jueves, 18 de abril de 2024

XOVES 18 de ABRIL do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao noso primeiro convidado: MASITO BEIRÓ, Pintor de Padrón, grande amigo e colaborador noso. Parabenizámolo porque un dos seus traballos foi elixido para ser publicado no cupón da ONCE o mesmo día 26 de marzo pasado. É unha honra para tódolos galegos que sexa a representación da Festa da Pascua de Padrón, debuxada por Masito. Ademais doutras facetas de moita colaboración e participación na vila, Masito forma parte, como padroeiro da Fundación Rosalía de Castro, dende moi novo. O seu altruismo e humildade é unha mostra do bon facer que sempre amosa. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.

Escoitamos outro bocadiño de música e poñémonos en contacto coa poeta e filóloga Valguesa BELÉN SENÍN SANTIAGO, a que parabenizamos tamén, por ser a gañadora do "XVIII PRemio de Poesía Díaz Jácome" de Mondoñedo, polo seu poemario "A Culpa". Fálanos dese traballo que está moi centrado nas figuras de Eva, Pandora e Lilith, afondando no amor, o existencialismo e o feminismo. Mantemos unha conversa arredor da súa creatividade e escrita. Xa publicou outro pequeno conxunto de poemas e segue a traballar nesa teima creativa. Tamén participou en varios recitais poéticos, destacando un que realizou en Lisboa. Desexámoslle que teña moitos éxitos.

A seguinte convidada é ANA VILA PORTOMEÑE, a Poeta Labrega, que nos recibe moi amablemente e fálanos da "II RURALSÍA TABOADA", que teñen previsto realizar o vindeiro domingo día 21 no Pazo de San Pedro de Bembibre, onde terán unha grande participación de poetas nun magno Recital poético, con sorpresas moi interesantes. Tamén haberá unha mostra-exposición de arte. Tivemos unha pequena interrupción ao cortarse a comunicación, pero recuperámola e agasállanos coa lectura dun seu poema adicado á nosa Radio e ao noso programa concretamente. ¡Moitas Grazas, Ana! seguiremos en contacto.

Falamos, a continuación con FERNANDO, do CELTAGAL, unha explotación galega de Porco Celta e vaca Cachena. Fálanos de cómo foron os comezos, cómo está a traballar para levar adiante esta recuperación de razas autóctonas galegas que coida con moito interese e dedicación. A súa charla está chea de engado e con moito énfase. Amósanos o moito que se implica para poder ofrecer uns produtos de primeira calidade completamente naturais e coméntanos que está a traballar para ofrecer novidades importantes, sempre relacionadas co mellor servizo e trasparencia. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que teña moito éxito nesa empresa.

Comunicámonos con CARLOS PAVÓN, da Asociación "Ribeira Cervantega", que nos pon ao corriente do que están a facer para poder revitalizar o rural onde se atopan, que o río Cervantes se recupere e que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico tome conciencia do que se precisa para que ese río troiteiro teña un desenvolvemento limpo e que non volva a ter desbordamentos, como o que sucedeu non hai moito tempo. Teñen previsto realizar unha Festa no verán, coincidindo coa chegada de veciños que viven noutras localidades, para que se podan levar a cabo moitas actividades. Desexamos que teñan moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario