas coa súa creatividade e ampliando coñecementos sobre ese poema gañador. Tamén podedes atopar máis información sobre esta admirada escritora e poeta coruñesa, na súa páxina: claravidalpoemas.wordpress.comAgradecémoslle a súa atención e desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

Despedímonos de Clara e despois de escoitar outro bocadiño de música conectamos novamente con Galicia para falarmos con MARTIÑO MASEDA LOZANO, tamén gañador do 3º Premio do "XXXVII Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellà-2023", polo poema "Teatro de Marionetas". Unha conversa moi enriquecedora. Fálanos do seu poema que é unha recreación de momentos actuais, nos que considera asistimos, como marionetas, a unha realidade na que os "grandes dominadores" fannos movernos de diversas formas, precisamente parodiando o simil de marionetas. Tamén nos informa do seu traballo a nivel persoal moi interesante. Mencionamos aquí os dous enlaces que podedes ligar, nos que se pode albiscar un pouco máis do seu labor cultural: culturalia.gal e republicadodesacougo.blogspot.com. Agradecémoslle a súa participación de hoxe no noso programa.

Na segunda hora de programa recibimos a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES. Encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? fainos partícipes dos seus "Ghústanme e desghústanme" relacionados coas noticias galegas que el mesmo escolle para coñecemento de tódolos nosos oíntes e seguidores. Finaliza coas anotacións da libretiña pequena, moi acaídas e con certa sorna ou retranca galega.

Falamos, a continuación, despois doutro bocadiño de música, con ARANCHA NOGUEIRA GOMEZ,  que tamén felicitamos e parabenizamos por ter acadado o Premio de aRitmar galiza e portugal, polo seu poema, xunto coa poetisa portuguesa María Isabel Fidalgo. Falounos do seu ultimo traballo "Antese" e tamén da súa etapa creativa e poética, xunto cos seus proxectos. Tamén nos comenta a súa situación actual un tanto delicada e desexámoslle que pronto se recupere e volva á situación normal para cumplir ese seu desexo de escribir e publicar eso que nos comenta adicado aos cativos. Desexámoslle que acade moita sorte e moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro ano.

 

¡QUE TEÑAN UNHA FELICES FESTAS NADALENCAS E UN FEITICEIRO ANINOVO 2024!