jueves, 16 de junio de 2022

XOVES 16 de XUÑO do 2022


Comezamos coa nosa sintonía de sempre, dámoslle a ben-vinda e propoñemos a escoita dun bocadiño de música para recibir á primeira convidada de hoxe, dona MERCEDES CABANAS FERNÁNDEZ, que rexenta a "Frutería Merce Delicatessen", na Praza da Catedral nº 17 en Mondoñedo. Unha conversa moi entretida e chea de información sobre os produtos - gourmet - de grande calidade e de proximidade, que se poden adquirir no seu establecemento (frutas, empanadas, queixos, viño das diferentes D.O. galegas... ... etcetera). Ademais indícanos que se poden solicitar por medio de Internet. Tamén nos informa da inauguración doutro establecemento e da tenda que rexenta a súa filla Carla en Foz, que leva por título: "Saborea Mondoñedo". Procuraremos poñernos en contacto con ela para saber algo máis. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moita sorte.

A segunda convidada é CRISTINA ROLDÁN LOMBARDÍA, compoñente do Grupo de Cantareiras da Asociación C.G.Rosalía de Castro: "ROSALIEIRAS". Recíbenos moi cordialmente e agradecémoslle a súa dedicación e atención. Falamos da creación deste Grupo de mulleres Cantareiras, da traxectoria, da próxima actuación no Parque de Can Mercader mañá mesmo, día 17. Estarán acompañadas do Grupo "Pel e Pau" así como tamén de "O Val das Mouras", que completarán o cartel da "Festa Celta" prevista. Desexámoslle moita sorte e moitos éxitos nesa actuación e en tódolos próximos eventos.

A segunda hora conectamos con Galicia novamente, concretamente con Vigo, onde se atopa XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ (Muxicas), que nos fala da presentación dun 3º volume de "Pezas Guapas para Gaita, para Zanfona e para Acordeón". Felicitámolo e desexamos que acade moitos éxitos con ese grande traballo de composición musical que, segundo nos informa, terá unha continuidade moi importante ata chegar nada menos que a 8 volumes. Desexámoslle o mellor e agradecémoslle a información recibida.

Despois conectamos co dirixente da famosísima e extraordinaria Orquestra PANORAMA, MANUEL GARRIDO máis coñecido por "LITO". Agradecémoslle a súa atención e dedicación polos minutos que nos dispensa, xa que hoxe mesmo actuarán nada menos que en Toledo. O motivo da nosa chamada é porque precisamente o día 18 pola noite (concretamente a partir das 11h da noite) terán unha actuación extraordinaria e específica para tódolos asistentes no Parque de Can Mercader de Cornellà. Desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.
 

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Tamén colgamos aquí o programa completo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario