jueves, 9 de noviembre de 2023

XOVES 9 de NOVEMBRO do 2023

No programa de hoxe tivemos a ocasión de comprobar que "Radio Sant BOI" escóitase en Estados Unidos, concretamente en MIAMI. Por aquelas casualidades da vida chamamos a Fina Martínez Fraiz, para felicitala, xa que estaba de cumpleanos. Ao parecer hai un grupo de persoas que se reúnen para escoitar o noso programa. A verdade é que nos enche de satisfacción e hónranos coa súa escoita.

Despois da nosa sintonía de sempre, e das salutacións oportunas escoitamos un bocadiño de música e poñémonos en contacto con ADRIÁN, da Asociación Finca Moreiras, que se dedican á crianza de cabalos de Pura Raza Galega. Teñen unha serie de actividades relacionadas cos cabalos salvaxes daquela zona da Serra da Groba, concretamente en Mougás-Oia (Pontevedra). Fan Hipoterapia con grupos reducidos, Terapia de Comportamento, Terapia Ecuestre, Educación e desenvolvemento persoal... etcétera. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Falamos con FINA MARTÍNEZ FRAIZ, para felicitala, polo seu cumpleanos. Desexámoslle que cumpla moitos máis, chea de saúde. A verdade é que nos fai moita ilusión comprobar que dende MIAMI (Estados Unidos) teñamos escoitantes e seguidores do noso programa. Seguiremos en contacto con Fina e comprometémonos a seguir conectando en próximas ocasións para que nos describan algunha das actividades que realizan, posto que como nos dí seica hai unha boa colonia de galegos-cubanos alí.

Conectamos con ALBA CUQUEJO, Profesora de Galego na Aula de Idiomas e organizadora, xunto con Estudis Gallecs-UAB, o Recital Poético previsto para o sábado día 11 de novembro ás 18h no Centro Galego de Barcelona. Participarán Tamara Andrés, co seu libro "Irmá paxaro", Ánxela Lema e Sara Villar co seu libro "Excéntricas". Desexámoslle que teñan unha grande asistencia de público e moitos éxitos.

A continuación recibimos a crónica do noso correspondente na capital da Riberia Sacra (Monforte de Lemos), XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección Quen che Preguntou? na que sempre escolle os seus Me ghusta e Desghustan para achegarnos as informacións máis relevantes que el mesmo escolle. Tamén nos aporta as "anotacións particulares da súa libretiña pequena". Agradecémoslle-lo.

Falamos con ÁNXELA LEMA PARÍS, escritora, investigadora e poeta, autora do libro de poemas escrito "a catro mans" que presentaráa no Centro Galego de Barcelona, tal e como nos indicaba Alba Cuquejo ao comezo do programa. Confírmanos que acaba de entregar un seu traballo que seguro sairá publicado na próxima primavera do 2024. Desexámoslle moita sorte.

Felicitamos a "MASHA", María Álvarez Martínez,  porque acaba de gañar o "XV Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar", polo seu traballo que leva por título "Dakota". ¡Moitos parabens, "Masha"!!! Xa tiñamos falado con esta autora, tempo atrás, xa que fora premiada tamén no Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellà. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

 ¡Que teñan unha feliz semana!


No hay comentarios:

Publicar un comentario