jueves, 16 de noviembre de 2023

XOVES, 16 de NOVEMBRO do 2023

Comezamos outro programa máis coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas de cada semana e un bocadiño de música para poñernos en contacto con CLARA VIDAL, unha mestra, escritora e poeta da Coruña, a quen parabenizamos porque acaba de recibir o Premio do XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas-2023, pola súa obra: "Masaxe con argán mal pronunciada". Fálanos dese poemario, que se publicará  por Editorial Caldeirón no ano que ven, 2024. Tamén nos comenta algo da súa creatividade escritora e poética, algúns Premios acadados e agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe, desexándolle que siga colleitando moitos éxitos.

Continuamos a emisión, despois doutro bocadiño de música, para recibir a PABLO GONZÁLEZ, da Bodega EDV 2015 SLU. Saudámolo e parabenizámolo por ter acadado varias Medallas de Ouro cos seus viños no Certame que se celebrou en Italia, concretamente no Val de Aosta, na Celebración do "Mondial des vins extremes". Precisamente acudirá a Roma a recoller esas medallas de Ouro o vindeiro día 1 de decembro. Tamén nos comenta a súa participación e ponencia recente no "I Congreso do Control da Velutina", así como tamén nos fai saber que pronto porán no mercado Mel de Galicia, da Ribeira Sacra, procendente dunha súa finca axeitada para tal recolección. Agradecémoslle a súa aportación no noso programa de hoxe e desexámoslle que siga tendo moita sorte e moitos éxitos.

Dámoslle paso ao noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que desenvolve cos seus "Me ghustan e Desghústanme", escollendo as novidades e informacións máis salientables que acontecen en Galicia. Sempre moi interesantes. Tamén nos aporta as anotacións da súa "libretiña pequena", ocurrencias e apuntes que viña recollendo das diferentes intervencións e aconteceres que atopa no seu decorrer diário ou nalgún acontecemento. Tamén nos envía a súa "viñeta" relacionada con algún momento da emisión do noso programa, onde figura algunha frase ou comentario emitido. Agradecémoslle a súa colaboración.
 

Despois escoitamos unha peza do "Orfeón TREIXADURA" para darlle entrada a PAULO NEGREIRA PORTO, gaiteiro compoñente deste grande grupo musical con máis de trinta anos de traxectoria musical e interpretativa. Parabenizámolo por teren realizado unha homenaxe a "Mingos" na súa parroquia natal, Barcia de Mera. Foi un acotecemento moi emotivo ao que asistiron moitos simpatizantes e amigos non só de Mingos senón tamén de Treixadura así como tamén a súa dona Fini e os seus propios fillos, Miriam, Fran e Mingos. Unha exaltación da persoa e unha posta en valor do emprego do noso idioma galego no cemiterio. Tamén tiveron unha actuación importante no programa LUAR da TVG o pasado venres. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e aproveitamos para despedirnos coa súa música e desexarlles que teñan unha feliz semana. Ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa enteiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario