jueves, 27 de enero de 2022

XOVES 27 de XANEIRO do 2022

Comezamos unha nova emisión de "Galegos no BAIX" dándolle a ben-vida aos nosos oíntes e seguidores ofrecéndolles unha peza das "Tanxugueiras", que veñen de ofrecer unha intervención excelente na clasificiación para a Eurovisión, no Festival que se está a realizar en Benidorm Fest. A primeira conversa é con dona Rosalía Morlán que nos fala do seu último traballo "Camelias de amor", que debido á Pandemia aínda non foi presentado. Agradecémoslle a súa amable atención.

A segunda comunicación é con Rosalía Fernández Rial, outra poeta licenciada en Filoloxía e Doutora en Didáctica das linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudou e toca o acordeón, fai teatro e, sobre todo escribe. Agradecémoslle que nos conceda este tempo para entrevistala e coñecer un pouco, máis polo miúdo, parte da súa creatividade e moi concretamente dese "Desnortada" que acaba de publicar en Espiral Mayor. Desexámoslle moitos éxitos.

A sección "Quen che preguntou?" do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F. Montes, coma sempre é unha selección de noticias debulladas mediante os seus "Desghústanme e Ghústanme" que sempre son moi acaidos. Finaliza coa sentencias e recollidas puntuais relacionadas coa fraseoloxía e outras ocurrencias populares e tradicionais.

Continuamos na segunda hora conectando con Aurelio Blanco Trincado, Presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses. Fálanos da importancia que ten a elección de Florencio Delgado Gurriarán, algo do que levan traballando dende ese Instituto. Tamén nos comenta moitas máis cousas relacionadas coa fundación dun Museo antropolóxico no Barco de Valdeorras, da gastronomía e dos viños con D.O. Valdeorras.

E finalizamos o programa de hoxe recibindo ao grande Xosé Avelino González Fernández, máis coñecido por "Avelino González". Actor galego, contacontos, narrador, director e tradutor de teatro... Agradecémoslle a súa participación de hoxe no noso humilde programa e fainos partícipes dos proxectos e traballos nos que está inmerso. Desexámoslle moitos éxitos.

Desexamos que volvan a conectar con nosoutros o próximo xoves. Aquí deixamos o programa enteiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario