jueves, 11 de enero de 2024

XOVES 11 de XANEIRO do 2024

Comezamos o ano dándolles a benvida coa nosa sintonía de sempre e despois de escoitar un bocadiño de música poñémonos en contacto con GUMER PORTAS LÓPEZ, responsable de comunicación de RADIO LALÍN (Pontevedra). Un novo fichaxe para a nosa emisión, dende Galicia. Agradecémoslle a súa amable atención e recibimos unha colaboración moi interesante, relacionada con variass actividades e actuacións previstas na localidade de Lalín. Fálanos da próxima "Feira do Cocido de Lalín", declarada de Interese Turístico Internacional,  que será a cincuenta e sete edición, que xa se coñece o autor do cartel anunciador -Fernando Pereira, que ademais terá como pregoeira a Yolanda Castaño,  Premio Nacional de Poesía 2023. En vindeiras datas seguro que poderemos ter en antena a algún dos responsables deste evento para poder recibir de primeira man as noticias e actos previstos (eso nos adianta Gumer). Fálanos da entrega de Premios Patrimonio Cultural do Seminario de Estudos do Deza, que será presentado precisamente por Gumer. Agradecémoslle a súa aportación e participación no noso programa de hoxe.

A segunda intervención é unha conversa con  dona MARINA SÁNCHEZ, escritora e poeta ourensana. Recibimos precisamente a súa participación escoitando un conto que ela mesmo nos envióu. Despois entrevistámola-conversamos e falamos da súa traxectoria creativa e poética, das súas intervencións en sendos actos interesantes, no Marcos Valcarcel, no Liceo de Ourense... ... etcétera. A súa creatividade está recollida en moitas publicacións, tanto en revistas como en xornais e nun seu propio canal cultural de comunicación. Ten varios libriños publicados e prometémonos voltar a conectar con ela nunha vindeira ocasión e comprometela para que nos declame algunha das súas poesías. ¡Moitas grazas Marina!

Conectamos agora co lugués LOIS PÉREZ, mestre, escritor, creador e poeta. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe. Compartimos con tódolos nosos oíntes e seguidores o texto que nos facilitou:      "As nenas e os nenos, as crianzas, talvez elas sexan a única 'gloria bendita' que existe sobre a face deste mundo podre e traidor. Desprenden unha ardentía que lles é propia e, a través dese fío que nos pon en contacto co que un día fomos, distinguimos o mellor da condición humana no seu estado esencial: a inocencia, a fraxilidade imprevisíbel, o porvir esperanzado, a ilusión vulnerable, o amor puro onde aínda non intervén o cálculo e onde a probabilidade non importa nada cando se trata de arder de emoción, confiados unicamente a 'ser'. Iso que tantas veces vemos nos ollos dunha crianza e que nos ofrece algo parecido a unha verdade que se nos revela. Por iso, a infancia, si, é a gloria bendita deste mundo. Aí reside toda a forza transformadora que podería cambiar o mundo o día de mañá, a nosa única posibilidade de supervivencia como especie. Pero os que teiman en mandar no mundo cando só son emisarios da nada máis absoluta, teiman en asasinar nenas e nenos, crianzas, a centos, a milleiros. Noutras xeografias ensaian 'superpoderes' para disfrazaren ditaduras onde pagarán os de sempre. E asasinan tamén outro futuro posíbel deste mundo, xa só un soño esgotado, un tesouro baleiro, un eco xordo. Ten razón un bo amigo meu, un irmán, o Martiño, faloume o outro día de que estas son 'datas tramposas'. E si que o son. O espello que nos achegan estes días é máis límpido e transparente ca nunca e enfróntanos a un paradoxo incómodo: a nosa felicidade habita ao carón do horror, ese que se ve alí atrás do espello. E doe porque é unha obriga aproveitarmos a oportunidade de vida que se nos brinda pero case resulta imposíbel preguntarse que lugar habitamos, aboado a toda a atrocidade cruenta e inimaxinábel que desfila diante dos nosos ollos cada día en tempo real. Que xente estraña é esta que nos rodea, que pode envolverse nunha bandeira e agredir a quen non pensa coma ela e, porén, manifesta a súa indiferenza e o desprezo máis absoluto ao infanticidio máis terríbel que a nosa xeración vai contemplar nunca? Saben que van morrer como todos os demais? Saben que eles tamén foron nenos? Ou non saben absolutamente nada? Non senten absolutamente nada? Non soñaron nunca coa marabilla? Cando esqueceron que nada disto lles pertence máis cós outros?  Sabemos que a xustiza, a idea de xustiza, é un valor relativo na medida en que é unha construción abstracta que non ten entidade ningunha máis ca aquela que nós lle damos en cada tempo. Pero poucas veces coma esta precisamos tanto dela e de estarmos dacordo no que significa. Dela depende salvar o noso futuro ou caer dunha vez por todas na barbarie máis absoluta."   Precisamente baseamos a conversa sobre algunhas destas reflexións que nos transmite este escrito tan fermoso e engaiolante.  Desexámoslle feliz ano.

A ultima conexión é con Baldomero Iglesias, máis coñecido como MERO, fundador de "Fuxan o Ventos" e tamén do Grupo folk "A QUENLLA". Falamos con el do seu ultimo traballo publicado: "Na Lírica emoción". Un CD con 12 pezas dedicadas íntegramente ao poeta e escritor AVELINO DÍAZ, exiliado en Bos Aires, que sempre mostrou o seu posicionamento claro contra a dictadura, contruíu país dende a diáspora e deixou un intenso traballo.  Cóntanos cousas moi interesantes deste seu traballo e prometémonos adquirilo para poder compartilo con tódolos nosos oíntes e seguidores. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que sigan acadando moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa completo.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario