jueves, 22 de abril de 2021

XOVES 22 de ABRIL do 2021

Comezamos outra emisión de "Galegos no BAIX" conectando con Galicia para darlle a ben-vida a Margarida Mariño, unha violonchelista galega que nos fala da súa formación, da súa traxectoria musical e dos concertos que realizou e que segue a realizar, da súa creación musical, da participación con grandes músicos e Orquestras... Unha conversa moi interesante. Mágoa que fora tan cativo o tempo que poidemos estar con ela. En vindeiras datas tentaremos que nos volva a recibir e que nos fale de novos proxectos. ¡Moitas Grazas, Margarida!

A segunda intervención é a de XULIO PARDO de NEYRA, doutor en Filoloxía Galega e en Historia Contemporánea, Escritor e Ensaista. Felicitámolo porque está a piques de sair ao prelo unha das súas obras poéticas máis interesantes, con prólogo de Ramón Nicolás (crítico Literario e escritor prestixioso). Ten outras obras publicadas, de ensaio pero tamén nos fala doutra obra que sairá publicada en Galaxia, concretamente unha novela baseada en feitos reais, que leva por título "A monxa e o Grumete". Desexámolle moitos éxitos. Seguramente voltaremos conectar con el para falar da súa presentación.

Continuamos a segunda hora conectamos co noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes. Encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que desenvolve cos seus "Me Ghustan e Desghústanme" para abordar as noticias máis salientabeis que el escolle. No apartado de caralladas ten recollidas algunhas frases moi interesantes con certa retranca e moi ilustrativas. Como sempre envíanos a súa "viñeta" relacionada con algunha parte que estivo presente no programa de hoxe e que compartimos aquí con todos os nosos oíntes e seguidores.

E para finalizar conectamos con Cerdedo, onde reside a nosa poeta AMALIA DÍAZ RODRÍGUEZ. Mantemos unha conversa moi amena que nos descubre unha creadora que non só escribe poesía, senón que tamén procura outra faceta creativa, adícase á pintura. Agasállanos coa lectura de dous poemas seus, que lle agradecemos moi cordialmente. Noutra ocasión dedicarémoslle máis espazo na nosa emisión, posto que a conversa de hoxe fíxosenos moi curta.

Aquí poñemos o audio do programa enteiro. 

Que teñan unha feliz semana.


No hay comentarios:

Publicar un comentario