jueves, 19 de diciembre de 2024

XOVES 19 de DECEMBRO do 2024

Último programa deste ano 2024. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e un bocadiño de música para poñernos en contacto con FRANCISCO JAVIER JARDÓN BAHÍA, que ven de gañar o segundo Premio do "XXXVIII Certame Internacional de Poesía en galego Rosalía de Castro de Cornellà" co seu poema que leva por título "Froito". Un traballo que foi valorado polo Xurado como un poema de construción moi fluida, cunha temática erótico-amatoria construida arredor da apelación a un "ti" que se infiltra nunha fusión de materias que dilúe os límites do suxeito. Saliéntase o notable traballo formal e a fondura coa que o autor abre interrogantes de carácter existencial. Coméntanos un chisco cómo foi o proceso de creación deste traballo premiado e descubrimos un autor moi satisfeito e agradecido por ter acadado este premio. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos e felicitámoslle as Festas e o Aninovo.

 

Escoitamos outra peza musical, para recibir á seguinte convidada: ANDREA FERNÁNDEZ MANEIRO, que hoxe mesmo participará nun evento moi interesante: "RECITAL POÉTICO SOBRE O LIBRO: VOTO DE SILENCIO", no local do "Faiado da Memoria". Felicitámola. A conversa que mantemos con Andrea percorre diversos aspectos creativos e coméntanos a próxima publicación do libro que contén o Premio acadado no Certame de Vilalba. Aproveitamos para desexarlle unha boas Festas Nadalencas e un ventureiro aninovo 2025. Augurámoslle que seguirá colleitando moitos éxitos.

Recibimos a crónica do noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, dende Monforte de Lemos, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? Está divida e tres apartados precedidos dunha musiquiña para anuncialos: Primeiro o Bule-bulo, que consiste en adiviñar cal das noticias que nos comunica é un "bulo" ou engano. A segunda denominada "que pasa, que pasa na Ribeira Sacra", consiste nunha rápida información concreta de noticias daquela contorna. E a terceira denomínaa "sabedoría popular" que conten cousas moi específicas sobre a nosa idiosincrasia idiomática e frases recollidas na "súa libretiña pequena". Antes de finalizar escoitamos a colaboración gravada, dun personaxe que escoitamos con atención. Nesta ocasión trátase de Celia Díaz. Agradecémoslle a súa estimada participación. Tamén lle desexamos unhas Felices Festas e próspero aninovo 2025.

Conectamos novamente con Galicia para entrevistar a FRANCISCO VALEIRAS GONZÁLEZ (QUICO), que ven de gañar o primeiro premio do "XXXVIII Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà", polo seu poema "BRILLAR (algúns textos para vecEDIPO). Fálanos deste traballo tan interesante e coméntanos que nun principio este formaba parte dun moito máis longo. Si nos fixamos no que comentaron os membros do Xurado, temos que salientar que se trata dun poema escénico, cunha linguaxe moi creativa e dramaturxia inspirada nos tráxicos gregos, facendo xogos intertextuais con cinematografía europea. Quico mesmo nos comenta a súa predilección pola cinematografía de Pasolini, moi concretamente en varios fotogramas da película que poden formar parte da publicación poética. Tamén lle desexamos boas festas e un ventureiro aninovo 2025. Despedímolo cunha panxoliña.

E nosoutros tamén nos despedimos dos nosos oíntes e seguidores desexándolles Boas Festas e un gorentoso aninovo 2025 cheo de prosperidade para todos. Ate o ano que ven! ¡Sexan Felices!

Deixamos aquí o programa completo-enteiro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario