Un novo mes e un novo programa en galego. Nesta semana non podemos conectar con Xosé M.Montes, por mor dalgún compromiso persoal, pero conectamos con MASITO BEIRÓ, o noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente en PADRÓN, con quen mantemos unha amena conversa sobre algúns acontecementos e eventos que se celebrarán naquela localidade, todos eles de singular importancia cultural, e repasamos algunhas cousas que el mesmo escolle.
Na segunda parte do programa trasladámonos a ALLARIZ (Ourense) para falarmos con CHUS, a filla de dona LUISA SEARA, a mantedora dunha das receitas das "Améndoas de PICO". Esta familia é das poucas que aínda hoxe en dia, e tan só por encargo, son capaces de elaborar este doce tan sabroso e exquisito que seica procede dunha elaboradísima receita de procedencia xudea e que lle transmitiron no seu día aos seus antecesores as monxas clarisas desta localidade. Chus fálanos da súa "Confitería LUÍSA", que segue a tradición da súa nai e continúa a despachar os riquísimos "Amendoados de Allariz" e outros doces que teñen unha grande demanda, como poden ser as Roscas doces, os Melindres, os Mazapáns, as Tortas de Améndoa... e os licores tradicionais galegos (Oruxo, Licor café, Licor de Herbas, Licor de Oruxo... etcétera). A verdade é que se nos fai a boca auga falando con ela. Desexámoslle que continúe disfrutando do seu traballo e agardamos voltar a falar con ela noutra ocasión, para que nos dea algunha receita deses doces exquisitos que ela confecciona.
A vindeira semana máis, e se é posible moito mellor... ¡Agradámovos a TODOS!
No hay comentarios:
Publicar un comentario