Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" coa nosa sintonía, as salutacións e desexándolle unha pronta recuperación ao noso compañeiro Armando Fernández, que se atopa un pouco delicado. Seguro que pronto se reincorporará e terémolo en directo. Dámoslle as grazas ao noso técnico DANI, que é o responsable de que este programa saia adiante, e poñemos unha peza musical para darlle paso ao noso primeiro convidado: XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ. Agradecémoslle a súa atención e felicitámolo polos 30 anos de celebración dos Premios Lois Peña Novo. Iste ano os homenaxeados serán: O Equipo de Comunicación do Real Clube Celta de Vigo, polo seu labor constante dende o 2013 ao incorporar o galego ao fútbol profesional. Xosé Manuel Beiras Torrado, pola súa prolongada traxectoria e a súa obra intelectual en defensa de Galicia e a súa língua. E Dona Aurora Marco López, en recoñecemento a o seu compromiso constante co galego como ferramenta de investigación e divulgación. Tamén nos fala do Foro E. Peinador e do grande personaxe que foi ese filántropo e benefactor Enrique Peinador Lines.
A seguinte intervención é a de EFRAÍN DÍAZ VÁZQUEZ, Doutor, compositor, instrumentista e Profesor de Música, a quen felicitamos polo seu Doutoramente que acadou un Sobresaliente cum lude. A súa tese: "Os procesos de mutación e troco na cultura. O Pito Pastoril na Galicia". Agradecémoslle a súa grande colaboración ao facilitarnos a composición de Xiao, acompañada da súa interpretación co Pito, para que se covertira na nosa sintonía do programa. É unha honra e un pracer poder disfrutar desa música, que compartimos cada xoves con tódolos nosos escoitantes e simptaizantes. ¡Moitísimas grazas Efraín!
Continuamos a emisión e falamos con SANTI VELOSO, responsable da "Asociación Ponte nas Ondas", que veñen ser escollidos pola Unesco para presentar o seu modelo cultural e pedagóxico en China. Teñen tres proxectos desenvolvidos en Galicia que amosarán na reunión do Comité Interxeneracional da UNESCO, e extender a iniciativa RadioVisual do Patrimonio a Sanabria, Lubián e o Bierzo. Coméntanos a recente celebración do mencionado RadioVisual que se desenvolveu en 6 localidades galegas: San Cristovo de Cea, Muros, A Ribeira de Piquín, Modariz Balneario, Castro de Rei e Quiroga. Un éxito dos alumnos participantes e da comunidade educativa. Agradecémoslle a súa información e desexámoslles moitos éxitos na súa visita a China.
Poñémonos en contacto con ASER ÁLVAREZ GONZÁLEZ, de Arraianos Produccións, que ven de recibir o Premio de Periodismo Manuel Lueiro Rey do Concello de Fornelo de Montes. Parabenizámolo. A peza gañadora trata o tema da contaminación medioambiental xenerada polas macrogranxas na comarca de A Limia. Coméntanos a súa satisfacción por esta concesión que lle fai moita ilusión. Tamén nos fai partícipes da próxima inauguración da exposición "Os camiños de Elías Valiñas", que se fará mañá mesmo, día 19 de xuño no Salón de Actos do Concello de Bande. Este traballo ven de ser presentado en moitas localidades e mesmo no Instituto Cervantes de Beijing. Agradecémoslle a súa detallada comunicación e desexámoslle moitos éxitos.
Facémonos eco dunha noticia que nos chegou á redacción: O Centro Social A Pedreira, de Pontevedra, ven de recibir a sentencia favorable en relación á demanda que tiña interposta contra a Deputación de Pontevedra, que lle denegara a concesión dunha sub-vención.
Falamos con PEPE FORMOSO, do Bela Fisterra e Bela Muxía. Parabenizámolo por ter acadado un recoñecemento e Premio Podcast, polo seu traballo de comunicación en Radio Neria, "Falar sen cancelas". Desexamos que siga colleitando moitos éxitos. Tamén nos comenta algo sobre a CMAT (Costa da Morte Asociación de Turismo), que están a traballar, xunto cos Concellos, para ofrecer propostas turísticas e culturais para este verán. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.
Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.





No hay comentarios:
Publicar un comentario