jueves, 26 de febrero de 2026

XOVES 26 de FEBREIRO do 2026

Comezamos outro programa máis coa nosa sintonía, as salutacións e dándolle a ben.vinda a ANTONIO MARZABAL, escritor galego que nos ven a visitar. Escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto con FEDERICO PÉREZ REY, actor, guionista e monologuista galego. Dámoslle os nosos parabens por ser elexido para ser o Pregoeiro da "51 Festa do Queixo de Arzúa". As celebracións xa comezaron a partir do sábado pasado, día 21, pero os días máis importantes serán dende o 27 de febreiro ata o día 1 de marzo. A Festa do Queixo de Arzúa é a mellor oportunidade de poder degustar un dos queixos máis emblemáticos de Galicia, pero tamén se poderá disfrutar de actividades infantís, concursos, demostracións e catas dese manxar, acompañados de espectáculos musicais nos actuarán grandes artistas, como Budiño e o Grupo IALMA, entre outros. Desexámoslle que teña moito éxito na súa faceta ensalzadora deste produto galego que el mesmo nos constata que é un dos queixos que máis lle ghustan, tanto solo como acompañado con marmelo.

A continuación falamos co noso visitante, ANTONIO MARZABAL, que nos anuncia a próxima presentación dunha creación literaria súa, unha novela que leva por título: "Sara, lejana y sola". Coméntanos que se documentou coa lectura de diversos libros e novelas. Centrouse nunha familia que descubriu nunha desas novelas, e que ubica na cidade de Tánger. A presentación será o vindeiro día 10 nunha Sala da Biblioteca Francesc Candell, da Zona Franca en Barcelona. Desexámoslle que teña moito éxito nesa presentación.

Recibimos a ALEX Arnoso, do Grupo Musical "VIMBIO", que veñen de publicar un seu último single titulado: Pajitas de Bambú, pertencente ao seu Disco editado no mes pasado. Pódese disfrutar da súa escoita nas redes sociais deles, tanto no Facebook, como no Instagram e no Spotify. Fainos unha presentación dos compoñentes que forman parte dese Grupo Musical rokero. Levan un tempiño de xira, presentado este CD, a próxima actuación será en Ferrol. Desexámoslles que teñan moito éxito.

Continuamos comentando a novela "Sara, Lejana y Sola" de ANTONIO MARZABAL. Comenta varios aspectos dos protagonistas da novela, da súa ubicación e volve a convidar a tódolos escoitantes que se acheguen á Biblioteca Francesc Candell, da Zona Franca, en Barcelona, o próximo día 10 de marzo. Desexamos que teña moito éxito e continuaremos en contacto.

Chamamos a CELIA DÍAZ NÚÑEZ, escritora, Licenciada en Filoloxía Galego-Portugués e en Filoloxía Hispánica, Diplomada en Maxisterio e en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura. Parabenizámola polos seus últimos traballos literarios publicados pola Editorial Galaxia, e por ser nomeada "Filla Adoptiva de Quiroga", por acordo unánime da Corporación Municaipal. Coméntanos algunha cousiña relativa a algunha das súas novelas e tamén do teatro infantil que tanto disfruta coa súa escrita. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

A seguinte conversa-entrevista é con JOAQUIM VENTURA, escritor e Filólogo, que será o presentador e moderador do "Seminario de Poesía Galega" - Poesía na Diáspora, organizado pola "Escola de Gaitas e Danzas TOXOS E XESTAS" de Barcelona, previsto para o día 13 de marzo, na Sé da Entidade, rúa Bronze, nº 7. Contará como colaboradoras a Concha Castro e Xoana Lara, así como a actuación do Grupo Musical galego "A RODA". Farase unha homenaxe especial en memoria de Suso Vaamonde. Precisamente o Grupo A Roda interpretará algunhas das pezas que musicou e cantou Suso. Agradecémoslle a súa información e desesámoslle que teña moito éxito.

Despedimos o programa Informando do "III Encontro do día Internacional da Gaita" que se celebrará o día 14 no Auditori da Once, organizado pola "Escola de Gaitas e Danzas Toxos e Xestas de Barcelona".
 

Deixamos aquí o programa completo-enteiro.


jueves, 19 de febrero de 2026

XOVES 19 de FEBREIRO do 2026

Unha nova emisión do "Galegos no BAIX" de cada xoves. Hoxe non podemos contar coa participación do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, a quen lle desexamos unha pronta recuperación. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado: ROBERTO NOGUEIRAS SOUTO,  artista plástico e artesán-escultor de máscaras das pantallas de Xinzo. Fálanos da súa creatividade e aportación na confección desas máscaras cheas de colorido. O seus enlaces nas redes: roberto_nogueiras.art e Robertonogueiras.com. A forma de confecionar as máscaras leva un proceso artesanal moi ancestral que pasa por empregar papel xunto con unha pasta de fariña con agua, capa sobre capa que, despois seca, e convértese nun conxunto parecido á madeira que permite tallar as formas tan peculiares que locen os participantes nos Entrudios. Agradecémoslle a súa aportación e colaboración no noso programa e desexámsolle que teña moitos éxitos na súa tarefa artística e creativa.


Entrevistamos a ANTUCHO ESPINOSA, director das "Comparsas" de Viana do Bolo e arredores. Fainos unha descrición detallada de cómo xe teñen recuperado, alomenos, unha Comparsa naquela contorna vianesa. As celebracións teatrais, que nos comenta, celébranse nas aldeas. Tal e como nos "ensinou" estas mostras ancestrais de grande antiguidade, teñen catro partes fundamentais: O Permiso, A Ronda, Os Brindes, e A Disputa. Esta representación está chea de creatividade e música, que se caracteriza pola burla e a retranca que se emprega nas rimas e intervencións dos diferentes actores: o director, os esquileiros, o paiaso e a señorita... Agradecémoslle a súa fermosa exposición.

Recibimos a crónica do noso correspondente dende a capital da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Esta sección, está repartido en tres apartados xa moi coñecidos (Bule-Bulo, Que pasa que pasa na Ribeira Sacra e Sabedoría Popular). Por certo, en directo esquecímonos de dar a coñecer o "Bulo" que pretendeu colarnos e deixamos aquí o resultado: O bulo era que a Real Academia Galega non ten previsto incorporar as palabras androllado, androllada...

Finalizamos a emisión conectando con IRIA CAMPOS FERNÁNDEZ, Antropóloga que publicou un traballo de Final de Master "Estudio do Entrudio de Viana", que recibir a máxima nota de calificación "excelente". Felicitámola e comentamos con ela diversos aspectos que estudiou durante a estancia naquela vila, para documentarse e tamén participar, na medida do posible, en tódolas fases desa mostra ancestral que se produce durante o Entrudio: Os folións, as máscaras dos boteiros, as comparsas, a Festa da Androlla, o "reparto da fariña", etcétera. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que siga colleitando moito éxito.

Despedimos o programa anunciando que o Grupo IALMA Música, virán a Galicia, concretamente a Arzúa, para facer un Concerto con motivo da "Festa do Queixo de Arzúa" previsto para o día un de marzo. E despedimos o programa ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.

jueves, 12 de febrero de 2026

XOVES 12 de FEBREIRO do 2026

Un xoves máis con todos vosoutros. Debido ás inclemencias do tempo (Alerta Vermelha por mor do vento) non podemos estar en directo nos estudios, pero mediante as novas tecnoloxías, e grazas ao noso técnico Dani, podemos ofrecerlles dúas horiñas de Radio en Galego. O noso compañeiro Armando non pode participar debido a algún pequeno atranco, pero tentaremos levar adiante esta emisión. Damos a ben-vinda a tódolos nosos escoitantes, ofrecémoslles unha peciña de música e poñémonos en contacto con JORGE MINAS DOMÍNGUEZ COUSO, un apaxionada Entroideiro, da Asociación Robreda en Viana do Bolo. Agradecémoslle a súa participación. Fainos unha descrición moi minuciosa de cómo se están levando a cabo as "Comparsas" do Entrudio de Viana do Bolo, nas aldeas, grazas ao traballo dirixido por Tucho Espinosa. En vindeiras datas comprometémonos a entrevistalo para que nos conte cómo se confeccionan eses brindes e máis elementos. Desexamos que teñan un Feliz Entrudio e Festa da Androia.

A continuación entrevistamos a ANTONIO ÁLVAREZ, Presidente da "Asociación Castaño y Nogal, para o impulso do desenrolo rural e medioambiental". Felicitámolo porque acaban de concederlle a "Bandeira Azul ao Sendeiro "Quintá-Río Donsal" que eles impulsaron e manteñen dende o ano dous mil doce. É un recoñecemento a todo un traballo desinteresado de moitos participantes que o fixeron posible. Coméntanos varias anécdotas relacionadas coa participación dalgún dos moitos colaboradores. Agradecémoslle a súa información detallada e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Recibimos a FRANCISCO XABIER ALMUIÑA CHORÉN, da Vivenda Rual "Casa do Romualdo", que nos fala da "34 Festa do Caldo de Osos" que comezan hoxe mesmo a celebrar, na súa casa e en Taboada. Un prato moi popular e antigo, do que nos fai unha pequena descrición. Mágoa que non se poida facer un "enlatado" dese produto tan aprezado por moitísimas persoas que se achegan a degustalo. Xa levan trinta e catro anos celebrando e ofrecendo este prato de caldo a tódolos visitantes. Agradecémoslle a súa aportación con minuciosa información.
 

A seguinte participación é a do Patrón Maior da Confraría de pescadores de NOIA, SANTIAGO CRUZ. Comentamos con el a grande perda que tiveron na ría, a causa do mal tempo (borrascas e desembalse do Tambre) que disminúe a salinidad dos bancos marisqueiros na Ría e provocou unha perda irrecuperable de berberechos e ameixas. No caso do berberecho un oitenta por cento e o vinte por cento da ameixa. Os biólogos estanlle axudando nas tarefas de revisión, pero as chuvias fan que o aumento de auga doce fai que os banco de marisqueo se vexan perxudicados. Enviámoslles moitos ánimos e desexamos que se recuperen canto antes, porque os mellores berberechos de Galicia é o de Noia.

Mantemos unha conversa moi animada con ALFREDO DOURADO, do Grupo de Música Tradicional A RODA. Teñen previsto visitarnos, con motivo da súa actuación nun acto de "Música e Poesía" o día 13 de marzo, con motivo do "III Encontro do Día Internacional da GAITA" que organiza, cada ano a Asociación Cultural "Escola de Gaitas e Danzas Galegas Toxos e Xestas". A súa música tradicional forma parte da idiosincrasia do galego, posto que recolle as súas fontes no tradicional galego. Convídanos a participar e achegarnos á acutación que terá lugar o día 14 de marzo no Auditorio da ONCE, na Granvía das Corts Catalanas, número 400, a partir das 19h. Desexámoslles moitos éxitos.

Despedimos o programa ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.

jueves, 5 de febrero de 2026

XOVES 5 de FEBREIRO do 2026

Un xoves máis con todos vosoutros, para ofrecervos dúas horas de Radio en galego. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para darlle paso á primeira convidada: ALICIA do "Colmado  DA LAMA", en Becerreá. Parabenizámola porque é recente a súa inauguración, ademais a súa proposta é unha novidade moi especial naquela contorna e tamén en Galicia, xa que non é moi común esa clase de establecementos. Por outra banda a oferta que teñen é moi diversa e diferente dunha tenda do común: Ofrecen degustacións de viños galegos con petiscos e tapas que elaboran no seu establecemento. A mesa onde se reúnen é un reciclaxe dunha porta moi antiga, que veu de Mallorca. Pódense mercar os produtos que teñen en exposición ou tomar un cafetiño, ou un chocolatiño quente, acompañado dalgún que outro doce ou larpeira. Agradecémoslle a súa información detallada e desexámoslle que teñan moito éxito.
 

A continuación Armando envía un saúdo agarimoso dirixido aos sanitarios do Centro de Día do Hospital de Bellvitge. Aproveitamos para informar, novamente do "XXII Festival del Botillo-2026", previsto para o día 15 de febreiro no Hotel Frontair Congress, de Sant Boi. Tamén falamos do desastre acontecido na Ría de Muros-Noia, con toneladas de berberechos mortos.

Falamos con ROGELIO SANTOS QUEIRUGA, mariñeiro e grande comunicador, que nos axuda a coñecer, máis polo miúdo, o que está a acontecer naquela Ría de Muros-Noia, por mor das contínuas borrascas, da chuvia e da apertura do embalse do río Tambre, que levan tanto tempo demandando un protocolo axeitado para que non lle abran cando a marea está baixa. Esta mala situación afectará a moitísimas familias que dependen do marisqueo e tamén das conserveiras. É unha mágoa esta perda que están a ter os mariscadores daquela ría. Desexamos que pronto se recuperen.

Recibimos a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemas, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección Quen che Preguntou?

 

Entrevistamos a don GERMÁN GARCÍA-AVILA ARIAS, Alcalde do Concello de Viana do Bolo, que nos fala do Entrudio daquela vila. Hoxe mesmo están a celebrar o xoves de compadres. Danos unha pequena descrición das diferentes actuacións previstas, facendo mención especial nas recuperadas "comparsas" que se celebrarán en diferentes pobos e aldeas da contorna. A destacar o Domingo Gordo cos desfiles de folións e boteiros e a "54 Festa da Androlla-2026", que é a segnda máis antiga de Galicia. O menú consiste nun caldo con "croutóns", o prato de androlla con cachelos, grelos, lacón e chourizo, cordeiro da zona con ensalada, de postre bica de Viana, e queimada final. O Entrudio de Viana está declarado de Interese Turístico Nacional. Non finalizan as celebracións ese domingo, continúan o luns cos entrudios e folións infantís, outro día a queima dos lardeiros e para finalizar a procesión da sardiña do Cabo da Vila e degustación de sardiñas. E a preparar o Entrudio para o ano seguinte. Agradecémoslle a súa detallada información e desexámoslles que teñan moito éxito.

Despedimos o programa dando a coñecer o "bulo" que tentou colarnos o noso correspondente Xosé Manuel e despedímonos ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro