jueves, 29 de mayo de 2025

XOVES 29 de MAIO do 2025

Unha emisión máis do noso programa que encetamos, coma sempre, coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para aproveitar e conectar con Galicia para falar con XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ. Agradecémoslle a súa amable atención e conversamos sobre algunhas cousas moi interesantes. Primeiro felicitámolo pola celebración dos "XXIX Premios Peña Novo-2025" que este ano se lle concederon á Xornalista Esther Estévez Casado, ao historiador Miguel Anxo Seixas e á Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo. Coméntanos algunhas cousas curiosas sobre os galardonados e tamén nos adianta a próxima e vindeira celebración da entrega da distinción "Xuíz do Couto Mixto-2025", que terá como novidade a entrega ao "Conselh Generau d'Arán" e a outros destacados persoeiros máis. Sempre é unha satisfación e unha honra poder recibir as súas noticias e explicacións. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

A segunda intervención, é a do Historiador DANIEL MARTIN GIL, Presidente do "VIII Certame de Relato Curto -Manuel Rivas- da Irmandade Galega de Rubí". Cóntanos que a participación foi moi abondosa e de grande calidade. As catro categorías tiveron os seus premiados. Anúncianos os nomes dos escritos premiados e dos seus autores. Tamén nos comenta algunhas cousas da súa traxectoria profisional e tamén das súas publicacións, que estivo presentando na "Feira do Libro de Sabadell" e informa aos escoitantes que se poden adquirir poñéndose en contacto con el no seu instagram e tamén en Amazón. Desexamos que teña moitos éxitos na súa andaina.

Voltamos novamente a Galicia, concretamente a TUI, despois de escoitar outro bocadiño de música, para poñernos en contacto con GUS ABREU, un grande e extraordinario fotógrafo. Felicitámolo polas publicacións nas que participou e onde se poden atopar moitas das súas fantásticas fotografías. Falamos concretamente do libro "Euro cidade Tui-Valença do Minho" e tamén o libriño das "Festas de San Telmo-2025", cheas de fotografías moi especiais, que recollen recunchos e detalles recónditos da Catedral-Fortaleza de Tui. Tamén nos fala da súa páxina en vimeo.com, que contén unha destacada cantidade de videos moi interesantes. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Continuando coa nosa emisión poñémonos en contacto con ANTONIO, Presidente da Irmandade Galega O NOSO LAR de Terrassa, que esta fin de semana celebrarán a "43 Festa Galega de Terrassa-2025", xunto coa posta en valor das "Letras Galegas-2025". Este ano mudan un chisco de situación, será nas Ramblas de Terrassa, precisamente xunto en frente da parada dos Ferrocarriles Cataláns. Comezarán as festas o vindeiro venres a partir das 18 horas, para dedicarlles espazo á xuventude e a participación da Asociación Alma Flamenca coas súas Sevillanas. O sábado terán sesión vermut con actuación de Grupos Galegos e xantar de Socios. Pola tarde continuarán con novas actuacións galegas e verbena a cargo da Orquestra Klan. O domingo continuarán máis actuacións, o Xantar Oficial coa asistencia das Asociacións Galegas colaboradoras e outras de Terrassa, xunto coa participación de autoridades locais e autonómicas. Pola tarde novamente actuacións galegas e verbena a cargo da Orquestra Klan, como final de Festa. Desexamos que teñan moita asistencia e que disfruten amosando a nosa cultura galega: musical, gastronómica e literaria.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora, ofrecéndolles unha selección de pezas musicais galegas. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.



No hay comentarios:

Publicar un comentario