jueves, 4 de noviembre de 2021

XOVES 04 de NOVEMBRO do 2021

Comezamos unha nova emisión de "Galegos no BAIX!", dándolles a Ben-vinda e escoitando un bocadiño de música para darlle paso á comunicación con Mon Devane, Artista Urbano, un grande diseñador, pintor e muralista galego, nado en Ourense, con quen tratamos de descubrir algunhas das súas fermosas obras espalladas polas xeografía galega, e moi concretamente na Baixa Limia. Fálanos da súa obra que el mesmo define como fotorealismo monocromático. Ven de realizar unha exposición -Las Estrellas del Camino-  moi interesante e importante xa que recibiu o "Premio Eficacia 2021". Felicitámolo e desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos.

A segunda convidada é Susana Fernández, unha enxeñeira que ten ao seu cargo a realización de dous proxectos moi importantes: dúas Plantas de Biogas, que se porán en marcha nas provincias de Lugo e Ourense. Felicitámola por ese traballo e desexámoslle que teña moito éxito. Tamén nos fala da súa localidade de procedencia, Grou, na que ten varios obxetivos que levar adiante e nos que está a traballar para poder darlle máis oportunidades e mellor calidade aos veciños: A rehabilitación dun edificio no que poderán dispoñer dun espazo para talleres de informática e unha biblioteca. Agradecémoslle a súa amable atención e informacións que serven de aprendizaxe para nosoutros.


Continuamos na segunda hora conectando novamente con Galicia para falarmos con dona Marisol Martínez Mato, a "Chef" do Restaurante "Mar de Ardora". Mágoa non poder estar máis preto para poder achegarnos a esa localidade de Cabana de Bergantiños, onde está localizado ese Restaurante que ademais de ter varios e prestixiosos Premios (como o Tenedor de Ouro do 2002, Prato de Ouro da Gastronomía Española... etc.) tamén está nunha localización privilexiada. Dende o mesmo comedor pódese disfrutar dunhas vistas fermosas e engaiolantes. Fálanos dos menús que se poden degustar, nos que non pode faltar a mellor selección de peixes e mariscos así como os seus saborosos postres caseiros. Agradecémoslle a súa atención e desexámoslles que teñan moitos éxitos.


Finalizamos o programa entrevistando a dona Isabel Chapela Lorenzo, natural de Moaña, bióloga, oceanográfica e escritora que acaba de presentar un libro moi interesante: "Nunca fuimos normales". Trátase dun libro que contén varios relatos relacionados coas propias vivencias da autora. Algo noveladas, pero tentando dar a coñecer aos seus posibles lectores, as peripecias que lle aconteceron nos diversos viaxes-embarques que realizou nos ultimos tempos. Agradecémoslle as súas explicacións e prometémonos voltar a conectar con ela, depois de ler o seu libriño, para seguir comentando cousas del. ¡Moitas grazas, Isabel!


Desexamos que volvan a conectar con nosoutros o vindeiro xoves. Aquí lles deixamos o programa enteiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario