Outro xoves máis con todos vosoutros. A nosa sintonía serve para darlles a ben-vinda e saudarvos para ofrecervos unha primeira peza musical e aproveitar mentres tanto para conectar con Galicia e conectar con SOLE, Guía de Turismo en O BOLO. Coñecedora de moitas curiosidades e cousas interesantes daquela contorna, e moi especialmente do Santuario das Ermidas, que veñen de celebrar unha obra teatral que recuperaron este mesmo ano precisamente o día de Reis. Unha compañía de teatro de Ourense foi a que se encargou da súa interpretación, cos textos que recolleron dos veciños. Fálanos das moitas posibilidades das que se pode disfrutar, da fermosa paisaxe, dos sendeiros que están a recuperar, do enoturismo e do patrimonio cultural moi abondoso. Agradecémoslle a súa amable atención.

Aproveitamos estes minutiños para informar da próxima celebración do "XXI FESTIVAL DEL BOTILLO-2025", que organiza a Asociación de Bercianos en Cataluña (ASOBEAT), previsto para o día 16 de febreiro a partir das 12h, no Hotel Front Air Congress de Sant Boi. Temos previsto entrevistar a unha das familiares das "Bercianas ilustres, a título póstumo" deste ano, que son dona Aurora Rodríguez e dona Silvia Nogaledo (tristemente asesinadas). No apartado de Premio Literario Asobecat-2025, concederáselle a don Miguel Angel Revilla, e o Concello homenaxeado será Camponaraya. A Adega que regará os produtos servidos no xantar é "Cuatro Pasos". Agradecémoslle a Juan Pedro, o Presidente de ASOBECAT, a súa participación e información precisa.

A segunda convidada é
MARTA DELGADO GONZÁLEZ, de GROU, grande traballadora e recuperadora da tradición e moi especialmente do "Entroido de Lobios", moi representado polos
"Follateiros" que ela mesmo axuda a confeccionar e precisamente veñen de facer unha intervención no Museo do Entroido en Xinzo da Limia, para poñer en valor esa faceta popular tan interesante. Fálanos dos moitos e interesantes aspectos que se poden disfrutar naquela contorna do Xurés e do seu entorno, inclída a "Raia" con Portugal e o Castro Leboreiro. A paisaxe, a fauna a flora, incluído o Lirio do Xurés (planta endémica única naquela zona). Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.
A segunda hora comezámola conectando co noso correspondente, XOSÉ MANUEL F. MONTES, na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos. Encargado da sección: QUEN CHE PREGUNTOU?, que xa sabedes está dividida en tres sub-seccións precedidas dunha musiquiña. Despide a súa intervención coa participación dun convidado que aporta a súa suxerencia sobre unha frase popular interesante. Agradecémoslle a súa aportación tan interesante.

Despois falamos con
RUBÉN TROITIÑO, encargado da páxina
musicasdaterrademontes. Un grande investigador e difusor dese traballo que recolle todo o relacionado cos músicos e todo o que rodea ese tema das Músicas das Terras de Montes. Fálanos de Avelino Cachafeiro e dos compoñentes do Grupo Musical "Gaiteiros de Soutelo de Montes". Ten a particularidade de que esta páxina está aberta a toda a participación dos interesados. Tamén nos comenta que recibiu recentemente unha documentación, que ao parecer corresponde á letra da peza musical "A Muiñeira de Chantada". E despedímonos escoitando a mesma peza "Muiñeira de Chantada" interpretada por Ricardo Portela. ¡Que teñan unha feliz semana!
Deixamos aquí o programa completo-enteiro.