jueves, 16 de octubre de 2014

quen che preguntou

Unha emisión máis en galego, coa intención de facervos pasar dúas horiñas de radio entretidas. Comezamos comunicándonos con XESÚS VIZCAIA, "Xús" para os amigos. Un apicultor de Viana do Bolo (Ourense) con quen mantemos unha conversa moi interesante relacionada coas abellas, e moi concretamente cunha proposta moi engaiolante: "Apadriña unha colmea". Agradecémoslle a súa atención e prometémonos voltar a falar con el para que nos siga a ilustrar sobre o seu traballo.


Continuamos en Ourense, pero nesta ocasión achegámonos ao Carballiño para conversar con SERXIO, da Panadería "Europa", pero que xa é máis coñecido como "Pan P'a Todos", e que como el mesmo nos indicou seguro que mudarán o letreiro e adoptarán este último porque se atopan moi a gusto con esta definición do seu negocio. En vindeiras datas voltaremos a comunicarnos con Serxio e Mati, para que nos falen da súa traxectoria.


Na segunda hora, como cada semana, conectamos coa capital da Ribeira Sacra, para que nos fale das noticias que escolle o noso correspondente XOSÉ M.F.MONTES, e que sempre veñen acompañadas de certa retranca e retrouso no seu falar. A sección QUEN CHE PREGUNTOU?, vai acadando outra dimensión; os nosos oíntes e seguidores así o confirman.


Antes de finalizar o programa escoitando música galega, conversamos e entrevistamos a don MIGUEL ANXO VISO DIÉGUEZ, Presidente da C.R.D.O. Ribeiro, que nos fala do evento no que teñen previsto participar en Barcelona: Forum Gastronómico, presentando nada menos que os viños de 13 adegas do Ribeiro, acompañado de don Diego López (Restaurante La Molinera) mellor cociñeiro do ano,  dona Meritxel Falgueras, sommelier e don Pablo Vidal, Director técnico. Todo un equipo de altura para presentar os viños do Ribeiro. Agradecémoslle as súas palabras e a súa amable atención. Seguro que voltaremos a facerlle algunha chamadiña, máis adiante, para que nos facilite unha valoración do acontecemento.


A vindeira semana máis e, se podemos, mellor. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario