Primeiro programa deste mes de abril, con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado: ANDRÉS GIRÁLDEZ, Actor que pertence a "Tanxarina Títeres" en Redondela. Parabenizámolo porque está a representar a obra "A burra, a Mesa e o Pau", xunto con outros compañeiros artistas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Tamén nos fala da próxima celebración do "XXVI Festival Internacional de Títeres de Redondela, Memorial Juanjo Amoedo", previsto para os días 12 ao 18 de maio próximo. Desexámoslles moitos éxitos.
A continuación poñémonos en contacto con RUBÉN, da "CASA CASTELAO", en Fonsagrada. Tamén o parabenizamos pola grande "XXVIII FEIRA do Butelo-2025, na Fonsagrada", o 22 e 23 de febreiro pasado, que contou cunha grande afluencia e participación de veciños. A súa aportación cos produtos que ofrece son un reclamo moi importante nese evento. Fálanos dos produtos que se poden adquirir en moitos establecementos espallados pola península e tamén en Portugal e outras nacionalidades. Tamén se poden poñer en contacto con eles a través da súa páxina web: casacastelao.es, para poder mercalos xa que teñen un servicio online moi eficiente. Agradecémoslle a súa participación de hoxe e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.
A seguinte comunicación é coa Ilma.Sra. Alcaldesa de Vilariño de Conso, dona MELISSA MACÍA DOMÍNGUEZ. Felicitámola porque teñen previsto celebrar a "Décima Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL VIBOMASK MASCARADA IBÉRICA-2025", a fin de semana do 16 ao 18 de maio próximos. Un evento que congrerará nada menos que cincoenta grupos de máscaras de moitas localidades galegas, portuguesas e doutras nacionalidades, un total de máis de oitocentas persoas que compartirán esa grande celebración xunto co Concello de Viana do Bolo. Agradecémoslle a súa colaboración e participación no noso programa de hoxe e desexámoslle que teñan moitos éxitos.
Conectamos con XOSÉ BENITO REZA, Enxeneiro de Montes e Escritor, que foi Director Xeral de Conservación da Natureza. Nesta ocasión queremos parabenizalo pola recente publicación e presentación do seu libro "Ciencia e Misterio en Celanova. A capela mozárabe de San Miguel". Un grande traballo moi ben documentado que, segundo nos confesa escribiu xunto coa colaboración da súa filla. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe no noso programa e desexámoslle que teña moitos lectores ese fermoso traballo que moitos galegos non coñecían. Aproveitamos para despedirnos ate o vindeiro xoves á mesma hora.
Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.