jueves, 30 de mayo de 2024

XOVES 30 de MAIO do 2024

Sentimos moitísimo non poder ofrecerlles o programa deste xoves. A ausencia do noso técnico impediu que puidéramos emitir o programa deste xoves. Tentaremos compensarlles esta omisión cun programa cheo de engado e moitas cousas interesantes na vindeira ocasión.

 ¡Pedímoslles disculpas! 

Desexamos que se conecten o vindeiro xoves á mesma hora: de 4 (catro) a 6 (seis) da tarde. ¡Que teñan unha feliz semana.

jueves, 23 de mayo de 2024

XOVES 23 de MAIO do 2024

Unha semana máis con todos vosoutros. Disculpamos a ausencia do noso compañeiro Armando Fernández, que se atopa un pouco delicado e hoxe tentarei levar adiante o programa coa máxima humildade e atención, tentando que poidan disfrutar dunha emisión agradable. Despois da nosa sintonía de sempre e as salutacións oportunas, escoitamos unha peza de música para recibir ao primeiro convidado: RAFA AGUIAR, de Radio Monforte, con quen mantemos unha conversa moi agradable chea de información e novidades moi interesantes relacionadas coa súa emisión radiofónica moi persoal, de proximidade, rural e chea de contidos. Agradecémoslle a súa colaboración e aportación de hoxe.

A segunda intervención é a do enólogo XURXO AMOEDO, propietario do Furancho "O Tarrastal" en Redondela. Fálanos dese establecemento singular situado na rúa do Tarrastal nº 33 na parroquia de Reboreda en Redondela. Ofrece tres clases de viño plurivarietaison tres variedades escepcionais de colleita propia, Albariño fresco, tinto suave e unha mestura clásica moi gustosa. Tamén nos comenta que ultimamente tamén ofrece un clarete que ten moita demanda. A súa teima é poder establecer unha adega propia. Os pratos de degustación son verdadeiras especialidades familiares adubiadas pola escelente cociñeira Luchi. Abrirán o establecemento este mesmo venres próximo, e poderanse degustar os chourizos da casa fritidos, a empanada de millo con xoubiñas, orella galega fritida con alliño, a tortilla cuadrada e algunha novidade e sorpresa seguro que tamén haberá. Desexámoslle que teña moito éxito.

Continuamos a emisión conectando con DON DIONISIO PEREIRA, Historiador, Investigador e Economista, que nos fala da próxima celebración dunha homenaxe ao guerrilleiro antifascista Alfredo Yáñez "O Aguirre", e á comunidade de Sernande (Vinhais-Portugal) e A Gudiña (Ourense), o vindeiro sábado día 25. Queren manter viva a reflexión sobre a resistencia antifranquista e a solidariedade transfronteiriza naquela zona da "Raia Seca", durante un dos períodos máis oscuros da historia recente da península. Proxectarase o documental: "A menina que via homes encadeados", que recolle testemuñas de perto de trescentos presos políticos que realizaron traballos forzados na construcción do camiño de ferro entre Zamora e Ourense, moi concretamente nos túneles do Padornelo e os campos de concentración de Lubián e Requejo. Agradecémoslle a súa participación.

Recibimos agora a don ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ, Profesor, Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, Presidente da Fundación Manuel María en Outeiro de Rei. Coméntanos as diferentes actividades que están a realizar, presentación de libros, concertos musicais, convocatoria de concursos (o IIIº Concurso Manuel María de composicións musicais), o VII Concurso de videopoemas, o clube de lectura, exposicións, audios, videos... etcétera. Amósanos moi detalladamente a grandísima e extensísima documentación que posúe a Casa-Museo de Manuel María, toda catalogada e que se pode consultar gratuitamente. Libros da biblioteca, cartas escritas por el e cartas recibidas de escritores e grandes personaxes galegos, portugueses e outros. Esta primeira conversa-entrevista coidamos que será o comezo de moitas máis que continuaremos en vindeiras datas para coñecer máis polo miúdo este grande legado de Manuel María. Agradecémoslle a súa amable atención.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 16 de mayo de 2024

XOVES 16 de MAIO do 2024

Outro xoves máis, víspera das "Letras Galegas-2024", comezamos a emisión, unha vez máis con todos vosoutros. Despois da sintonía, das salutacións e escoitar un bocadiño de música, poñémonos en contacto con FELIPE LUBIÁN LUBIÁN, Ilmo.Sr. Alcalde de Lubián. Felicitámolo por estar elixido para que se lle conceda o bastón de mando e ser nomeado "Xuíz do Couto Mixto-2024". Mantemos unha conversa moi interesante, chea de informacións diversas e moito ensino, relacionado con varias actividades e eventos nos que participará como ponente, así como tamén outros actos de certa relevancia que nos describe con moita precisión. Desexamnos que siga nesa liña cultural chea de engado, e agradecémoslle a súa amable atención. Seguiremos en contacto.

A segunda participación é a do escritor MANUEL VÁZQUEZ, que ven de publicar a súa novela titulada: "O pracer da chuvia". Felicitámolo e cóntanos cómo foi a creación deste libro, quen lle fixo o prólogo, cómo chegou á publicación na Editorial Medulia. Tamén nos informa da publicación doutro libriño de poemas, e que está a traballar para poder publicar outra novela. Xa leva máis dun ano presentado ese traballo por moitas localidades galegas, e séntese satisfeito e moi contento coa recepción que recibe. Nosoutros ofrecémoslle poder presentalo na Asociación Rosalía de Castro, si se atreve a visitarnos. Desexamos que teña moitos éxitos.

Continuamos a programación poñendonos en contacto con DAVID SIMÓN LORDA, da Asociación "Amigos da República" en Ourense, que teñen previsto a celebración de: "A Raia Seca Solidaria", cunha homenaxe ao guerrilleiro antifascista Alfredo Yáñez, "O Aguirre", e á comunidade de Sernande (Vinhais). Pon en valor os traballos e documentacións que aportan don Dionisio Pereira e dona Lorena Varela, grandes investigadores. Os actos terán lugar na comunidade de Sernande (Portugal) e A Gudiña (Ourense) durante o día 25 de maio vindeiro, dende pola mañá ata ven entrada a noitiña. Desexamos que teñan moito éxito.

A seguinte comunicación-conversa é con MANUEL DO JUANO, un gaiteiro de A Fonsagrada, que tivo moita e grande participación musical en varias Asociacións Galegas, aquí e Cataluña, e que dende que está en San Martín (A Fonsagrada) publicou un libro-CD onde recolle a interpretación de vinteseis pezas musicais "un pedacín do noso patrimonio inmaterial, auténtica cultura oral e musical da Fonsagrada recollida nas páxinas deste libro". Así o describe algún dos seus incondicionais seguidores e admiradores, que nosoutros suscribimos, claro. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe.

Para finalizar damos lectura a un poema de "Luisa Villalta", como unha humilde participación no día das "Letras Galegas-2024": "Pensar é escuro". E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora, desexando que teñan unha feliz semana. Tamen aproveitamos para publicar a "Viñeta" que nos mandou o noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F.Montes, unha fermosa representación de Luisa Villalta, coa que homenaxeamos a celebración desta Festa Anual Galega, e que desexamos que se poida disfrutar tódolos día do ano.

Deixamos aquí o programa enteiro.

jueves, 9 de mayo de 2024

XOVES 9 DE MAIO DO 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre, dándolles ás benvindas e salutacións para tódolos nosos oíntes e seguidores e ofrecéndolles unha peza musical para recibir ao primeiro convidado, Alvaro Voces, Presidente da "Escola de Gaitas TOXOS E XESTAS" de Barcelona. Agradecémoslle a súa participación de hoxe. Falamos da grande celebración que fixeron o mes de marzo pasado, o "Primeiro encontro do Día da Gaita", xunto coa exposición de gaitas, e cornamusas (Historia das civilizacións) que aínda se pode visitar, no seu local, a participación en Santa Coloma de Gramenet, a próxima esta fin de semana en Lleida, a das Letras Galegas-2024 en Barcelona o día 18, na Asociación de veciños do barrio onde teñen a Sede Social, a da "Festa Galega de Can Mercader" de Cornellà, en Mollet, En Rubí... ... moitas colaboracións con diversas Entidades Galegas en Cataluña. Desexamos que teñan moito éxito.

Escoitamos outra peza de música e recibimos a RAQUEL FERNÁNDEZ, Presidenta da Asociación Cultural OS TORGUEIROS, en A Gudiña. Conversamos con ela e recibimos cumprimda información das diversas actuacións e actividades que teñen previsto realizar próximamente. Algunhas relacionadas coa Memoria Histórica (A Pasionaria Galega-Anuncia), outras de irmanamento Cultural Galego-Lusófano, "A Raia Seca Solidaria", Roteiros con motivo das "Letras Galegas 2024",  celebración festeira: "IV Frasca do Terrón" prevista para o día un de xuño, con baile música das pandereteiras e moitas cousas máis. Desexamos que teñan moito éxito.


Recibimos a crónica do noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección "Quen che preguntou?". Faina a través dos "Me ghustan e Desghústanme" que conteñen as informacións escollidas para todos. Finaliza coa lectura das súas anotacións na "libretiña pequena" que son pílulas enxebres, con retranca e moi ben acaídas.

Conectamos despois con RUBÉN DE LLANOS ESPINOSO, da A.C.G. Agarimos de Badalona, que nos fala da "XXVI Festa-Xornada Cultural" prevista para esta mesma Fin de semana, á que convida a tódolos nosos oíntes e seguidores, cun apretado calendario de actuacións e participación da Banda de Agarimos e doutras Asociacións, contando coa actuación do Grupo "Os Carunchos" de Galicia. Haberá Queimada galega para os asistentes. Desexamos que teñan moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo

jueves, 2 de mayo de 2024

XOVES 2 de MAIO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre. Saudamos e escoitamos o trailer da película "+CUÑADOS" para recibir ao actor, guionista e monologuista FEDERICO PÉREZ REY, a que felicitamos e agradecemos a súa participación nonoso programa de hoxe. Esta película foi estreada o día dezanove de abril pasado e está a ter unha moi boa acollida. Coméntanos algunhas cousas relacionadas coa realización da película, que considera unha segunda parte do filme "Cuñados" primeiro, cos mesmos intérpretes, o entroido, a ourensanía, con viño e polbo. Tamén nos comenta a súa participación no "Era visto" e a próxima actuación teatral en Camariñas, concretamente esta fin de semana, catro de abril na Discoteca Jaleo, compartindo con Marcos Pereiro o espectáculo "Tristes". Desexamos que teñan moitos éxitos.

A segunda convidada é MARÍA VÁZQUEZ, Actriz galega de grande proxección e prestixio interpretativo, polo que xa ten recibido unha presa de Premios moi importantes e de moito recoñecemento, como o que lle entregaron recentemente en Málaga "Biznaga de ouro á mellor actriz polo seu traballo en MATRIA". Mantemos unha conversa moi agradable e distendida, na que nos explica que pronto se presentarán outras películas e traballos nos que estivo moi involucrada, así como a película de "+Cuñados", xunto con Federico e Touriñan. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


Conectamos con XOSÉ CANOSA, Presidente da Asociación Cultural Galega "Airiños da Nosa Galicia" de Santa Coloma de Gramenet, que están a celebrar o seu 41 aniversario coa proposta de actuacións festivas durante os días 1,2,3, 4 e 5 de maio, no Parc Europa de Santa Coloma. Coméntanos as diferentes actividades que se comezaron a realizar no día de onte e que continúan hoxe coa grande "mexilloada", gratuita pero con consumición mínima, propoñendo a degustación do viño da "Adega Tapias de Mariñan" dos irmáns Blanco en Verin. Mañá grandes actuacións musicais xunto coa exposicion e mostra do "Camiño de Sant Jaume", o sábado máis actuacións de Asociacións Galegas e outras da propia localidade, e finalizan o domingo, despois de novas actuacións musicais, sesión vermut e verbena despedíndose e clasurando este evento repartindo unha gran queimada gratuita para tódolos asistentes.

Recibimos a crónica do noso correspodente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que é unha selección de informacións escollidas mediante o seus Me ghustan e Disghústanme diferentes. Tamén nos recomenda a visita a unha das celebracións festivas moi interesante: "A Ruta dos Fornos de Celavente", prevista para esta fin de semana. E finaliza coas súas anotacións da "libretiña pequena" que nesta ocasión teñen moito a ver coa fraseoloxía e un chisteciño.

Falamos, a continuación con MANUEL RAJO, Presidente da Fundación ARA SOLIS, que ten como obxectivo fundamental a defensa dos Dereitos Humanos, axuda a países en vías de desenvolvemento, a acadar un desenrolo sostible, a temas culturais e de información en xeral. Recentemente puxeron en marcha unhas charlas, no clube de debate, moi interesantes: "Reflexións sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos" (DUDH), no que tiveron de poñentes ao Catedrático Dtr.Alberto Arufe e o Dtr. Xosé Manuel Carril. Posiblemente repetiran estas intervencións e outras relacionadas co Oriente Medio. Agradecémoslle a participación no programa de hoxe.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora

Deixamos aquí o programa completo.