Comezamos outro xoves máis coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música, nesta ocasión unha especial: "SAN FINS DO CASTRO", do Grupo
"TREIXADURA", porque temos a oportunidade de conectar cun dos seus compoñentes:
ANTÓN LÓPEZ, "Toniño". Agradecémoslle a súa amable atención e aproveitamos para felicitalo polo fantástico traballo e divulgación musical que están a ofrecer. Moitos concertos para este verán, moitas actuacións e preparación dun novo traballo discográfico, segundo nos comenta el mesmo, e que o prepararán durante este verán para poder ofrecelo a partir do mes de outubro próximo, segundo as súas previsións. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.
A seguinte intervención é a de dona CARMIÑA DE LEONOR, unha artesana de tear, "Tecelana", como lle din na zona de Navia de Suarna. Cóntanos cómo foi a súa traxectoria como mestra e profesora de moitos alumnos que tivo durante a súa profisionalidade tan feiticeira. Comezou moi noviña, aos 14 anos, segundo nos informou. Despois estivo dando clases no INEM e máis tarde contratada pola Xunta de Galicia en Lugo, como profesora. Ten ilusión de que un dos seus teares se escolla para expoñelo nalgún museo e que quede constancia da súa tarefa tan feiticeira. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.
Continuamos a emisión recibindo a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que está subdividida en tres partes moi diferenciadas e que comezan cunha entradiña musical: 1ª O Bule Bulo, 2ª Que pasa, que pasa na Ribeira Sacra e "Sabedoría Popular", con chiscadelas recollidas na súa "libretiña pequena". Desexamos que teña un feliz verán.

Conectamos con MIGUEL, do FURANCHO O ALTO DA ALDEA, en Goián. É un grande defensor do rural. Agradecémoslle a súa información relacionada con este Furancho que está a ter unha grande afluencia, non só pola súa situación en Soutelo, na parroquia de Goián, senón tamén poque é un dos furanchos máis populares da provincia de Pontevedra, na que Miguel ofrece as "delicatesen" máis exquisitas e interesantes que el mesmo colleita (ovos das súas galiñas con patatas frixidas e catro especialidades máis), ademais dun bon viño albariño, tinto de especialidades autóctonas e un clarete de grande aceptación. Desexamos que siga tendo moita clientela.
A última intervención é a da nosa colaboradora MIRIAM RODRÍGUEZ, que pertence á Xunta Directiva da A.C.G. Rosalía de Castro, e que nos informa da vindeira celebración da "Festa Galega de Can Mercader-2025" conmemorando o "45 aniversario da propia Entidade". Felicitámola, pola parte que lle toca e despois de recibir o convite para que asistamos esta fin de semana, despedímola con música do propio Carlos Núñez que será o que abrirá esta celebración cun concerto o primeiro día, venres, acompañado das "Rosalieiras", cantareiras da Asociación. Desexamos que teñan moito éxito.
E, coa música de Carlos Núñez de fondo, despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.
Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario