jueves, 27 de marzo de 2025

XOVES 27 de MARZO do 2025

Outro programa máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas, un bocadiño de música e poñémonos en contacto con EDUARDO, o responsable do "Restaurante AGARIMOS" de Badalona. Saudámolo e felicitámolo porque está a ofrecer, dende hai un tempo, os venres como prato estrela o Cocido Galego. Coméntanos que está a ter unha grande afluencia e reservas importantes. Tamén ofrece un Menú diário con catro pratos de primeiro e catro de segundo, con postre, bebida e café. Outro dos pratos moi solicitado, é o "bacallao", posto que sendo el de procedencia portuguesa, concretamente de Oporto, xunto coa súa dona (grande cociñeira e reposteira) elaboran tres modalidades de bacallao que son moi solicitadas. Agradecémoslle a súa atención e desexamos que sigan colleitando moito éxito.

A segunda convidada é PALOMA RAMOS, que elabora embutidos artesáns de grande Calidade, sendo a súa especialidade as "Androllas de Liñares": "Embutidos Paloma Ramos",  que este ano participou e ofreceu os seus produtos, por catorce ano consecutivo na Feira de Navia de Suarna. Sempre nos recibe moi amablemente. O seu traballo artesanal compleméntase co afumado dos seus produtos, elaborados de forma tradicional. É unha honra poder contar coa súa participación no noso programa.
 

Recibimos, a continuación a NADIA VÁZQUEZ, Gaiteira de grande prestixio, a quen parabenizamos polo seu traballo musical tan importante. Mantemos con ela unha conversa moi distendida e interesante, mediante a que nos dá a coñecer algo máis da súa traxectoria creativa e interpretativa, especialmente a da Musette, que como ela mesmo nos puntualiza, é a única muller gaiteira que fixo un Concerto na Catedral de Tui dando a coñecer ese instrumento medieval. Desexamos que teña moito éxito na súa andaina musical e pronto voltaremos a conectar con ela para que nos fale dos seus vindeiros traballos.

Na segunda hora conectamos co noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, que dende Monforte de Lemos nos fai unha crónica moi ben argallada. Encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?, que subdivide en tres apartados moi elaborados, precedidos dunha música moi axeitada. Agradecémoslle a súa atención e dedicación, que complementa a nosa emisión cun contido informativo e cultural moi importante.

Despois falamos co Ilmo.Sr. Alcalde do Concello de Quiroga, don XOSÉ LUÍS RIVERO CASTRO, que nos fala da "25 Mostra do Aceite de Quiroga", prevista para os días 29 e 30 de marzo próximos. Todo un acontecemento declarado como "Festa de Interese Turístico". Terán unha serie de actos moi importantes con participacións de "chefs" de Restaurantes de recoñecido prestixio, colleiteiros de aceite que amosarán os seus aceites, demostración da elaboración tradicional do aceite, e postos de venda de produtos. Tamén haberá actuacións musicais de interese tradicional e popular. Desexamos que teñan moito éxito e agradecémoslle a súa amable atención. Aproveitamos para despedirnos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.

jueves, 20 de marzo de 2025

XOVES 20 de MARZO do 2025

Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" de cada xoves, coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música das "TANXEDORAS". Precisamente con esta música de fondo recibimos a LENI PÉREZ, unha das fundadoras e partícipe dese Grupo de Música Tradicional Galego, que nos recibe moi amablemente. Cóntanos que están a preparar unha nova posta en marcha do seu Grupo musical. Tamén nos comenta a celebración dun Festival Musical que organizou e puxo en marcha: "Bembibre En Pé", que contou con moitos participantes e colaboradores, para reivindicar que non pase pola súa localidade unha estrada que teñen previsto poñer en marcha. Desexámoslle moitos éxitos na súa andaina.
 

Seguimos escoitando a música de "Tanxedoras" e poñémonos en contacto con RODRIGO COSTOYA, Profesor e escritor, que ven de publicar un seu último libro que leva por título: "O SÉCULO DO MILAGRE". Fixo a súa presentación no Hotel Bela Fisterra, contando coa participación do noso benquerido amigo Pepe Formoso, grande comunicador. Cóntanos parte da trama desenvolvida na novela recentemente publicada. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moitos éxitos.
 

Continuamos a emisión e poñémonos en contacto con MIGUEL ANXO RODRÍGUEZ,
Presidente da Asociación de Albergues Galegos (AGALBER)
. Mantemos unha conversa relacionada cos Albergues Galegos que forman parte desa Asociación tan interesante. Teñen contabilizado que un de cada tres Albergues pertencen á AGALBER. Todos están interesados en ofrecer un servizo cheo de melloras e atencións especiais aos peregrinos e moi particularmente as "ceas de comunitarias", que formentan o intercambio e participación dos usuarios destas instalacións. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe e desexamos que teñan moito éxito.


Seguimos escoitando outro bocadiño de música, do Grupo TANXEDORAS, para poñernos en contacto co Presidente do "Centro Galego NÓS" de Sabadell, don MANUEL VÁZQUEZ OSORIO. Fainos partícipe de varios eventos e actos que xa realizaron, como Teatro cos "Furafollas" o pasado día 15 de febreiro... pero coméntanos a próxima celebración, como cada ano, da "Festa do LACÓN", no Eix Macià, prevista para a fin de semana do 28, 29 e 30 de marzo. Son tres días cheos de oferta gastronómica con produtos de calidade, especialmente o Lacón, pero que tamén se poderán degustar outras viandas como polbo, e outros manxares de grande calidade. Aproveitamos para despedirnos ate o vindeiro xoves á mesma hor
a.

Deixamos aquí o programa completo-enteiro.

jueves, 13 de marzo de 2025

XOVES 13 de MARZO do 2025

Unha semana máis con todos vosoutros, tentando ofrecerlles dúas horas de Radio en Galego. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para poñernos en contacto con VALENTÍN ÍNSUA PALACIOS, Campaneiro da Catedral de Mondoñedo. Unha conversa moi agradable e chea de ensino, coa que aprendemos cousas interesantes sobre o nome das campanas e outras cousas. Coméntanos varias e importantes cuestións relacionadas co esa responsabilidade de conservar o toque das campanas da Catedral, que segundo nos explicou tiñan ese cometido as mulleres. Cóntanos algunha anécdota relacionada cos "trasnos" ou fantasmas, que ao parecer "habelos hainos". Agradecémoslle a súa participación e colaboración no programa de hoxe.

A segunda intervención, despois doutro bocadiño de música é a do Concelleiro MARCOS MARTÍNEZ FERNÁNDEZ, do Concello de Viana do Bolo. Fálanos da "53 Festa da Androlla" desa localidade, do Domingo Gordo, do Entrudio, dos boteiros e fulións. Coméntanos a grande afluencia e participación dese grande evento, que foi declarado Ben de Interés Cultural. Posiblemente consigan que se declare Ben de Interese Nacional. Felicitámolo e adiántanos que están a traballar para a posta en marcha da seguinte "Mascarada-2025" que, xunto con Vilariño de Conso teñen previsto realizar no vindeiro mes de maio, pero que aínda está por concretar, debido á moita participación que para este ano teñen casi confirmada. Un traballo que compre enfialo moi ben, xa que a poboación que se concentra nesa celebración é moi abondosa. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que teñan moito éxito nesa andaina festiva e mostra entroideira.

Conectamos co noso correspondente, en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?, que nesta tempada comprende tres sub-seccións que titula: Bule-Bulo, Que pasa que pasa na Ribeira Sacra e Sabedoría Popular. Cada unha delas precedida dunha introducción musical moi axeitada. É unha honra contar coa súa colaboración tan feiticeira.

A conexión final é con LAURA, da Asociación AMAS DE CASA de MAZARICOS. Acaban de celebrar a "XXVI Festa do Bolo do Pote". Felicitámola e mandámoslle os memos parabens a todo o equipo de mulleres e demais persoas que estiveron a elaborar as racións que se despacharon egustaron esa fin de semana pasada en Mazaricos. Cóntanos en qué consiste ese prato e o grande éxito que tiveron a pesar do mal tempo que lles cadrou. Desexamos que continúen celebrando esa festa e prometémonos voltar a comentar con ela outras celebracións que teñan previstas. E coa música de fondo despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o Programa Completo-Enteiro.

jueves, 6 de marzo de 2025

XOVES 6 de MARZO do 2025

Un xoves máis con todos vosoutros, tentando levar adiante este programa en língua galega, con entrevistas, informacións, noticias e música para adubiar esta emisión. Escoitamos a nosa sintonía, saudamos a tódolos nosos oíntes e seguidores e escoitamos unha peciña musical mentres nos poñemos en contacto co primeiro convidado, MANUEL SUÁREZ, da Asociación Cultural Entroido Aguasantas, en Cotovade. Mantemos unha conversa chea de información e ensino relacionado coa recuperación desa tradición entroideira ancestral. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle que sigan recollendo moitos éxitos na súa tarefa e mostra cultural.

Escoitamos outra peza musical, namentres conectamos con MANUEL RIVERO PÉREZ, escritor e grande investigador, entre outras moitas particularidades e distincións académicas. Parabenizámolo polo recente traballo publicado no Consello da Cultura Galega, e tamén en Galicia Dixital, relacionado con dona LOLA ARRIBE DOPICO. Ferrolana íntegra e valente, que como el mesmo nos dice, destacou na política, na lingüística e na galeguización da liturxia. Fainos unha pequena descrición da súa traxectoria, destacando a súa faceta como poeta. Ten pensado publicar un libro que recollerá todo o investigado ate o dagora. Agradecémoslle a súa colaboración de hoxe, xa que coa súa participación poñendo en valor a unha muller de grande relevancia, adiantámonos á celebración do "Día Internacional da Muller", prevista para o día 8.
 

Recibimos nos estudios a dona AMPARO CENTENO PRIETO, grande amiga e colaboradora. Socia da Asociación C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, membro do "Consell da Dona" de Cornellà, que nos ven a presentar e informar sobre os "Actos do Día Internacional da Dona Traballadora en Cornellà-2025". Un grande listado de actividades que comezaron a celebrarse o día 4 de marzo pasado, e que se prolongarán ao longo de todo este mes e finalizando o día 4 de abril vindeiro. Quérenos destacar a celebración, este domingo, da manifestación prevista para rememorar a desaparición da moza CRISTINA VERGUA.

Escoitamos outro bocadiño de música e continuamos a conversa con AMPARO CENTENO, que nos segue informado das diferentes actividades que se realizarán no mes de marzo en Cornellà, conmemorando o "Día da dona" que xa dixemos anteriormente, pero que se convertirá nun mes enteiro de actos, programados polo Concello e o Consell da Dona e moitas Entidades e Asociacións, poñendo de relieve a que ten previsto realizar a nosa Entidade A.C.G.Rosalía de Castro o día 29 coa impartición da Conferencia "A muller na música e na vida" que impartirá Clara Fariña Castro, compoñente de Pandereteiras de Verducido.

Coa música de fondo que escoitamos poñémonos en contacto con COCÓ BLANCO, encargado e coordinador da celebración, que teñen previsto para o domingo día 9 de marzo, do "Enterro do ÓSO". É esta unha Festa entroideira que se celebra cada ano o domingo seguinte ao mércores de cinsa, en Abanqueiro, do Concello de Boiro. Descríbenos en qué consiste esta festa entroideira moi anterga, chea de engado e cunha grande participación popular. O matrimonio elixido que concelebrará este acontecemento participará convidando a tódolos asistentes a uns petiscos e bebida. A colaboración dalgún establecemento e outros veciños tamén axudarán a que os gastos se repartan e todos poidan disfrutar. Agradecémoslle a súa participación e información detallada, desexándolles que teñan moito éxito. Aproveitamos para despedirnos de tódolos nosos oíntes e seguidores ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.