jueves, 21 de noviembre de 2024

XOVES 21 de NOVEMBRO do 2024

Outra entrega máis deste noso programa "Galegos no BAIX", con desexos de aprender e que pasen dúas horas de Radio en Galego, cheas de información, música e novidades interesantes. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir á primeira convidada, SONIA MELÓN PARENTE, poeta en Ponteareas. Parabenizámola polos traballos que está a realizar, moi relacionados coa poesía, concretamente a participación en Lugo nun Recital Poético cos "Nabos de Gracián" o día nove de novembro pasado. Hoxe mesmo participará noutro "Recital Poético Musical" na Sala Multiusos do Auditorio Municipal R.Soutullo. Antes de despedirse agasállanos coa lectura dun seu poema. ¡Moitas grazas e moitos éxitos Sonia!

A segunda convidada é SILVIA PENAS ESTÉVEZ, escritora e poeta viguesa, a quen felicitamos porque mañá mesmo, na Gala que se celebrará no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) vai a recibir o Premio á Mellor composición poética Galega do ano. Mantemos unha conversación con ela, chea de ensino e aprendendo moito do seu quefacer creativo poético-musical. Agradecémoslle a súa participacion no programa de hoxe e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Continuamos a emisión e poñémonos en contacto con ILDA GÓMEZ, da Queixería DIQUEIXA.com en Monterroso. Unha explotación queixeira de moito prestixio con Denominación de Orixe Protexida con respecto ao queixo Arzúa-Ulloa. Coméntanos a elaboración dos queixos que ofrecen e que se poden mercar en diversos establecementos e tamén se lle poden demandar na súa páxina web. Agradecémoslle que nos atendera tan amablemente e desexamos que continúen nese labor tan importante para a alimentación.

Conectamos novamente con Galicia, para falar con FABIO RIVAS PARDO, un escritor pontevedrés que está a ter unha relevancia actual moi recoñecida. Ven de publicar un libro de relatos "A pintura debida" que como nos explica "son oito relatos enfiados entre sí, pero que ao mesmo tempo compoñen un único magma". Está editado por Xerais. Falamos da súa traxectoria creativa e dalgún Premio acadado, como o II Certame de Relato Curto en Igualdade Lonxa Literaria-Concello de Moaña, por "Os gatos pardos",  e gañador do Certame de Relatos convocado pola Sociedade Liceo de Noia, por A mortalla e os ourizos. Felicitámolo e desexamos que siga acadando moito éxitos.

Tamén comentamos algunhas cousas referentes á presentación do libro: "Certame de Poesía ROSALÍA DE CASTRO (2019-2023)" que se realizará o próximo día 29 de novembro ás 16h no CULTURGAL-2024, en Pontevedra, coa asistencia do Vicepresidente da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà (Alfonso Rico), Valentín García, Secreatrio Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Armando Requeixo, e un servidor. Seguramente contaremos coa presencia dalgún dos poetas premiados. Tamén falamos dalgúns Discos musicais (CD) publicados este ano 2024, e que temos en carteira poder ofrecérllelo aos nosos oíntes e seguidores, xunto con algunha que outra entrevista dos seus autores. Despedímonos ate o vindeiro xoves.

Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 14 de noviembre de 2024

XOVES 14 de NOVEMBROdo 2024

Unha nova entrega do noso programiña, tentando facerlles agradable estas dúas horas de Radio en Galego. Felicitándonos polos cen anos da Radio. Escoitamos a nosa sintonía de sempre, saudamos a tódolos nosos escoitantes e seguidores. Escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto con XAIME VARELA SIEIRO, Profesor, Investigador e Lincenciado en Filoloxía, con quen mantemos unha conversa moi interesante sobre unha muller cineasta galega un tanto esquecida: CRUZ MARTÍNEZ-RISCO. Acaba de presentar un traballo de investigación sobre ela, na Universidade de Santiago de Compostela. Coméntanos curiosidades e minuciosidades relacionadas con esa noticia tan interesante. Agradecémoslle a súa amable atención.


O segundo convidado no programa de hoxe é MARIO DIZ OTERO, Músico Director da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela.  É Doutor en Educación, Profesor de Didáctica de Expresión Musical.  Fálanos da súa traxectoria musical e compositora. Mantemos unha conversa moi interesante sobre algunhas das composicións que ten publicado. Tamén nos fala destrea e gravavión da laureada mezzosoprano Nuria Lorenzo coa suite de nanas "Tódolos Nenos Soñan" para formación de Mezzo,Viola e Arpa. Tamén destaca a publicación da metodoloxía Mi primer Violín, para a iniciación, que inclúe máis de vinte pezas compostas expresamente para este obxectivo. Agradecémoslle a súa participación de hoxe no programa.

Conectamos co noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, para recibir a súa participación na sección QUEN CHE PREGUNTOU? que como xa saben tódolos nosos escoitantes e seguidores, está dividida e varias sub-seccións: O Bule-Bulo (varias noticias nas que unha delas é un "bulo", que termos que tentar de descubrir), Que pasa que pasa na Ribeira Sacra (recolleita de noticias específicas daquela contorna), Sabedoría Popular e a colaboración dun artista, que nesta ocasión é nada menos que LIDIA VEIGA. Sempre é un pracer e unha honra ter a colaboración de Xosé Manuel.
 

Recibimos, a continuación, coa música de fondo que leva por título "Morena" a ADRIÁN MÉNDEZ FERNÁNDEZ, músico compoñente do Grupo Musical "DE NINGHURES", que próximamente recibirán o Premio da Música e da Poesía Galego-Portuguesas aRi(t)mar-Galiza e Portugal na Gala que se celebrará no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela o día vintedous de novembro. Fálanos das súas creacións musicais, das actuacións que realizaron estes meses atrás e das que teñen previsto par próximas datas. Tamén nos comenta a posibilidade que teñen os nosos escoitantes de acceder ás distintas plataformas dixitais para disfrutar da súa música. Anúncianos que pronto teremos unha nova composición, que posiblemente estrenarán na Gala da entrega do Premio. Desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.


Despedímonos desexando que teñan unha feliz semana.

Deixamos aquí o programa enteiro-completo. Lembrámoslles que se reemite este programa en Radio FENE, mañá mesmo, venres, a partir das 15 horas.

jueves, 7 de noviembre de 2024

XOVES 7 de NOVEMBRO do 2024

Novamente con todos vosoutros para ofrecervos dúas horas de Radio en Galego. Hoxe con novidades interesantes e coa visita, nos estudios dun convidado especial: GUSTAVO PINO SALGADO, que ven acompañado da súa esposa SALOMÉ MOURE. Escoitamos un bocadiño de música, coma sempre e deseguida comezamos a conversa-entrevista cos dous participantes no programa de hoxe. Diante de nada quero disculpar a ausencia do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, que hoxe non pode acompañernos por sentirse indisposto. Desexamos que se repoña pronto. Pois eso, comezamos a nosa entrevista con Gustavo, que desenvolveu o seu traballo profisional no mundo da electrónica, e tamén no ambente xurista. Agora xubilado, pero xa nos finais do seu emprego laboral xa comezou a escribir e publicar algún dos seus libros. Fálanos da súa traxectoria literaria creativa, e comenta que grazas á súa dona ten publicado nada menos que máis de oito libros.

 

A segunda parte do programa de hoxe realizámola conectando coa nosa amiga e premiada etnógrafa MERCEDES VÁZQUEZ SAAVEDRA, tamén escritora e fotógrafa documentalista. Parabenizámola porque está a facer varias exposicións moi interesantes, moi en concreto a "Traballos do Campo", que se trasladará o día 16 de novembro próximo, ao Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira. Coméntanos que esas fotografías son parte da súa colección persoal e documentación que ten recollido de moitos traballos que se realizaban nas nosas aldeas e lugares rurais, hoxe xa case desaparecidos. Tamén nos comenta outras exposicións fotográficas realizadas, como a das Mulleres ou a das Máscaras e a dos Entroidos. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que siga acadando moitos éxitos.


Continuamos a conversa-entrevista con GUSTAVO PINO SALGADO, que nos siga comentando cómo fai ese traballo de escrita e creatividade literaria, poñendo en valor a aportación e axuda de corrección comentada e moi específica de SALOMÉ, un complemento lector e moi atinado. A súa dona confésanos que é unha lectora incansable e asegura que a súa teima é participar, na medida das súas posibilidades, para que a publicación teña unha boa trama lectora. Eles mesmos afirman que por veces chegan a discutir para chegar a un acordo antes de completar a escrita dalgún texto, pero que sempre chegan a bon fin. Fainos unha lectura da sinopse relacionada coa súa última publicación: PIPA GULETA.

Despois de escoitar outro bocadiños de música poñémonos en contacto con AITOR REI ESTÉVEZ, da Productora Boneca Lareta, en Ourense. Felicitámolo pola recente publicación do documental que leva por título: "A ÚLTIMA VIAXE DO AFIADOR". Un traballo que amosa esa profisión tan interesante e importante para moitos galegos que percorreron o mundo adiante coa roda de afiar a costas. Moitos deles procedentes da zona de Luintra e arredores, como Chandrexa de Queixa e outras localidades próximas. A productora tamén ten publicado outros documentais moi interesantes, que nos comenta, e que se emitiron nas televisións autonómicas de Cataluña, Euskadi, Valencia e a propia Televisión Galega. Agradecémoslle a súa aportación no porgrama de hoxe e prometémonos voltar a comunicarnos para que nos siga informando dos seus proxectos e desexándolle moitos éxitos.

Coa música de fondo que se está emitindo, aproveitamos para despedirnos dos nosos convidados de hoxe e desexarlles a tódolos nosos oíntes e seguidores que volvan a conectarse o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa Enteiro.