jueves, 23 de abril de 2026

XOVES 23 de ABRIL do 2026

Un xoves máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado da tarde: ALBERTO MOSKA ROCK, da Sala Rebullón en Mos. Tal e como indican na súa propia páxina web, pertence ao Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas, pertiño de Vigo. É un espazo coñecido pola súa estupenda sonoridade, deseño e sobre todo, moi coñecida polos seus concertos e espectáculos. Precisamente nos comenta as próximas celebracións e ofertas musicais: mañá venres, Lorelia e As Pias, para sábado M.J.Pérez, Bouba e Crúa e para domingo Antía Muiño. Tamén nos comenta que teñen pasado por esa sala moitos artistas de relevancia e tamén tiveron varias actuacións teatrais. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle que teñan moitos éxitos.

A seguinte conversa-entrevista é co Cociñeiro Chef do Baleario Caldaria en Lobios DOMINGO GONZÁLEZ LORENZO. Parabenizámolo pola elaboración recente dun prato elaborado con produtos de proximidade e moi especialmente unha ensalada: Ensalada de perdiz con piña caramelizada, trigo sarraceno ao curri, con vinagreta de castañas e sorbete de gin tonic. É unha colaboración coa Asociación Galega das Castañas e dos Soutos. Coméntanos o seu traballo de acondicionamento e alimento para a boa crianza das perdices, no Tecor de caza de Lobios. E falamos da necesidade de reclamar que se prolongue a estrada autovía G-31 ata chegar á fronteira con Portugal, o máis axiña posible, para beneficio de tódolos habitantes da Baixa Limia. Agradecémoslle a súa colaboración.

Recibimos a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que está dividida en tres apartados cheos de novidades e contidos moi interesantes.

Eloy, Pablo e Antía
A última entrevista é con PABLO CASTRO, un dos compoñentes do Grupo de música ALANA, da que vimos escoitando varias pezas e interpretacións ao longo do programa de hoxe. Felicitámolo por ese traballo que acaban de publicar e que leva por título "Un saber". O Grupo creouse no ano dous mil dezasete e está composto por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. Xa teñen recibido algúns premios de relevancia e actuaron en diversos lugares emblemáticos, como no Festival Internacional do Mundo Celta en Ortigueira, así como tamén foron elexidos para participar no Festival Interceltique de Lorient ou no Terra Fest de Genève. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Desvelamos o Bulo que nos quixo "colar" o noso correspondente Xosé Manuel: non era certa a presentación literaria. E aproveitamos a música para despedirnos ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.



No hay comentarios:

Publicar un comentario