Un xoves máis con todos vosoutros. Aledámonos da presencia nos estudios do noso compañeiro
ARMANDO FERNÁNDEZ LÓPEZ, sinal de que xa está bastante recuperado e poderá acompañarnos en directo, como viña sendo habitual. Desexámoslle unha completa recuperación. Comezamos coa nosa sintonía de sempre. As salutacións e escoitamos unha peciña de música para poñernos en contacto co grande amigo
MANUEL RIVERO PÉREZ, investigador, escritor e experimentado coñecedor da Baixa Limia. Felicitámoslle a aninovo e tamén o parabenizamos pola recente presentación do libro de Aurora Sampedro e, tamén pola próxima publicación doutro libro adicado a María das Dores Darribe Dopico, outra grande muller galega. Falamos un bocadiño das súas investigacións, do seu traballo recente e da súa teima por publicar a documentación do finado Xosé Lamela Bautista. Agradecémoslle a súa amable atención.
A segunda intervención é con
"TATÁN CUNHA" Eduardo Alberto Rodríguez Cunha, de
Tanxarina Títeres. Outro grande artista que nos comunica a próxima estrea da función
"TERRITORIOS DE LIBERDADE", que se realizará o vindeiro 17 de xaneiro en Arteixo. Dirixida por Quico Cadaval e na que participarán a
Companhia Portuguesa "Certa de Varazim Teatro" e "Tanxarina Títeres". Felicitámolo, pola parte que lle toca e tamén pola próxima estrea da película filmada na Illa de San Simón, na que el mesmo participa como actor en memoria de seu avó, segundo nos comenta. Precisamente lémbranos que recentemente foi recoñecida a Illa de San Simón como Lugar da Memoria Democrática, algo que viñan reclamando dende fai un tempo moitos colectivos galegos. Tamén nos fala da asistencia mañá mesmo na presentación do libro de Carlos Labraña: "A biblioteca galáctica contra a IA Fantástica". Desexamos que teñan moito éxito e comprometémonos para entrevistar a este escritor e poeta admirado.
Continuamos a segunda hora conectando co noso correspondente na Ribeira Sacra, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección "Quen che preguntou?", que está sub-dividida en tres seccións: "o bule-bulo" con seis noticias entre as que el nos propón adiviñar cal é a que pode ser mentira (bulo). A segunda "Que pasa, que pasa na Ribeira Sacra", unha rápida exposición de novidades da propia contorna e a terceira "sabedoría popular", retazos que ten recollidos na súa "libretiña pequena". Todo elo precedido dunha música axeitada e elixida por el mesmo, para darlle un toque persoal. E finaliza coa participación dun convidado que el mesmo escolle e proponlle que interveña. Nesta ocasión trátase de Rafa Aguiar. Agradecémoslle a fermosa crónica de hoxe.
Escoitamos unha peza de música (San Benitiño) do REAL CORO DE TOXOS E FROLES, de Ferrol, para recibir ao seu Presidente: ARTURO LAMAS BRAÑA. Felicitámolo porque próximamente celebrarán o cento dez aniversario da súa fundación e con tal motivo realizarán unha actuación no Teatro Jofre de Ferrol: "Festival 110 Anos Cantando", concretamente o día 25 de xaneiro próximo, no que contarán coa presencia do Presidente da Real Academia Galega, don Victor Friexanes e a participación do Grupo de Cantareiras da A.C. Xacarandaina, xunto co Grupo de Cantareiras "Gradaille" do Real Coro Toxos e Froles. Tivemos un pequeno atranco na comunicación e retomámola despois, pero para despedirnos escoitamos a peza "Alalá de Pantin" interpretada precisamente por Arturo. Desexámoslles moitos éxitos e voltaremos a conectar noutra ocasión con eles.
Despedímonos de tódolos nosos oíntes e seguidores ate o vindeiro xoves á mesma hora.
Deixamos aquí o programa completo-enteiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario