
Unha emisión máis do noso programa de cada xoves. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para poñernos en contacto coa primeira persoa convidada:
XURXO MINAS DOMINGUEZ COUSO, grande coñecedor da tradición popular e moi concretamente do
"Entrudio" na zona de Viana do Bolo. Fálanos da próxima celebración do
Entrudio en Viana do Bolo, que comeza o día 20 de febreiro, co "Xoves de Compadres" e alónganse con diferentes actividades ata o día 5 de marzo, que remata co Enterro da Sardiña. En días sucesivos o Xoves de Comadres, venres e sábado de Entrudio con fulión, boteiros e fariña, Domingo Gordo cos desfiles e
"Festa da Androlla" que este ano celebra a súa cincuenta e dúas edición. Despois o luns e martes de "Entrudio" e finalmente o enterro da sardiña. Ademais os amantes e curiosos que se acheguen á sala de exposicións do Concello de Viana do Bolo poderán disfrutar dunha grande mostra especial dedicada ao Entrudio, con moitos elementos antigos e mostra de coplas das "disputas" e "regueifas" que se acostuman a realizar nas aldeas. Agradecémoslle a súa importante participación e desexamos que teñan moitos éxitos.

A segunda participación é a do Arqueólogo
XABIER MOURE. Agradecémoslle a súa amable atención e parabenizámolo polos dous blogs interesantísimos, que manten:
onosopatrimonio.blogspot.com e
arqueoloxiadosancares.blogspot.com. Grande recolleita e mostra de investigacións moi interesantes e cheas de documentación. Comentamos algunhas das súas últimas aportacións publicadas e que teñen moito que ver co noso patrimonio cultural. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.
Continuamos a emisión e poñémonos en contacto con Mª de MAR, irmá de AURORA RODRÍGUEZ, unha moza tristemente falecida nun tráxico suceso acontecido en Hospitalet. Aurora é unha dona que xunto con Silvia Nogaledo, serán homenaxeadas a título póstumo como Bercianas Ilustres-2025. Felicitámola, pola parte que lle toca e comentamos con ela a próxima participación, xunto coa súa familia para recibir o galardón que lle concederá a Asociación de Bercianos en Cataluña, ASOBECAT, o día 16 de febreiro, cando se celebre o "XXI Festival de Botillo-2025".

A seguinte convidada é dona
PILAR ASTRAY BOADICEA, escritora, editora, artista e directora de "Mundos Flotantes", que ten programado realizar un evento literario moi importante no "Hotel Leterario Bela Fisterra", xunto con outros escritores, e que leva por título:
"EROS EN FISTERRA". Explícanos que consistirá nun retiro Literario no que os autores terán que escribir unha novela erótica que despois formará parte dunha edición que recollerá tódalas creacións presentadas. Esta proposta terá lugar no mencionado Hotel, durante os días 7, 8 e 9 de febreiro. Os escritores que participarán, entre outros: Rodrigo Costoya, Roberto Cagiao, Iago Fandiño, Sandra Rego, María Nieto e a mesma Pilar Astray. Desexamos que teñan moito éxito e agradecémoslle a información recibida.

Despois poñémonos en contacto con
ALVARO VOCES, Presidente da Asociación Cultural
"Escola de Gaitas e Danzas Galegas Toxos e Xestas". Parabenizámolo pola próxima celebración de dous eventos importantes: "A II Edición CANTOS de TABERNA", que seralizará na Sede da Asociación o vindeiro día 8 de febreiro. Tamén o
"II Encontro Día Internacional da GAITA", previsto para día 8 de marzo, coincidindo co día da dona, e que terá como participantes actuantes, ademais da banda da Asociación, dúas mulleres gaiteiras internacionais: Moshen Liana (iraní) e Susana Seivane (galega). Este evento terá actuacións moi interesantes, tal e como se pode comprobar no cartel anunciador, pero tamén anuncian sorpresas aínda sen confirmar. Outro acontecemento que nos anuncia é a participación no
"San Patricio" en Madrid. Agradecémoslle as informacións facilitadas e desexámoslles moitos éxitos.
Escoitamos un bocado de música máis e aproveitamos para despedirnos de tódolos nosos oíntes e simpatizantes ata o xoves próximo, desexando que teñan unha feliz semana.
Deixamos aquí o programa completo-enteiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario