jueves, 12 de noviembre de 2020

XOVES 12 de NOVEMBRO do 2020

Voltamos outro xoves máis con todos vosoutros, oíntes e seguidores, para ofrecervos estas dúas horiñas de Radio en galego, con ganas de aprender e tamén de conversar cos nosos convidados e convidadas, ademais de escoitar algunha peciña musical. A primeira conexión e conversa é coa grande CRISTINA PATO: Gaiteira, Pianista, Escritora, Educadora e Productora. Dámoslle a ben-vinda e agradecémoslle que nos concedera estes minutos para sabermos algo máis da súa traxectoria. Os nosos oíntes seguro que estarán moi ledos de escoitarte e comparten connosco este privilexio de conversar contigo (coido que somos primicia en Cataluña). Ademais de felicitala por estar escollida como finalista do "XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego", tamén nos informa dalgúns acontecementos nos que participou e daqueles nos que participará. Despedímola e enviásmolle o noso agradecemento máis sinceiro. ¡Moitas grazas, Cristina!

A segunda conversa-entrevista é co Sr. Vilariño, responsable da IXP Castaña de Galicia. Infórmanos de varias cousas moi interesantes relacionadas coa producción de castañas, da súa comercialización, do cultivo, do seu uso na gastronomía. Unha lección para nosoutros, legos nesta materia. Agradecémoslle a súa amable atención e prometémonos voltar a convidalo en vindeiras datas.

Continuamos, na segunda hora conectando co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que sempre ten moi ben escollidas as súas propostas informativas a modo de Gústanme e Non Me Gustan, seguido das súas "caralladas" e diccionario rápido do galego, que teñen unha lectura moi retranqueira. Tamén nos envía a súa creación "viñetista" que alude a algún tema tratado na emisión de hoxe, e que colgamos neste noso blog.

E despois de escoitar un bocadiño de música e comentar unha ultima noticia chegada á nosa Redacción, despedímonos ate o vindeiro xoves.

 

¡¡¡Que teñan unha feliz semana!!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario