jueves, 27 de febrero de 2025

XOVES 27 de FEBREIRO do 2025

Outra semaniña máis con todos vosoutros, tentando ofrecerlles estas dúas horas de Radio en Galego. Escoitamos a nosa sintonía, saudamos e escoitamos unha peciña de música para poñernos en contacto con ELIGIO SUEVOS OTERO, do Centro Galego de Lleida, que nos pon ao corriente da celebración da súa "Semana Cultural" de cada ano. Comezaron o mesmo luns pasado coa exposición de Traballos manuais, o martes dedicado aos cativos con debuxos e xogos de mesa acabando coa degustación dunha chocolatada para tódolos asistentes, o mércores a Conferencia a cargo de don Xosé Manuel García Catalán, Comisario do Corpo Nacional de Policía de Lleida, este xoves terán unha mostra culinaria que aportarán os socios e simpatizantes, mañá venres presentación do número 38 da revista "Xurdimento", que recolle tódolas actividades realizadas durante o ano 2024 e que contén moitos artigos interesantes, e finalizará a Semana Cultural coa Asemblea Xeral Ordinaria da Entidade cun xantar de convivio. Desexamos que teñan moito éxito.

A seguinte intervención é a do Presidente da Escola de Gaitas e Danzas Toxos e Xestas de BCN, don ALVARO VOCES, con quen mantemos unha conversa-entrevista moi amena e na que nos comunica a celebración, o día 8 de febreiro, do "II ENCONTRO DO DÍA INTERNACIONAL DA GAITA". Este segundo ano é unha afirmación e continuidade que comezaron o ano pasado, pero con convidados especiais, e moi concretamente Internacionais, tal e como anuncian no seu cataz. A verdade é que están a traballar moi concienzudamente para poer amosar a nosa cultura popular e moi concretamente a musical, relacionada coa gaita moi concretamente. O acto máis salientable será o concerto que realizará a gaitera SUSANA SEIVANE, para finalizar o evento. Tamén nos aidanta que están convidados a participar no grande desfile da "Festa de San Patricio" en Madrid. Desexamos que teñan moito éxito.


Escoitamos outra peza de música e poñémonos en contacto con CATUXA SALOM, unha cantautora galego-arxentina que nos presenta un traballo en primicia para tódolos nosos oíntes, galegos do Mediterraneo, que leva por título "As nosas raons", interpretado xuntamente coa cantante catalana Joana Dark, e que fusiona folklore catalán e galego e música electrónica. Parabenizámola e mantemos con ela unha pequena conversa-entrevista na que nos dá a coñecer un bocadiño do seu traballo musical, a publicación do CD "Caldo" que está proposto e seleccionado para os "Premios MIN 2025". Animamos aos nosos escoitantes e seguidores que se metan na páxina e voten esta opción para ser premiada. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe, e desexamos que teña moito éxito. 

.

Despois dun pouquiño de música, novamente, ofrecémoslle a lectura do poema "Miña casiña, meu lar" para celebrar, con todos vosoutros, o "Día de Rosalía", con ese CALDO DE GRORIA, que tan ben describía a nosa autora, e co que se festexou ese 23 de febreiro pasado en moitos establecemetnos galegos.

Conectamos novamente con Galicia para darlle paso ao noso correspondente, XOSÉ MANUEL F. MONTES, na capital da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos). Encargado do QUEN CHE PREGUNTOU? Que ten subdivido en tres apartados moi interesantes, precedidos sempre dunha música moi axeitada, e finalizando coa colaboración dunha persoa escollida por el mesmo, aportando a súa proposta persoal relacionada coa última sección: A Sabedoría Popular.  Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

 

Deixamos aquí o Programa Completo-Enteiro.



jueves, 20 de febrero de 2025

XOVES 20 de FEBREIRO do 2025

Comezamos outra emisión máis do noso programiña de cada xoves coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e escoitando unha peciña musical que nos facilitou RICARD ROS, a quen lle damos a ben-vinda e felicitamos porque é o responsable da realización do "14 Festival RUBRIFOLKUM 2025" de Sant Boi. Agradecémoslle a súa visita e participación con nosoutros e coñecemos, máis polo miúdo, en qé consiste e cómo está plantexado a celebración deste catorce festival de música de raiz, que tantos éxitos está a acadar. Como o seu cartel anuncia, comezará o día 27 de febreiro e finalizará o día 1 de marzo. As participacións estarán a cargo dos grupos musicais que anuncian no cartel adxunto. Desexamos que teñan moitos éxitos e moita participación popular.

A segunda convidada é AURORA , unha Ilustradora Verinesa coa que mantemos unha conversa moi interesante, relacionada co Entroido de Verín. Axúdanos a coñecer un bocadiño mellor en qué consiste ese grande acontecemento popular que é o Entroido Verinés. O grande representante desta celebración é o Cigarrón, que é unha manisfestación popular chea de engado e feiticeira, que ela mesmo ilustra e axuda a confeccionar e dibuxar nas caretas coas que se disfrazan eses cigarróns. Hoxe mesmo teñen a primeira celebración, que é o Xoves de Compadres. Seguen as festas co Xoves de Comadres, o Domingo Corredoiro e outras mostras entroideiras que enchen de festa a vila e os arredores. Convídanos a que nos acheguemos a esa vila para compartir e disfrutar con eles. Agradecémoslle a súa aportación informativa e desexamos que disfrute deste evento tan sinalado e sonado na nosa Galicia.

Continuamos a emisión e poñemonos en contacto con ROCHI NOVOA, Profesora en Xunqueira de Ambía, que axudou a recuperar unha figura moi especial e ancestral chamada "Farrumecos". Fainos unha descrición moi detallada de cómo se representan e qué funcións tiñan no Entroido, moi concretamente na aldea de Sobradelo, de Xunqueira de Ambía. Agradecémoslle a súa aportación instructiva, que nos axudou a coñecer máis detenidamente esa mostra entroideira tan importante naquela contorna galega. Desexamos que siga a disfrutar desa celebración.

Para finalizar conectamos outra vez con Galicia para recibir a BRUNO RÚA, un Antropólogo co que aproveitamos para celebrar o "Día Internacional da Antropoloxía". Parabenizámolo, non só polo seu día, senón tamén polas publicacións que ten feito, moi especialmente a que se titula "Aldeas da Limia Alta". Fainos un pequeno percorrido das súas achegas e da moita documentación que ten publicado. Axúdanos a coñecer, algo máis, aquelas xoias patrimoniais que se atopan nas aldeas que ten visitado e documentado. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos. E despedímonos ate o vindeiro xoves.

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.



jueves, 13 de febrero de 2025

XOVES 13 de FEBREIRO do 2025

Un día máis con todos vosoutros, para ofrecerlles este programa en língua galega, con música, entrevistas, noticias e desexos de facérllelo pasar agradable, este día en especial, que celebramos o "Día Internacional da RADIO". Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado: ANTONIO REIGOSA, un Mindoniense, escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía popular e da Literatura Galega de Tradición Oral ademais de ser o mantedor da páxina "Galicia Encantada". Agradecémoslle a súa amable atención e felicitámolo por ese encomiable traballo tan interesante. Non puidemos conectar con Noemí López Vázquez, a súa ilustradora luguesa, por mor de certos atrancos técnicos, pero prometemos entrevistala próximamente. Felicitámolo porque se cumplen 20 anos da posta en marcha dese proxecto tan importante: "Galicia Encantada" e comprometémonos a voltar a poñernos en contacto con el para celebrar ese aniversario. ¡Moitas GRAZAS Antonio!

A seguinte conversa-entrevista é con DAVID VILARES MARRONDO, encargado de levar adiante o programa na Televisión Galega: "Morra o Conto". Felicitámolo polo seu traballo e coméntanos cómo se introduciu nese traballo engrescador, e as súas satisfacións ao poder entrevistar a persoeiros interesantes e disfrutar coas visitas a recunchos da nosa Galicia do interior e da costa. Moitas anécdotas podería comentarnos, pero por mor do tempo tan cativo do que dispoñemos, temos que despedilo e agradecerlle a súa amable atención e desexarlle que teña moito éxito.

Continuamos a emisión despois de escoitar unha peza do Bierzo, para poñernos en contacto co Sr. Alcalde do Exmo. Concello de Camponaraya, don EDUARDO MORÁN PACIOS, que nos falará dese municipio berciano. Primeiro felicitámolo porque este domingo recibirá, en nome do Concello que preside, a homenaxe que lle tributa ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña), con motivo do "XXI Festival del Botillo-2025", e que se realizará no Hotel Front Air Congress de Sant Boi o próximo día 16. Fainos unha pequena descrición do Concello que virá a representar e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.


A segunda hora comezámola conectando co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? A súa crónica está subdividida, como xa indicamos en emisións anteriores, en tres apartados, que debulla moi concienzudamente, precedidos dunha música introductora moi axeitada. Agradecémoslle a súa colaboración.

Despois conectamos novamente con Galicia, para recibir a OSCAR REBOIRAS LOUREIRO, escritor galego que ven de recibir a finais do ano pasado o Premio de Literatura Infantil "Carlos Mosteiro" (convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal), polo seu traballo: "Cando o Mundo é Azul". Tamén o felicitamos porque a finais deste mes de febreiro sairá ao prelo a súa novela "A Agonía das Folerpas", pero traducida ao castelán baixo o título "El caso Salgueiro", editado por Alfaguara. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos. Aproveitamos para despedirnos ata o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.

jueves, 6 de febrero de 2025

XOVES 6 de FEBREIRO do 2025

Unha emisión máis do noso programa de cada xoves. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para poñernos en contacto coa primeira persoa convidada: XURXO MINAS DOMINGUEZ COUSO, grande coñecedor da tradición popular e moi concretamente do "Entrudio" na zona de Viana do Bolo. Fálanos da próxima celebración do Entrudio en Viana do Bolo, que comeza o día 20 de febreiro, co "Xoves de Compadres" e alónganse con diferentes actividades ata o día 5 de marzo, que remata co Enterro da Sardiña. En días sucesivos o Xoves de Comadres, venres e sábado de Entrudio con fulión, boteiros e fariña, Domingo Gordo cos desfiles e "Festa da Androlla" que este ano celebra a súa cincuenta e dúas edición. Despois o luns e martes de "Entrudio" e finalmente o enterro da sardiña. Ademais os amantes e curiosos que se acheguen á sala de exposicións do Concello de Viana do Bolo poderán disfrutar dunha grande mostra especial dedicada ao Entrudio, con moitos elementos antigos e mostra de coplas das "disputas" e "regueifas" que se acostuman a realizar nas aldeas. Agradecémoslle a súa importante participación e desexamos que teñan moitos éxitos.

A segunda participación é a do Arqueólogo XABIER MOURE. Agradecémoslle a súa amable atención e parabenizámolo polos dous blogs interesantísimos, que manten: onosopatrimonio.blogspot.com e arqueoloxiadosancares.blogspot.com. Grande recolleita e mostra de investigacións moi interesantes e cheas de documentación. Comentamos algunhas das súas últimas aportacións publicadas e que teñen moito que ver co noso patrimonio cultural. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Continuamos a emisión e poñémonos en contacto con Mª de MAR, irmá de AURORA RODRÍGUEZ, unha moza tristemente falecida nun tráxico suceso acontecido en Hospitalet. Aurora é unha dona que xunto con Silvia Nogaledo, serán homenaxeadas a título póstumo como Bercianas Ilustres-2025. Felicitámola, pola parte que lle toca e comentamos con ela a próxima participación, xunto coa súa familia para recibir o galardón que lle concederá a Asociación de Bercianos en Cataluña, ASOBECAT, o día 16 de febreiro, cando se celebre o "XXI Festival de Botillo-2025".

 

A seguinte convidada é dona PILAR ASTRAY BOADICEA, escritora, editora, artista e directora de "Mundos Flotantes", que ten programado realizar un evento literario moi importante no "Hotel Leterario Bela Fisterra", xunto con outros escritores, e que leva por título: "EROS EN FISTERRA". Explícanos que consistirá nun retiro Literario no que os autores terán que escribir unha novela erótica que despois formará parte dunha edición que recollerá tódalas creacións presentadas. Esta proposta terá lugar no mencionado Hotel, durante os días 7, 8 e 9 de febreiro. Os escritores que participarán, entre outros: Rodrigo Costoya, Roberto Cagiao, Iago Fandiño, Sandra Rego, María Nieto e a mesma Pilar Astray. Desexamos que teñan moito éxito e agradecémoslle a información recibida.

Despois poñémonos en contacto con ALVARO VOCES, Presidente da Asociación Cultural "Escola de Gaitas e Danzas Galegas Toxos e Xestas". Parabenizámolo pola próxima celebración de dous eventos importantes: "A II Edición CANTOS de TABERNA", que seralizará na Sede da Asociación o vindeiro día 8 de febreiro. Tamén o "II Encontro Día Internacional da GAITA", previsto para día 8 de marzo, coincidindo co día da dona, e que terá como participantes actuantes, ademais da banda da Asociación, dúas mulleres gaiteiras internacionais: Moshen Liana (iraní) e Susana Seivane (galega). Este evento terá actuacións moi interesantes, tal e como se pode comprobar no cartel anunciador, pero tamén anuncian sorpresas aínda sen confirmar. Outro acontecemento que nos anuncia é a participación no "San Patricio" en Madrid. Agradecémoslle as informacións facilitadas e desexámoslles moitos éxitos.

Escoitamos un bocado de música máis e aproveitamos para despedirnos de tódolos nosos oíntes e simpatizantes ata o xoves próximo, desexando que teñan unha feliz semana.

Deixamos aquí o programa completo-enteiro.